O MNG apoia a folga do 19 de abril

A Mocidade Nacionalista Galega (MNG), corrente xuvenil referente de +Galiza, quere facer público o seu rotundo apoio á folga estudantil no ensino medio que terá lugar o vindeiro xoves 19 de abril de 2012.

Por Mar Lopes | Compostela | 18/04/2012

Comparte esta noticia

 A Mesa pola Normalización Lingüística e a súa sección xuvenil, a Liga Estudantil Galega, os Comités e o Sindicato de Estudantes chaman o alumnado de ensino medio de toda Galiza a pararen as aulas ese día, para conseguiren pór freo aos ataques contra a lingua galega. A MNG secundará esta folga e desexa animar a todo o alumnado a se sumar a esta convocatoria por moi diversas razóns: 

 
- Tras tres anos de goberno do PPdeG, este partido non impulsou ningunha medida positiva para o galego. Todas as medidas levadas a cabo no ámbito lingüístico foron recortes, retrocesos, eliminación de medidas, etc...tan só para tentar contentar unha parte extremista do PPdeG.  
 
- O actual decreto mal chamado de “plurilingüe” reduce á mínima expresión a presenza do galego nas aulas dos nosos centros educativos. Trátase dun auténtico decretazo contra a lingua galega.
 
- Galiza é actualmente o único territorio do estado español con lingua propia que ten prohibido por lei impartir determinadas materias científico-técnicas en galego no seu sistema educativo. Materias como Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía deben ser impartidas obrigatoriamente en castelán. Polo outro lado, a pesar da crise económica e dunha Xunta que se chama de “austera”, o PPdeG non escatimou en gastos nestes tres últimos anos, chegando a malgastar varios millóns de euros en destruír milleiros de libros polo simple feito de estaren escritos en galego.
 
- As Equipas de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros sufriron en todo este tempo numerosísimas agresións e viron como desde o goberno galego se reducía brutalmente o seu orzamento. Mesmo a palabra “normalización” foi suprimida no decreto do “plurilingüísmo”. 
 
- A introdución da terceira lingua (normalmente o inglés) en numerosos centros educativos está a servir como coartada para reducir, aínda moito máis, a presenza do galego. 
- A introdución e a aplicación do decretazo nos nosos centros educativos, provocou que o número de horas semanais impartidas en galego se estableza ao redor do 20%. Esta porcentaxe sitúase moi por baixo do límite legal (50-33%, dependendo da introdución da lingua estranxeira). 
 
- A situación é moito máis preocupante en bastantes ciclos formativos e nas ensinanzas artísticas ou especiais, nos cales, nin sequera existen materiais didácticos en galego.
 
Por estas e por outras moitas razóns, a MNG chama o alumnado de secundaria a parar as aulas este xoves 19 de abril como un xesto de solidariedade, de responsabilidade e compromiso coa situación do galego no ensino. Porque aprendermos en galego é un dereito! É o noso dereito!
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
María do Mar Lopes González Diplomada en Maxisterio, especialidade en inglés. Actualmente estuda Lingua e Literatura Galegas na USC. É Presidenta da “Asociación Cultural Garipano”, colectivo que traballa na defensa da identidade, da lingua e da cultura galegas realizando campañas para a concienciación da sociedade. Participa en diferentes colectivos, plataformas e iniciativas: “Queremos Galego”, “A Mesa pola Normalización Lingüística”, “Galiza co Galego”.