Cara á aniquilación da información e do coñecemento

A edición dixital de Xornal de Galicia foi liquidada e, con ela, a súa hemeroteca, patrimonio informativo, memoria dos galegos, metarrelato dunha década na historia de Galicia. A desaparición deste patrimonio ten que ser un toque de atención, unha alerta para todos nós.

Por Alberto Quian | Madrid | 24/10/2011

Comparte esta noticia

"O pasado é unicamente o que digan os testemuños escritos e a memoria humana." (1984, George Orwell)

Hai seis anos, o grupo Editorial Prensa Ibérica (EPI) decidía liquidar O Comércio do Porto, decano da prensa portuguesa. O xornal pechaba as súas portas, tras 151 anos de actividade informativa, polos caprichos dun empresario español do ladrillo. Naquel momento eu estaba a traballar na redacción de Faro de Vigo, onde algúns xornalistas empezabamos a comprender que a información non era outra cousa que mercadoría para Francisco Javier Moll de Miguel, presidente de EPI, propietaria tamén do decano da prensa española. Aquel peche de O Comércio espertou en min unha dúbida profesional, vital e mesmo filosófica: que ía pasar con todo aquel patrimonio informativo que configuraba o metarrelato dun século e medio de historia dunha cidade, Porto, e dun país, Portugal? Quen ía salvagardar e a preservar a memoria dos portugueses? Tres anos despois, e presionados polas autoridades e a cidadanía portuenses, Faro de Vigo, en nome de EPI, decidiu "ceder a Portugal a hemeroteca de O Comércio". A historia de Portugal, tutelada por mans alleas.

Seis anos despois daquel espolio da memoria portuguesa, outro empresario do ladrillo e traficante de información, Jacinto Rey, consumou o peche de dúas cabeceiras galegas: a centenaria A Nosa Terra e Xornal de Galicia. O pasado 19 de outubro, a edición dixital de Xornal.com desaparecía da rede. Os únicos rastros que quedaban do seu patrimonio informativo podíanse atopar como residuos no caché de Google. O traballo dos xornalistas, triturado; o metarrelato da última década de Galicia, convertido en lixo; a nosa memoria, evaporada.

Curiosamente, un día antes de que Xornal.com deixase de existir en internet, Carlos Elías Pérez, catedrático de Xornalismo da Universidade Carlos III de Madrid, introducía no Máster de Investigación Aplicada a Medios de Comunicación, no que estou matriculado, a cuestión da conservación do coñecemento en relación ao uso das novas tecnoloxías e os colectores virtuais que almacenan miles de millóns de datos e información, a nosa memoria individual e colectiva. Agora, aquelas dúbidas que me asaltaron hai seis anos agudizáronse coa desaparición de Xornal.com e a aniquilación do seu/noso patrimonio informativo. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) acendeu tamén a alerta sobre un asunto nada fútil, no que está en xogo algo tan transcendental para o noso desenvolvemento e evolución como sociedade como son a historia, a memoria e o coñecemento. Nunha nota publicada o 19 de outubro, o CPXG pediu que se manteña a hemeroteca de Xornal de Galicia:

"Aínda que un medio de comunicación deixe de ofrecer noticias á cidadanía, o historial dos seus contidos, o que se coñeceu como hemeroteca, é un patrimonio dos profesionais que os elaboraron, da audiencia que os leu e comentou e da sociedade enteira que retratou ao longo da súa existencia.

Os contidos de Xornal de Galicia, tanto os do diario dixital que durou 13 anos como o editado en papel que durou tres, deberían estar a disposición de calquera que quixera consultalos, con obxectivos de investigación ou por mera curiosidade.

Que se saiba, non vai ser así. A pesares das demandas que fixeron os seus traballadores na negociación do ERE, e das peticións que realizaron algúns dos seus colaboradores, a día de hoxe non está garantida a conservación dese patrimonio informativo, e non sabemos se mesmo está definitivamente perdido e irrecuperable. O CPXG realizou tamén hai días xestións nese sentido, e é consciente de que o Consello da Cultura Galega ofreceuse no seu momento a acoller nos seus servidores de internet ese patrimonio. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia súmase a ese ofrecemento."

O asunto é preocupante, mesmo grave. E transcende o caso da edición dixital de Xornal de Galicia. Porque todos e cada un de nós, como individuos e como células dunha sociedade tecnoloxicamente avanzada, estamos a arquivar e a compartir miles de millóns de datos e de informacións, e xerando coñecemento nunha finísima e delicada liña que separa a memoria da amnesia: a nosa historia pode ser borrada en cuestión de microsegundos (volatilízanse a hemeroteca de Xornal de Galicia e o metarrelato da nosa sociedade, e evapóranse por contratempos tecnolóxicos as fotos que gardamos nas nosas computadoras e que son parte dos nosos relatos de vida).

Por iso faise necesaria unha profunda reflexión e análise sobre a conservación da información e o coñecemento na era dixital. Porque podemos estar a cultivar o ocaso dunha civilización que se dirixe cara a un precipicio de desmemoria, cara a un buraco negro de descoñecemento. Todo un paradoxo nunha sociedade que se autodefine da información e do coñecemento. O profesor Carlos Elías Pérez expón unha cuestión moi interesante:

"Estamos a vivir unha explosión do coñecemento. Por exemplo, antes os congresos científicos eran unidireccionais e o coñecemento compartíase unicamente entre os asistentes. Agora, os congresos están cheos de participantes con portátiles, smartphones, tabletas... conectados a internet. En tempo real, está a enviarse información ao exterior a través de blogues, redes sociais, televisión en streaming... Está a xerarse un metacoñecemento ao redor dos congresos. Pero, onde estará todo este metacoñecemento dentro de cen anos? Onde estará dentro dun século o coñecemento que comparten connosco científicos e especialistas de todo o mundo a través dos seus blogues? Que será dos contidos que comparte o científico Javier Armentia a través do seu blogue Por la boca muere el pez? Estamos a xerar gran cantidade de información que non sabemos onde vai acabar".

A cuestión que se expón é se en en troques de estar a construír unha sociedade informada, estamos realmente cimentando, por inconsciencia colectiva, un futuro de desinformación, descoñecemento e desmemoria, nun proceso inexorable de creación e ulterior destrución masiva de información e coñecemento.

A desaparición do patrimonio informativo de Xornal de Galicia ten que ser un toque de atención, unha alerta para todos nós. Debemos considerar a necesidade de desenvolver e pór en marcha procesos e sistemas de protección e conservación, en distintos soportes e formatos, dos datos, das informacións, dos contidos científicos, culturais e de todo canto configure a nosa historia, a nosa memoria, o noso coñecemento e o metarrelato da nosa sociedade.

Recupero neste punto a frase que introduce a este texto, extraída do libro 1984 de George Orwell: "O pasado é unicamente o que digan os testemuños escritos e a memoria humana."

Camiñamos cara a aniquilación do noso coñecemento, da nosa memoria e da nosa historia?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Alberto Quian Doutor en Investigación en Medios de Comunicación, Premio Extraordinario de Doutorado 2015-2016 e profesor de Xornalismo na Universidad Carlos III de Madrid. Naceu en Vigo o 7 de agosto de 1976. No ano 2000 comezou a súa carreira como xornalista en Faro de Vigo, ata que en 2008 deu un xiro co Posgrao en Xornalismo Dixital da Universitat Oberta de Catalunya (UOC). Dende entón desenvolve o seu traballo no eido dixital como especialista e investigador. Coa súa tese especializouse en ética e cultura hacker. É responsable de Redes Sociais e da área de Ciencia de Galicia Confidencial, labor que compaxina coa súa labor como investigador e con traballos para distintas empresas públicas e privadas no eido dixital e en medios tradicionais. Twitter: @AlbertoQuian. Autor do libro: 'El impacto mediático y político de WikiLeaks'.