Por Walter Burns | Cabana de Bergantiños | 07/03/2012 | Actualizada ás 07:30
Aproximadamente 770 campos de fútbol. Este é o tamaño da mina de ouro a ceo aberto que a compañía canadiana Edgewater Exploration Ltd. segue a tramitar diante da Xunta. GC desvelou a existencia da concesión na Costa da Morte por 90 anos en 2010.
Na busca da declaración de "proxecto estratéxico"
Edgewater acaba de anunciar que solicitou ao Goberno Galego que declare a mina de Corcoesto "proxecto estratéxico". Segundo recoñece a propia compañía, "se se concede este status, o trámite da mina pode ser máis rápido en diferentes niveles, incluído o de lograr o permiso de minería".
De feito, os canadianos informan que xa remitiron o Estudo de Impacto Ambiental a San Caetano o 9 de febreiro. Coma nos parques eólicos, o habitual é que os donos das minas paguen e fagan as avaliacións de impacto na natureza, que despois revisa a Administración.
Os ecoloxistas din que afecta á Rede Natura, a empresa négao
A mina de Corcoesto conta coa oposición dos ecoloxistas. Por exemplo, a Sociedade Galega de Historia Natural solicitoulle á Xunta que avalíe en detalle o impacto da mina nos "Lugares de Interese Comunitario existentes na zona (LIC ES1110015 Río Anllóns) e as súas inmediacións (LIC ES1110005 Costa da Morte; ZEPA ES0000176 Costa da Morte)". A explotación ocupa terreos de tres municipios, os concellos de Cabana, Coristanco e Ponteceso.
Outro grupo ecoloxista, Verdegaia, xa alertou que a mina "está planeada sobre a zona protexida Natura 2000 do LIC do río Anllóns". A compañía reaccionou inmediatamente e dixo que "lamenta a falla de rigorosidade das críticas efectuadas por Verdegaia, baseadas nun documento de inicio que non recolle as características finais da mina". En definitiva, Edgewater nega que a súa explotación afecte a terreos protexidos da Rede Natura.
"Moi satisfeito co apoio e o progreso que estamos a recibir do Goberno Galego"
O que é seguro é que o grupo norteamericano aspira a un trámite veloz dos permisos ambientais mediante a declaración de "Proxecto Estratéxico". De feito o seu presidente, George Salamis, mostrase "moi satisfeito co apoio e o progreso que estamos a recibir do Goberno Galego, a todos os niveis".
Salamis non se corta á hora de falar de como estas xestións poden adiantar os permisos. "Baseándonos na nosa experiencia en España, adiantamos que recibiremos o permiso de explotación na segunda metade de 2012. Incluso antes, se a mina recibe o status de 'proxecto estratéxico' ", presume.
Os ecoloxistas non o teñen tan claro. Así, a SGHN alegou que a mina xeraría até 20 millóns de metros cúbicos de residúos, dos cales só unha parte serán reutilizados como áridos.
"Produto químico extremadamente tóxico para o home e a fauna"
Tamén teñen reservas sobre a agresividade dos produtos necesarios para extraer o ouro. Así, os ecoloxistas advirten que Edgewater vai estar "Empregando unha solución fortemente alcalina (pH 10,5) de cianuro sódico para separar o ouro das rochas extraidas e trituradas, sexa mediante lixiviación dinámica en tanques axitados ou mediante lixiviación en pilas. De empregarse esta última estarian a ceo aberto tres instalacións contendo dito produto químico extremadamente tóxico para o home e a fauna: a pila de rochas trituradas e as dúas balsas mineiras".
Edgewater Exploration Ltd. é unha compañía canadense especializada na compra e explotación de antigas minas de ouro que cotiza na bolsa de Toronto. Os seus dous maiores proxectos están en Ghana e Corcoesto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.