Valdeorras, “berce do godello”, celebra a XXII Feira do Viño

Na intervención inaugural do presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando, destacou o potencial desta variedade e referiuse á feira como o principal escaparate promocional dos caldos da comarca.

Por X.M. Fernández | Vilamartín de Valdeorras | 14/07/2019 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Coñecida é a calidade dos brancos de Valdeorras, en especial da variedade godello, e neste tema incidiu García Pando no seu discurso que inauguraba este sábado a XXII Feira do Viño de Valdeorras no recinto feiral de Viloira no Barco de Valdeorras. Remarcando a importancia do godello e o seu momento doce, afirmou que “estou seguro de que si produciramos un 50% máis de godello non teriamos ningún problema en situalo no mercado”.

Entrada do recinto feiral. Fonte: Prensa CRDO  Entrada ao recinto feiral. Fonte: Prensa CRDO
Entrada do recinto feiral. Fonte: Prensa CRDO Entrada ao recinto feiral. Fonte: Prensa CRDO

García Pando referiuse á Feira do Viño como o principal escaparate promocional dos brancos e tintos da comarca. Un escaparate que quere poñer en valor os viños elaborados con godello. “Somos o berce desta variedade”, indicou. “Aquí elabóranse co 100% de godello por regulamentación e exprésanse coma en ningún outro sitio”, proseguiu. Porén, tamén en Valdeorras existen bos tintos, e o presidente sinalou a súa importancia lembrando o recente premio de Mellor Tinto de Galicia 2019 na última Cata Oficial da Xunta, precisamente para o tinto “Menciño” da Bodega Cooperativa Jesús Nazareno do Barco de Valdeorras.

Rematando o seu discurso referiuse á comercialización, básica para que todo funcione. García Pando afirmou que un dos obxectivos irrenunciables para o o organismo que dirixe é conseguir que “o noso viño se venda a mellor prezo” e que medre a facturación porque isto é importante “para que os viños deixen unha marxe empresarial óptima tanto para os viticultores como para os adegueiros”.

ACTIVIDADES PARALELAS

A XXII Feira do Viño de Valdeorras, que se celebra esta fin de semana na praza barquense de Viloira, conta coa participación de 21 adegas da comarca, e sitúa a Valdeorras no epicentro de lecer e festivo da provincia de Ourense estes días. O recinto feiral permanecerá aberto hoxe domingo en horario de 12:30 a 14:30 horas e de 19:30 a 23:00 horas. A feira conta cun programa completo de eventos paralelos que inclúe actuacións musicais e actividades para os máis cativos.

Entrega premio 'Mellor Tinto de Galicia 2019'. Fonte: Prensa CRDO
Entrega premio 'Mellor Tinto de Galicia 2019'. Fonte: Prensa CRDO

O tren Valdeorras Expreso facilitará os desprazamentos de ida e volta ata o recinto feiral. O percorrido comprende saídas desde o polideportivo, pasando polo hospital e a praza do Concello ata chegar á Praza de Viloira.

Discurso inaugural de José Luis García Pando na XXII Feira do Viño de Valdeorras. Fonte: Prensa CRDO Discurso inaugural de José Luis García Pando na XXII Feira do Viño de Valdeorras. Fonte: Prensa CRDO
Discurso inaugural de José Luis García Pando na XXII Feira do Viño de Valdeorras. Fonte: Prensa CRDO Discurso inaugural de José Luis García Pando na XXII Feira do Viño de Valdeorras. Fonte: Prensa CRDO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 cesc

Que rico o godello.