Crise dos medios en Galicia: realidades e ficcións

O peche de Xornal de Galicia reabre o debate sobre as axudas públicas aos medios de información privados.

Por Alberto Quian | Madrid | 06/08/2011

Comparte esta noticia

Outro xornal galego que pecha e, de novo, no punto de mira os miolos de Alberto Núñez Feijóo. O peche da edición en papel de Xornal de Galicia volveu a levantar un rebumbio político e axitou outra vez as críticas á Xunta e ao seu presidente, ao que algúns sectores sinalan como causante da desaparición dalgúns medios galegos pola súa política dubidosa sobre a nosa lingua. Unha acusación reducionista que coloca á política como escusa e elude os principais factores que determinan a viabilidade dunha empresa informativa: empresariais, xornalísticos e de mercado. Búscanse complots e conspiracións onde non os hai e faise dun problema de escaso mercado e duns modelos empresariais cando menos dubidosos unha cuestión identitaria. Entrámpase o debate sobre a verdadeira crise da prensa, que non é exclusiva de Galicia nin dos medios en galego ou bilingües (pechan en toda España), e escapúlense responsabilidades.

O debate xerado en Galicia ao redor dos medios de información é, ademais de enganoso, perigoso, pois se está deformando a realidade e só se está centrando a atención e culpabilidades no sistema de axudas públicas –xeradoras de propaganda–, en troques de abordar os modelos de negocio e xornalísticos.

Que se saiba, ningún cidadán é obrigado a comprar ou a deixar de comprar nun quiosco un determinado xornal, ou a visitar as súas edicións dixitais; tampouco coñezo a ningún anunciante nin publicista ameazado para que poña publicidade nun medio ou outro, e se os hai, non son a maioría, porque o que verdadeiramente lles importa é a audiencia do medio, a súa penetración, dá igual a postura. Cústame crer que exista alguén tan imbécil que non poña un anuncio nun xornal que lle garanta un amplo alcance, escríbase en galego, catalán, éuscaro, castelán ou nepalés. O máis grave ao que se chegou no sector xornalístico é a ameazar con regalar tupperwares, cubertos, vaixelas e a colección completa de todas as películas de Paco Martínez Soria. Preocupante, certo, pero non intimidatorio. Polo demais, insisto, seguimos instalados en infantís teorías da conspiración, sen entender nin atender ao que verdadeiramente determina a viabilidade dun proxecto xornalístico: o seu modelo de negocio e o seu modelo de xornalismo. Ingresos por publicidade, vendas e subscricións, fidelización do público, liña editorial ou valores como a transparencia, a obxectividade, a veracidade, a rigorosidade, a credibilidade, a calidade, o coidado da linguaxe, a confianza e a historia do propio medio determinan de maneira decisiva e radical a súa posición no mercado.

Algúns profesionais –aínda poucos en Galicia– que xa temos calo no xornalismo tradicional e no dixital xa superamos, ou estamos a superar, ou debemos superar, eses manidos debates, cuasi-pretéritos, sobre xornais en papel vs xornais dixitais e medios de masas vs medios sociais. Resoltos estes asuntos e as liñas de actuación, o debate debe empezar a centrarse en temas máis transcendentais, como o papel que poden e deben xogar os medios de información independentes, alternativos e comunitarios fronte aos medios comerciais e partidistas (unha definición máis axeitada para os chamados medios de masas ou tradicionais) na era dixital, porque para o papel se acelerou a súa desaparición.

O analista Ross Dawson predixo que os xornais en papel desaparecerán primeiro en Estados Unidos, no ano 2017, e que en España a súa defunción se producirá en 2024. En Galicia estamos a adiantarnos a estas predicións; por fin somos vangarda! Un paradoxo nunha comunidade cun dos índices de avellamento máis altos de Europa, cun desenvolvemento tecnolóxico modesto (sendo condescendentes), unha penetración de internet irrisoria (44,3%) e uns empresarios, editores, directores, xefes de redacción, xornalistas e cidadáns cunha mentalidade moi conservadora e arcaica aos que aínda lles custa pasarse aos medios dixitais, entendelos e mesmo abandonar nestes os vicios e rutinas do xornalismo tradicional.

Tamén debemos preguntarnos, profesionais e cidadáns, por que tipo de xornalismo optamos, se por un xornalismo autosuficiente, sustentable economicamente coa implicación do público e, en consecuencia, libre, ou por un xornalismo mercantilizado, dependente, subvencionado, entrampado e deficitario, e, polo tanto, sometido a ou aliado con gobernos, lobbies, empresas investidoras e accionistas, e entidades financeiras.

O que está a pasar en Galicia é verdadeiramente grave. O discurso dominante reclama axudas institucionais como vía de salvación para os medios de información, en xeral, e para os medios en galego, en particular. Esa dependencia das axudas públicas que se predica non fai outra cousa que danar aínda máis a un sector, o xornalístico, cuxas funcións son incompatibles coas subvencións gobernamentais.

Non coñezo outros casos no resto do Estado español nos que se asocie a cor dun goberno á existencia ou desaparición de medios de información. Esa asociación absurda deberíanos levar tamén a temer pola saúde do ABC ou de La Razón nos períodos de goberno socialista, ou pola de El País ou Público en tempos de goberno popular. Nada máis lonxe da realidade; nada máis preto do absurdo conspiranoico.

O que temos ante nós é un problema de xestión empresarial e xornalística, enmarcado ademais no contexto dunha crise económica global, dunha crise sectorial do xornalismo que vén xa de longo e do que algúns chaman a burbulla mediática, na que teñen moito que ver eses empresarios alleos ao mundo da comunicación que meten as súas gadoupas no sector para as súas intrigas políticas e empresariais (non hai pan para tanto chourizo, ou o que é o mesmo, non hai mercado para tanto traficante de información), e os partidos que auspician proxectos de comunicación sectarios. As vítimas, as de sempre: os xornalistas que perden os seus traballos. En Xornal de Galicia, uns 70.

Vaiamos á parte do negocio para, con datos de 2008 e 2009, desmontar as teorías conspiranoicas sobre un demo de ollos azuis, nariz aquilina e mandíbula prominente que se apoderou da Xunta nunha noite de aquelarres e fará arder a todos os xornalistas que informen en galego.

Xornal de Galicia, do Grupo San José, acumulaba perdas de 5,55 millóns de euros no ano 2009.

Segundo os datos que constan no Rexistro Mercantil, no exercicio 2009 Xornal rexistrou unhas perdas antes de impostos de 4.412.000 € ás que hai que engadir 1.150.000 € rexistrados no ano 2008. No exercicio 2009, a sociedade facturou por ingresos de venda e publicidade 1.281.000 € e tivo gastos por importe de 5.693.000 €. O total de ingresos non alcanzaba o custo de impresión do diario. A sociedade propietaria contaba, a 31 de decembro de 2009, cun patrimonio negativo de 297.000 €, unha vez que as perdas acumuladas superaron nesa cifra o capital social de 3.600.000 €. E tiña, ademais, préstamos a longo prazo por importe de 2.000.000 € con Caixa Galicia e Caixanova (1.000.000 € con cada entidade).

O de Xornal era crónica dunha morte anunciada. Que plan de negocio tiña este proxecto? Que futuro? Ningún. Era un fracaso empresarial que, ademais, evitou a transparencia, xa que non dispomos de datos de tirada e difusión (Xornal de Galicia non quixo ser auditado pola OJD). Foron estas perdas millonarias, froito dunha mala xestión e da megalomanía dun construtor, o que levou a Xornal de Galicia á desaparición. Relacionar a súa extinción coas políticas lingüísticas da Xunta e cun castigo ao progresismo galeguista é pervertir a realidade. E aquí pasamos a outro pequeno pero importante detalle: a Xornal de Galicia non se lle pode incluír na categoría de medios en galego, xa que se trata dun xornal bilingüe (galego-castelán).

Por suposto, os profesionais de Xornal de Galicia fixeron excelentes traballos xornalísticos e merecen ter unha continuación laboral digna, pero a ninguén se lle pode escapar que, como outros, tamén foron vítimas das malas praxes dos editores e xestores alleos ao xornalismo que hoxe marcan o camiño dunha boa parte dos medios de información, un xornalismo comercial e partidista que disfraza a publicidade e a propaganda como información e nas que tamén caeu Xornal.

Debemos, pois, falar só dunha política arbitraria da Xunta en relación cos medios ou dunha mala xestión do patrón do xornal? Jacinto Rey é un empresario máis interesado no ladrillo e no cemento que na información, que usou como medio de presión para beneficio do seu grupo construtor, conseguindo grandes concesións do bipartito en Galicia e do Ministerio de Fomento de Pepe Blanco en Madrid. Para refrescar a memoria, falo do empresario que xa tiña outro morto ás súas costas, A Nosa Terra, semanario histórico do galeguismo que pechou con malos modos, con mañas e enganos aos traballadores; o mesmo home que serviu a Mariano Rajoy a cabeza do director José Luis Gómez tras publicar a famosa fotografía do líder do PP nun barco de narcotraficantes de Cambados. Este tipo, Jacinto Rey, é ao que algúns consideran un baluarte do progresismo galego (!?), un home do ladrillo, un traficante de información..

Ningún xornal pecha por falta de subvencións e, no caso de que isto se producise, deberiamos entender que se trata dun negocio deficitario e unha fraude xornalística. Os medios pechan por falta de público, por falta de ingresos publicitarios, por malas xestións empresariais, por operacións especulativas, por aburrimento dos seus propietarios... O ominoso é crear unha empresa xornalística privada coa idea de vivir das axudas públicas e de favores políticos.

Agora, ao grupo de Jacinto Rey só lle queda Xornal.com como único soporte informativo e o seu futuro presúmese moi complicado. O xornal debe compensar as perdas millonarias cos ingresos da publicidade en internet –moito máis barata, segmentada e distribuída–, nun escenario moito máis competitivo ao de hai cinco e dez anos, onde sobreabundan os medios –convencionais e alternativos–e a información, o cal complica a existencia deste medio, que se verá obrigado a seguir adelgazando e mesmo pode que a desaparecer ou a manterse baixo mínimos, agás que aposte polas subscricións de pago e/ou por un sistema de micropagos por contidos, o cal, nunha cultura do "todo de balde", tampouco garante ningún éxito.

O problema dos medios en Galicia é moito máis profundo e vai máis aló das axudas públicas. Pero non se quere encarar. Por desgraza demostrouse que non hai un groso suficiente de cidadáns que apoie aos medios en galego e que só cando desaparecen se elevan as voces de apoio aos mortos. Hai que lembrar que o último diario en pechar antes que Xornal foi Galicia Hoxe e fíxoo con 400 exemplares de vendas en quiosco. Tentar disfrazar esa realidade é facer trampa. Hai que abrir un debate rigoroso e serio sobre as axudas públicas, sobre a incompatibilidade do sector xornalístico con estas, sobre a necesidade de procurar a autosuficiencia dos medios e sobre que tipo de prensa queremos os cidadáns e os xornalistas galegos.

La Voz de Galicia lanzou, a través do meu blogue, unha proposta que ninguén quixo ver porque a ninguén interesa: renunciar todos os medios privados ás axudas públicas, o cal abriría un novo escenario para unha pugna limpa entre medios, sen que medie o poder político. Por que non interesa abrir este debate? Por que ningún outro medio se sumou á proposta? Esas son as preguntas que hai que responder. Empezade por aí, preguntádevos o porqué. Solucionada a incógnita, quizá descubramos un dos grandes misterios dos medios de comunicación en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Alberto Quian Doutor en Investigación en Medios de Comunicación, Premio Extraordinario de Doutorado 2015-2016 e profesor asociado na Universidad Carlos III de Madrid. Naceu en Vigo o 7 de agosto de 1976. No ano 2000 comezou a súa carreira como xornalista en Faro de Vigo, ata que en 2008 deu un xiro co Posgrao en Xornalismo Dixital da Universitat Oberta de Catalunya (UOC). Dende entón desenvolve o seu traballo no eido dixital como especialista e investigador. Coa súa tese especializouse en ética e cultura hacker. É responsable de Redes Sociais e da área de Ciencia de Galicia Confidencial, labor que compaxina coa súa labor como investigador e con traballos para distintas empresas públicas e privadas no eido dixital e en medios tradicionais. Twitter: @AlbertoQuian. Autor do libro: 'El impacto mediático y político de WikiLeaks'.