O Grupo Mixto prepara unha proposición de lei para a despenalización da eutanasia

Villares confía en que "o consenso" que existe ao redor da morte digna na sociedade se traslade aos grupos da Cámara.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/07/2019 | Actualizada ás 14:44

Comparte esta noticia

O Grupo Parlamentario Mixto na Cámara galega traballa na elaboración dunha proposición de lei para a despenalización da eutanasia que pretenden presentar durante o próximo outono.

Diso informou o portavoz do Grupo Mixto, Luís Villares, nunha comparecencia de prensa celebrada este mércores no Pazo do Hórreo, onde mostrou a súa confianza en que o "amplo consenso" que existe na sociedade en torno ao dereito á morte digna se traslade á Cámara e o resto de grupos apoien a medida.

"A lei é estruturalmente inxusta. Necesitamos no Estado español regular o dereito a unha morte diga para considerala como unha prolongación do dereito a unha vida digna", indicou o maxistrado en excedencia, que lembrou que o artigo 143 do Código Penal castiga a eutanasia activa e a cooperación ao suicidio con penas de entre dúas e dez anos de cárcere.

Por iso, o Grupo Mixto quere trasladar ao Parlamento de Galicia o "debate" sobre o dereito á morte digna, que volveu ao foco mediático e social este ano co caso de Ángel Hernández, o madrileño que axudou a morrer á súa muller, María José Carrasco, quen padecía esclerose múltiple desde había décadas.

Así, Villares comentou que "o indulto" é na actualidade a única vía para que unha persoa que axuda a morrer a outra non pague condena por iso. Un mecanismo que, segundo o portavoz, non é adecuado desde o punto de vista xurídico nin "moral", pois "o dereito a unha vida digna" debe ter "como corolario final o dereito a unha morte digna".

Nesta liña, considera que a actual formulación do Código Penal "é incompatible e incoherente" co "dereito a dispor do ben superior, a vida", así como do "libre desenvolvemento da personalidade", recollido no artigo 10 da Constitución Española.

"CONSENSO SOCIAL"

Así as cousas, o portavoz do Grupo Mixto remarcou que a despenalización da eutanasia presenta "un consenso social moi superior" ao de "outros dereitos aínda non consolidados" , como reflicte a última enquisa de Metrocospia na que o 87% dos españois se mostraba a favor da morte digna.

Un "estado de opinión" que, segundo Villares, existe mesmo entre a poboación que se declara cristiá, polo que confía en que todas as forzas con presenza na Cámara galega se sumen á súa iniciativa para traballar conxuntamente na elaboración do texto lexislativo que, de aprobarse, sería remitido ao Congreso dos Deputados. Con todo, recoñece que aínda non mantivo contactos co resto de grupos.

Ademais, pretenden que o debate "pase os muros" do Parlamento e, para iso, organizarán unhas xornadas en colaboración coa Asociación Dereito a Morrer Dignamente que se celebrarán no mes de setembro.

O  portavor parlamentario do Grupo Mixto, Luís Villares, en rolda de prensa no Pazo do Hórreo
O portavor parlamentario do Grupo Mixto, Luís Villares, en rolda de prensa no Pazo do Hórreo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta