O Sergas xustifica a contratación de servizos externos de comunicación ante a denuncia por malversación

Asegura que houbo "rigor administrativo e contractual" da xestión do servizo de comunicación na EOXI de Pontevedra e O Salnés.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 02/07/2019 | Actualizada ás 16:26

Comparte esta noticia

A Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Pontevedra e O Salnés defendeu este martes o "rigor administrativo e contractual" da xestión do seu servizo de comunicación. Así o destacou despois de que o Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra incoase dilixencias previas por mor da denuncia presentada en maio de 2018 polo sindicato médico CESM Galicia contra os xerentes desta área José Manuel González Álvarez e José Ramón Gómez Fernández, por un suposto delito de malversación de fondos, ao duplicar os servizos de comunicación do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP).

Hospital de Montecelo, en Pontevedra
Hospital de Montecelo, en Pontevedra | Fonte: aldhos.com

A EOXI asegura que, ante o requirimento xudicial a este respecto, a xerencia sanitaria desta área "colabora estreitamente coa Xustiza" para "achegar información técnica e administrativa".

Neste sentido, subliñou que "calquera xestión efectuada no tempo sobre esta área sempre se enfocou en termos de reforzo operativo do departamento".

Así, alega que en 2007, "pola alta actividade e demanda de comunicación corporativa" da Consellería de Sanidade e do Sergas en Pontevedra e O Salnés, a xerencia do CHOP, ostentada entón por María Codesido López, lembran as mesmas fontes, "iniciou a contratación en maio dese ano dunha comunicación corporativa como reforzo deste servizo nunha área sanitaria que abarca tres hospitais, 44 centros de saúde e ten unha poboación de referencia de 300.000 habitantes"

Ao citado procedemento, explican as mesmas fontes sanitarias, "a través de concurso público aberto", soamente se presentou unha proposta, que "iniciou a súa actividade en xuño de 2007". "Desde entón, con renovacións administrativas legais e reguladas da EOXI de Pontevedra e O Salnés, e ata o pasado 30 de abril de 2019, a comunicación do ámbito sanitario público contou con dous profesionais que traballaron de forma coordinada e cunha distribución específica dos seus respectivos ámbitos de actuación", esgrimiron.

CONTRATO MENOR

A xerencia sanitaria desta área puntualizou que na súa "colaboración técnica e administrativa" sobre a xestión e mantemento do servizo de comunicación, a EOXI de Pontevedra e O Salnés "achegou información complementaria de novembro de 2007".

Respecto diso, concretan que foi o ano no que o entón director da Fundación Hospital do Salnés, Pedro Soler Bordoy, "iniciou un contrato menor de comunicación do Hospital do Salnés cunha empresa externa", actividade que "mantivo externalizada ata marco de 2009", concretaron.

O Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra, segundo o auto, investiga se os feitos denunciados corresponden a un delito de prevaricación ou de malversación, polo que incoou dilixencias previas.

Así, requeriu mediante comparecencia da Letrada da Administración de Xustiza nas dependencias oficiais da EOXI de Pontevedra e O Salnés "ou aquelas dependencias públicas nas que se poidan atopar" a entrega "dos expedientes administrativos" relativos a eses contratos.

Deste xeito, autoriza a entrada e rexistro desas dependencias, "con auxilio policial", no caso de que "non se produza a inmediata entrega". "Procede con esa documentación como se explica neste auto aníndoa á causa nunha peza separada por cada expediente administrativo", abunda o xulgado.

Entre outras dilixencias ordenadas, inclúese a toma de declaración como testemuña do responsable de prensa do CHOP, R.A.S.; así como o rexistro das contas rexistradas desde 2009 --todo unido en peza separada--, matiza o xulgado, das "mercantís TEKLA Comunicación S.L. e LARANGO Comunicación S.L..

Tamén require á Intervención da EOXI de Pontevedra e O Salnés "relación xustificada de todos os pagos realizados ás dous mercantís mencionadas desde o ano 2009".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

moita leria para meter cartos públicos en empresas privadas...! Dignidade Atención Primaria https://youtu.be/e85k0DfROJk