O PP considera "lamentable" a resposta de Hacienda sobre os 700 millóns que reclama a Xunta ao Estado

O portavoz do Grupo Común da Esquerda, Manuel Lago, ironizou con que, esta reclamación é "ilustrativa", pois con ela o presidente galego pretende "recibir 170 millóns de euros de premio por ser o maior recortador" durante a crise económica.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2019 | Actualizada ás 18:38

Comparte esta noticia

O Partido Popular de Galicia cualificou de "lamentable" a resposta do Ministerio de Hacienda á Xunta sobre os 700 millóns que reclama a Administración autonómica ao Estado en virtude do desempeño fiscal, o IVE e as entregas a conta.

Na rolda de prensa posterior á xunta de portavoces, o portavoz popular na Cámara galega, Pedro Puy, avanzou que esta será unha das cuestións principais que o grupo maioritario levará ao Debate sobre o Estado da Autonomía, que se celebrará os días 25 e 27 de setembro.

Tras afear ao PSdeG a "excesiva defensa" que, di, realiza da postura do Goberno central, que se escuda na interinidade do Goberno como motivo do non abono destas cantidades; Puy asegurou que a resposta de Hacienda supón "rirse de Galicia, das normas e do orzamento vixente".

Así mesmo, tamén criticou que o Executivo central "anuncie que a outra comunidade se lle pode adiantar diñeiro" mentres "se lle nega o que lle pertence" a Galicia, comunidade que, segundo o popular, é unha das que "máis diñeiro perde" por "cumprir os compromisos de déficit e de débeda".

Precisamente sobre isto último, o portavoz de Grupo Común da Esquerda, Manuel Lago, ironizou con que, esta reclamación é "ilustrativa", pois con ela o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, pretende "recibir 170 millóns de euros de premio por ser o maior recortador" durante a crise económica.

"Ese diñeiro pon en ridículo a Feijóo, que someteu a este país a unha austeridade extrema como non houbo en ningunha comunidade autónoma. E agora rinse del, porque é un acordo extramodelo", afirmou Lago, que cre que os 170 millóns que reclama a Xunta polos compromisos de débeda e déficit "marca o ridículo de Feijóo como o principal austericida do Estado".

Segundo o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga, o PP "non dicía que tiña eses problemas de tesouraría hai un ano" cando o Ministerio de Hacienda estaba dirixido polo popular Cristóbal Montoro, a quen responsabiliza dos atrasos do pago do IVE.

"Todo isto resolvíase cos orzamentos xerais do Estado. A súa non aprobación provoca estes problemas", aseverou Leiceaga, que minutos despois era replicado por Pedro Puy. "A culpa de que non haxa presupostos do Estado será de quen non dá sacado unhas contas coa mesma maioría que o levou ao Goberno nunha moción de censura", respondeu o popular.

BNG INSISTE NA VÍA XUDICIAL

Pola súa banda, a viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, instou á Xunta a deixar de "queixarse e chorar" e acuda á vía xudicial para reclamar os 700 millóns.

"Dá igual quen sente na Moncloa, tanto dá que sexa o PP ou o PSOE porque alternan a discriminación a Galicia", espetou a deputada nacionalista, que reclama un "novo sistema de financiamento" para a Comunidade a través de "unha facenda galega".

Sesión plenaria do Parlamento de Galicia. EUROPA PRESS - Arquivo
Sesión plenaria do Parlamento de Galicia. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta