O PPdeG confirma que foi Baltar quen pactou con Jácome "para darlle a maioría que el non lle deu a Jesús Vázquez"

Tellado enxalza a "estabilidade" da Xunta fronte a concellos onde "os partidos de esquerda non clarifican como van ser" os seus gobernos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2019 | Actualizada ás 18:22

Comparte esta noticia

Nas cidades, o único poder que ostenta o Partido Popular é no goberno de coalición do Concello de Ourense tras o pacto alcanzado co líder de Democracia Ourensá, Gonzalo Pérez Jácome, para que este fose alcalde a cambio de que DO dese o seu apoio a José Manuel Baltar na deputación.

Cuestionado sobre este acordo, Miguel Tellado asegurou que "a decisión de formar un goberno de coalición en Ourense foi do Partido Popular de Ourense" e contou co aval da dirección galega.

Deste xeito, destacou a articulación dun goberno de coalición entre Democracia Ourensá e PP para "facer valer a maioría" nunha corporación "paralizada durante dez anos por falta de maiorías plenarias".

"Démoslle a Ourense o que non lle deu a Jesús Vázquez cando foi alcalde: unha maioría", incidiu, para a continuación mostrar a súa confianza en que a alianza entre Jácome e o PP "sexa frutífera" para ter "un goberno municipal operativo" que "oxalá houbese na maioría de cidades de Galicia".

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, en rolda de prensa na sede do partido. PPDEG
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, en rolda de prensa na sede do partido. PPDEG | Fonte: Europa Press

COMITÉ DE CIDADES

O Partido Popular de Galicia creou un novo órgano dentro da súa estrutura denominado 'Comité de cidades' que ten como obxectivo "compartir experiencias, métodos de traballo e xerar sinerxías" entre as direccións locais da formación no sete cidades galegas.

Este comité, que se constitúe na tarde deste venres, estará formado polos portavoces municipais e os presidentes locais do Partido Popular, segundo detallou o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, en conferencia de prensa.

Con este novo órgano, os populares queren "demostrar en cada cidade" que o partido ten "un proxecto cohesionado e unido para defender os intereses" da "Galicia urbana", na que o PPdeG non ostenta ningunha das alcaldías das sete grandes cidades.

"En Galicia hai cidades que non saben se van ter un goberno de coalición, un goberno en minoría ou en definitiva se van ter goberno, porque os partidos de esquerda non foron capaces de clarificar como van ser ou se van ser capaces de aprobar os orzamentos municipais para o próximo ano", sinalou Tellado.

Fronte a isto, o tamén viceportavoz parlamentario do Grupo Popular no Pazo do Hórreo contrapuxo a "estabilidade institucional" da Xunta, algo "clave na boa marcha da economía galega nos últimos anos".

SUBIDA DE SALARIOS DOS ALCALDES

A preguntas dos medios, Tellado tamén se referiu a a subida das retribucións de alcaldes e asesores que acordaron varias corporacións galegas para o recentemente iniciado mandato.

O secretario xeral dos populares galegos apuntou que o soldo dos políticos "é un tema que se presta a moita demagoxia" e reivindicou que "o lóxico" é que os alcaldes "teñan retribucións dignas por desempeñar o seu traballo".

"A política é unha actividade que debe ter unha retribución digna e proporcional ás responsabilidades que se asumen", incidiu Tellado, quen defende que o PP "sempre" mantivo esta postura, tanto no goberno como na oposición. "Gustaríanos que o PSOE o fixese igual, non só agora que lles toca gobernar", sinalou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta