Investigado un profesor por conversar en redes con alumnos menores sobre porros e sexo

Nalgúns dos vídeos o docente mostraba supostos estudantes doutros centros fumando marihuana na súa vivenda.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2019 | Actualizada ás 10:46

Comparte esta noticia

A Garda Civil de Vimianzo (A Coruña) procedeu a imputar a un docente relacionado cun centro educativo da Costa da Morte por delitos contra a saúde pública e falsidade documental por manter conversacións a través das redes sociais con alumnos sobre o consumo de substancias estupefacientes e temas de índole sexual.

Segundo informou o Instituto Armado, os feitos remóntanse ao mes de marzo cando a Garda Civil, dentro dos contactos habituais que se manteñen cos centros educativos, foi informada de que se presentaron queixas na dirección dun dos centros, onde se facía constar "a mala praxe dun profesor".

A denuncia recollida a través do centro, relatan as mesmas fontes, facía referencia a que un docente, que exercía as súas funcións como substituto no centro educativo, "creara un grupo de WhatsApp cos seus alumnos, cuxo contido constaba de imaxes e conversacións nas que se facía referencia e apoloxía ao consumo de substancias estupefacientes, así como conversacións de índole sexual", puntualizou a Benemérita.

No marco das investigacións, a Garda Civil tivo acceso ás conversacións mantidas entre ese profesor e os alumnos, polo que puido comprobar "a veracidade das mesmas e a existencia do material audiovisual compartido", sinalou o Instituto Armado. "Nalgúns dos vídeos, o docente mostraba supostos alumnos doutros centros nos que exercera, fumando substancias psicotrópicas na súa vivenda", abundaron as mesmas fontes.

Este comportamento non só se producía vía redes sociais, explica a Garda Civil, senón que o profesor "durante as horas lectivas establecía conversacións de índole sexual cos menores e chegaba a expor a posibilidade de conseguirlles bebidas alcohólicas e marihuana, como manifestaba facer cos seus anteriores alumnos", engade.

CENTROS DE TODA GALICIA

Ante a "gravidade dos feitos investigados", a Garda Civil solicitou a colaboración a Consellería de Educación da Xunta de Galicia para ter acceso aos diferentes centros educativos nos que impartira docencia.

Os investigadores mantiveron contacto con todos estes centros educativos, "repartidos polo catro provincias galegas", destaca a Benemérita, que engade que, "en todos eles, a súa estancia fora moi corta por diferentes baixas laborais". Con todo, nun centro situado na provincia de Lugo manifestaron que no seu día alumnos expuxeran ao profesorado "incidencias similares", sosteñen as mesmas fontes.

BAIXAS MÉDICAS

De igual forma que no centro da Costa da Morte, cando a dirección do dentro abría unha investigación, o docente ausentábase alegando diferentes baixas médicas. Por iso, "ante a similitude no seu comportamento", relata o Instituto Armado, "indagouse sobre a orixe das mencionadas baixas médicas" e observouse "incongruencias en varias das mesmas".

Tras contactos cos diferentes centros hospitalarios, algún deles en Asturias, chegouse a comprobar a "falsidade dalgúns dos xustificantes", subliñan as mesmas fontes. Unha vez realizadas todas estas investigacións, o Posto da Garda Civil de Vimianzo procedeu a investigar ao docente por delitos contra a saúde pública e de falsidade documental.

CÓDIGO PENAL

O Código Penal español cualifica como delito "o promover, favorecer ou facilitar o consumo ilegal de drogas tóxicas", lembran as mesmas fontes, considerando agravante que estes feitos "sexan realizados por un docente ou educador no exercicio da súa profesión".

A Garda Civil destaca "a absoluta colaboración" da Consellería de Educación, como dos diferentes centros educativos, que, sentenciou, "foron fundamentais para o total esclarecemento do acontecido". Con todo, as investigacións mantéñense abertas ante a posibilidade de que poida haber máis menores de idade afectados.

Unha moza fumando un porro ou canuto de marihuana
Unha moza fumando un porro ou canuto de marihuana | Fonte: Revista Cáñamo

XUNTA

Pola súa banda, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional mantén aberta unha investigación sobre este caso. A responsable do departamento autonómico, Carmen Pomar, explicou que a natureza desta incidencia requiriu a apertura dunha investigación interna por parte do Executivo, en concreto a Inspección Educativa. Segundo trasladou, o proceso atópase nese punto e "non está aínda nada resolto", polo que haberá que esperar ao avance e resultado da investigación da Consellería para "decidir as medidas adecuadas".

"Calquera incidente ou incidencia desta natureza sempre é froito dunha investigación interna dos departamentos da Consellería implicados, empezando por Inspección Educativa. Normalmente son inspeccións internas que levan despois a decidir as medidas adecuadas e neste caso o procedemento está nese momento", sinalou Pomar, insistindo en que o caso "se está investigando".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta