Expertos apostan por crear unidades de "elite" para loitar cos incendios nas zonas máis afectadas

Un informe critica o peche na última década do 62% das torres de vixilancia contra o lume e as 93% das unidades móbiles.Tamén considera necesario que existan controis médicos obrigatorios, e "non voluntarios como ata agora", para acreditar unha boa condición física e que o persoal maior de 55 anos poida pasar a unha segunda actividade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/09/2019 | Actualizada ás 11:05

Comparte esta noticia

O grupo de expertos sobre incendios forestais elixido o Parlamento galego propón a creación de unidades de "elite" asentadas nos distritos máis afectados polo lume en Galicia.

No informe completo de case 200 páxinas, ao que tivo acceso Europa Press, recóllense diferentes propostas que profundan no presentado na última semana na Cámara. Entre elas, atópase a posta en marcha destas unidades operativas en cada provincia, "dispostas a actuar de forma inmediata no momento no que fosen requiridas" para combater o lume.

Así, estas unidades de alta cualificación, "con base nos distritos máis afectados polos lumes", deben contar "cunha preparación física excelente". Servirían de reforzo en casos "especialmente virulentos", como poida ser un gran incendio forestal ou unha 'situación dúas' --con perigo para vivendas--. Estarían formadas por: un técnico ou axente, tres brigadas de cinco compoñentes, tres motobombas e un camión gran-cisterna, con "persoal experimentado e debidamente formado".

Ademais, o grupo de expertos que coordina Manuel Francisco Gutiérrez pon o foco sobre que a activación destas unidades de elite serviría tamén "como un acicate" para que o persoal teña a "oportunidade de promocionarse e ascender na carreira profesional", nun traballo con "unha forte carga vocacional".

CAÍDA "ESPECTACULAR" DE PUNTOS DE VIXILANCIA

Precisamente, un dos puntos sobre os que se reflexiona neste estudo é sobre a importancia de acurtar tempos para que os incendios non crezan a un ritmo voraz. Aquí, estes expertos alertan da "espectacular" redución de torres e puntos de vixilancia fixos entre 2007 e 2018 na Comunidade, cun recorte do 62%, ao pasar de 117 a 44.

Sobre este extremo, os profesionais do servizo de loita contra o lume entrevistados por este grupo avisan de que "constitúe un erro" prescindir "masivamente" destas casetas, "esenciais para a rápida detección e para o seguimento da evolución", sen unha alternativa "clara".

E é que deixan claro que "o tamaño dos incendios está relacionado co tempo de chegada dos primeiros medios de extinción", de modo que "a redución duns poucos minutos na detección e no tempo de resposta podería reducir o seu tamaño nun 30%". Por iso, o peche de torres "está na base do atraso na detección", non só pola rebaixa de puntos, senón do tempo de vixilancia.

Os expertos remarcan que este problema "non se resolve exclusivamente coas actuais cámaras de vixilancia, porque neste momento non localizan con exactitude os focos nin discriminan correctamente o tipo de lume, e aínda menos serven para facer un seguimento da evolución do incendio, indispensable para a dirección da extinción".

Pola súa banda, entre 2008 e 2018 desapareceron 62 das 67 de brigadas de vixilancia móbil (-93%) ata quedar en cinco. As agrupacións veciñais de vixilancia forestal descenderon de 82 a sete nunha década. Por iso, avogan por volver incrementar estas ferramentas para axudar á disuasión dos incendiarios.

ENVELLECEMENTO DO PERSOAL

Sobre a mellora das condicións xerais do persoal, o documento trata varios puntos. Unha das cuestións acerca das que se chama a atención é o "envellecemento" dos traballadores, que roldan os 50 anos de media.

Este operativo ten que traballar ata 12 horas seguidas en condicións límite. De feito, nos últimos 12 anos faleceron sete traballadores do servizo de loita contra o lume --máis oito civís en incendios forestais--. Por tal motivo, o grupo de expertos considera necesario que existan controis médicos obrigatorios, e "non voluntarios como ata agora", para acreditar unha boa condición física. Tamén se pide que o persoal maior de 55 anos poida pasar a unha segunda actividade.

As 250 BRIGADAS MUNICIPAIS CUSTARÍAN 1,5 MILLÓNS MÁIS

Unha das principais ideas que puxeron sobre a mesa os expertos na súa comparecencia parlamentaria é a necesidade de profesionalizar ás brigadas municipais en colaboración con Seaga, ante o "baixo rendemento" detectado nestes grupos.

No dossier realizado por estes técnicos faise unha táboa de custos dos novos convenios das brigadas municipais. Así, para que se activen un total de 250 o custo elevaríase en 1,5 millóns en comparación co actual. "Cantidade que, coas importantes vantaxes que presenta o modelo, entendemos é perfectamente asumible", sostén o estudo.

O total de orzamento no novo modelo tería que ser de case 20 millóns para estas brigadas, cun gasto a "repartir" entre Xunta e entidades locais como deputacións, macomunidades e concellos.

Este investimento suporía un parte pequena en comparación cos 500 millóns gastados nos últimos 12 anos en incendios en Galicia, segundo cifra o informe.

AUMENTAR Os MEDIOS AÉREOS DE 17 A 24

Nesta reforma do servizo antincendios, outra das melloras que se require é que cobren maior protagonismo os medios aéreos, pois se observan como insuficientes os existentes. Nesta análise faise unha comparativa entre os medios aéreos existentes na campaña de alto risco de 2018 (un total de 17) e os que se expoñen como necesarios (aumentar ata 24), con cambios nas modalidades de vehículos.

Aquí, avógase recuperar os avións de carga en terra e a contratación de nove aeronaves deste tipo (non había ningunha en 2018). Ademais, chámase a reducir os helicópteros de tipo lixeiro (de oito a catro) para incrementar os de tipo de medio (que pasen de cinco a oito). Si se está de acordo en manter o helicóptero Puma e os dous de vixilancia existentes.

Un brigadista loita contra o lume no Xurés
Un brigadista loita contra o lume no Xurés

Incendio en Rianxo. EUROPA PRESS - Arquivo
Incendio en Rianxo. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta