O ocaso da información e o fulgor da opinión e da propaganda

Ao máis puro estilo do nazismo, Francisco Marhuenda publica na portada de La Razón os rostros, os nomes e o historial de cinco estudantes para sinalalos, ridiculizalos e criminalizalos ante a opinión pública. La Razón é o elemento máis esperpéntico do crecente extremismo nos medios españois, especialmente nos conservadores, convertidos en aparatos de propaganda.

Por Alberto Quian | Madrid | 10/05/2012

Comparte esta noticia

Que Francisco Marhuenda é un pésimo xornalista e un director tendencioso e sectario é unha evidencia para calquera profesional da información e tamén para calquera lector de prensa avezado. Basta recordar a ridícula portada de La Razón do pasado pasado 4 de maio na que o director deste diario tivo a excéntrica ocorrencia, propia dun insidioso, de mesturar a sindicalistas e madridistas, e os dereitos laborais coas celebracións dunha Liga de fútbol, nunha absurda comparación.

Sen dúbida, as portadas de La Razón pasarán a formar parte da historia máis infame do xornalismo español. Pero Marhuenda, empeñado en superarse a si mesmo e en radicalizar aínda máis o seu fanatismo, deu o pasado mércores un paso aínda máis perigoso que o empurra ao abismo do terrorismo mediático. O pasado mércores, este individuo, que pouco ou nada ten de xornalista e si moito de exaltado comisario político, sinalou como obxectivos a cinco estudantes españois aos que acusa de ser os "promotores das manifestacións estudiantís", de "axitar a educación", de ter un "pésimo currículum" e de estar "vinculados ao PSOE e a outras formacións de esquerdas". Ao máis puro estilo do nazismo, Marhuenda publica en portada os rostros, os nomes e o historial destes cinco cidadáns para sinalalos, ridiculizalos e criminalizalos ante a opinión pública.

Esta portada non cabe nun sistema democrático e debe ser motivo de accións legais contra Marhuenda e La Razón, se non queremos traspasar esa delgada liña que nos separa das intimidacións, das persecucións, do terrorismo e do totalitarismo.

Pero nisto tamén teñen moito que dicir as empresas que asocian as súas marcas a este terrorismo mediático que empeza a abondar en España. ING deberá evaluar o dano que lle pode causar ante a opinión pública e os seus clientes a portada de hoxe de La Razón. Porque a súa marca queda asociada a un acto de terrorismo mediático. E como ING, todos os anunciantes que asocian as súas marcas a contidos que transgreden principios éticos e dereitos fundamentais terán que medir moi ben as consecuencias.

Un mal xeneralizado

Marhuenda pertence a esa especie de xornalistas reaccionarios e polemistas que tanto se prodigan nos medios de (des)información españois, que buscan chamar a atención e axitar á opinión pública a través de calquera medio, sen importar as consecuencias. Os da súa clase, que se prodigan na dereita mediática, aínda que non faltan tampouco nos medios dunha esquerda errática e paradoxal en mans de intereses partidistas e empresariais (véxase o caso Roures e o xornal Público), desterraron o xornalismo dos xornais e dos espazos presuntamente informativos que dirixen en radios e televisións. Alá onde están, a información desaparece, secuéstrase, ocúltase, manipúlase ou se prostitúe. Os seus diarios e espazos radiofónicos e televisivos nada teñen que ver coa información xornalística; son aparellos de propaganda deseñados para compracer a partidos políticos, a bancos, a empresas, á Igrexa... ou a eles mesmos.

Están en La Razón, en ABC, en Onda Cero, na Cope, en Telemadrid..., alentando á ultradereita, facendo apoloxía da xenofobia e o racismo, defendendo a privatización dos beneficios, a socialización das perdas, o rescate de entidades financeiras privadas, e xustificando uns recortes sociais que van contra a propia Constitución española e os dereitos humanos. Criminalizan a inmigrantes, gais, lesbianas, ateos, comunistas, mulleres que abortan, a todos os nacionalismos que non sexan o español e a todo individuo e colectivo contrarios aos seus principios neoliberais e nacionalcatólicos. Inoculan a doutrina do medo, sendo altofalantes dos sectores políticos e empresariais máis reaccionarios de España, que ameazan con recortes aínda máis duros se non pasamos polo aro e aceptamos perder dereitos, ou con intervir comunidades autónomas se estas non suspenden de forma virtual a súa autonomía política.

Vivimos o ocaso da información e o fulgor da opinión e da propaganda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Alberto Quian Doutor en Investigación en Medios de Comunicación, Premio Extraordinario de Doutorado 2015-2016 e profesor de Xornalismo na Universidad Carlos III de Madrid. Naceu en Vigo o 7 de agosto de 1976. No ano 2000 comezou a súa carreira como xornalista en Faro de Vigo, ata que en 2008 deu un xiro co Posgrao en Xornalismo Dixital da Universitat Oberta de Catalunya (UOC). Dende entón desenvolve o seu traballo no eido dixital como especialista e investigador. Coa súa tese especializouse en ética e cultura hacker. É responsable de Redes Sociais e da área de Ciencia de Galicia Confidencial, labor que compaxina coa súa labor como investigador e con traballos para distintas empresas públicas e privadas no eido dixital e en medios tradicionais. Twitter: @AlbertoQuian. Autor do libro: 'El impacto mediático y político de WikiLeaks'.