Temas: FRASEOLOXíA

Estar # Poñerse... “coma unha vara verde”, “coma unha corre” ou “coma un xunco”, equivalentes a “como un flan”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Santiago de Compostela | 01/09/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Naqueles casos en que unha persoa anda moi nerviosa, alterada ou excitada non é raro escoitar que está coma un flan ou feita un flan. Sen entrarmos aquí a valorar ata que punto estas secuencias son propias da nosa lingua ou son mero calco das correspondentes castelás (inda que en principio, e pola información que manexamos, parece que a opción máis plausible é a segunda), nin se deben formar parte ou non dun correcto estándar galego, do que si podemos dar conta é de que existen outras formas de dicir sen dúbida xenuínas que expresan ese mesmo significado. Vexámolas:

Flan de ovo
Flan de ovo | Fonte: recetas.com

Estar # Ponerse... como un flan # hecho un flan

{= Estar # Poñerse… moi nerviosa, alterada ou excitada unha persoa.}

(Estar # Poñerse... que) Tremer coma unha vara verde && Estar # Poñerse... (nervioso/alterado/axitado...) coma unha vara verde && Estar # Poñerse... feito unha vara verde

(Estar # Poñerse... que) Tremer coma unha corre && Estar # Poñerse... (nervioso/alterado/axitado...) coma unha corre

(Estar # Poñerse... que) Tremer coma un xunco && Estar # Poñerse... (nervioso/alterado/axitado...) coma un xunco (ó vento # na auga)

(Estar # Poñerse... que) Tremer coma un vimbio && Estar # Poñerse... (nervioso/alterado/axitado...) coma un vimbio

Ex.: La noche de la fuga estaba hecho un flan y casi lo echa todo a perder.

A noite da fuga tremía coma unha vara verde púxose (nervioso) coma unha corre estaba coma un xunco ó vento púxose a tremer coma un vimbio (cos nervios) e a pouco máis bótao todo a perder.

● Tamén:

(Estar # Poñerse... que) Temblar como una hoja

(Estar # Poñerse... que) Tremer coma unha vara de vimbio && Estar # Poñerse... (nervioso/alterado/axitado...) coma unha vara de vimbio

(Estar # Poñerse... que) Tremer coma unha xostra && Estar # Poñerse... (nervioso/alterado/axitado...) coma unha xostra

(Estar # Poñerse... que) Tremer coma a cana do millo && Estar # Poñerse... (nervioso/alterado/axitado...) coma a cana do millo

(Estar # Poñerse... que) Tremer coma unha folla # coma unha vara # coma o millo

NOTAS:

1. A construción destas expresións coa secuencia feito un/unha + substantivo ou locución substantiva só a temos rexistrado, tal e como reflectimos no presente artigo, coa forma feito unha vara verde, inda que supomos que é posible que, máis ou menos axeitada en función dos contextos, poida ser usada con outros substantivos (p. ex., feito unha corre, feito un xunco [ó vento # na auga] ou feito un vimbio).

2. No canto da voz verbal tremer tamén se pode empregar calquera dos seus sinónimos, coma tremelar ou papexar, e mesmo a forma normativamente menos recomendada tremar.

3. Ofrecemos a seguir un pequeno repaso a léxico que se cadra é descoñecido ou dubidoso para algúns lectores (naqueles casos en que tiramos literalmente a definición do Dicionario da Real Academia Galega [DRAG] en liña, sinalámolo):

Corre (DRAG): substantivo feminino Corra. Un caínzo feito con corres.

Vimbio (DRAG): substantivo masculino Vime. As vides átanse ás estacas con vimbios. [VÉN A CORRESPONDERSE CO CASTELÁN MIMBRE.]

Xostra (DRAG): substantivo femimino Vara delgada e flexible. Deulle un golpe cunha xostra. Sinóns.: bestrega, fustriga, verga, vergallo.

3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Ferro Ruibal, Xesús: “Locucións e fórmulas comparativas ou elativas galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 179-264. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Guerra Otero, Pilar: Así falan en Trasar (1 e 2). Obra á que se pode acceder, a través de Internet, nos enderezos seguintes:

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1296813709/contido/Galego/exercicios/pilar11.html

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1296813709/contido/Galego/exercicios/pilar2.htm

- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- López Ferro, Xosé María: “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 17, 2015, páxs. 135-178. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- López Taboada, Carme & Soto Arias, Mª Rosario: “Problemas na elaboración dun dicionario fraseolóxico galego”. En Colocaciones y fraseología en los diccionarios, de Carmen Mellado Blanco (ed.), 2008, páxs. 283-298.

- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta