Describen por primeira vez un caso de vitilixe en baleas no Océano Atlántico, identificado en augas de Galicia

Os científicos resaltan que conseguiron as primeiras imaxes en vídeo no mundo dun caso de pigmentación anormal nun rorcual.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/08/2019 | Actualizada ás 12:42

Comparte esta noticia

O primeiro caso rexistrado de vitilixe en baleas no Océano Atlántico vén de ser dado a coñecer á comunidade científica internacional. O extraordinario achado localizouse en augas de Galicia, o 7 de outubro de 2017 e foi realizado por biólogos do Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI), con base no Grove.

Exemplar de rorcual común con vitilixe
Exemplar de rorcual común con vitilixe | Fonte: BDRI.

A vitilixe é unha afección cutánea que se caracteriza pola presenza de manchas brancas sen pigmento, rodeadas dun bordo de cor normal ou máis escura. O caso descrito foi identificado nun exemplar adulto de rorcual común (Balaenoptera physalus), duns 20 metros de lonxitude, que se desprazaba a uns 25 quilómetros da costa sur galega, e foi gravado en vídeo, algo inédito.

"Ata onde sabemos, este é o primeiro caso de patrón de pigmentación anormal nunha balea de aleta descrito con fotografías e rexistros de vídeo", salientan os científicos, que anuncian a identificación "por primeira vez no Océano Atlántico dun caso de vitilixe en baleas". 

Os investigadores veñen de publicar o achado na revista especializada en enfermidades de organismos acuáticos Diseases of Aquatic Organisms, nun artigo titulado 'First record of atypical pigmentation pattern in fin whale Balaenoptera physalus in the Atlantic Ocean'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta