O TSXG ratifica nove meses de cárcere para o home acusado de "terrorismo forestal" na onda de 2017

O condenado dixo que facía un lume nun churrasqueiro para asar uns chourizos e que el mesmo axudou nas tarefas de extinción que afectaron só a súa leira.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 25/09/2019 | Actualizada ás 14:53

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou a sentenza da sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense pola que se condena a nove meses de cárcere e ao abono dunha multa de 1.620 euros ao home que prendeu lume nunha leira propiedade da súa muller nos Blancos, no marco da vaga de incendios que afectou a Galicia en outubro de 2017.

Deste xeito, o TSXG desestima o recurso de apelación do Ministerio Fiscal --con adhesión da Xunta-- contra o fallo da Audiencia que condenou ao sospeitoso como autor dun delito de incendio forestal por imprudencia grave, ao realizar un lume a pesar de existir condicións climatolóxicas favorables á propagación.

A sentenza de primeira instancia destaca que non se acreditou "que existise un grave perigo para a vida das persoas" polo lume do condenado. A Audiencia Provincial de Ourense relataba no seu fallo, agora confirmado, que o home realizou un lume "por causas non esclarecidas e con omisión das máis elementais normas de coidado, dadas as condicións climatolóxicas existentes e a falta dunha limpeza adecuada da leira para evitar a propagación".

Nove meses de cárcere para o home que provocou un incendio nos Blancos na onda de outubro de 2017
Nove meses de cárcere para o home que provocou un incendio nos Blancos na onda de outubro de 2017 | Fonte: EP

O PRIMEIRO DETIDO DA VAGA INCENDIARIA

Este veciño de Vigo, que pasou varios meses en prisión, foi o primeiro dos detidos tras a vaga de lumes que arrasou Galicia en outubro de 2017, que provocou catro mortes e arrasou unhas 50.000 hectáreas na comunidade. Contra este fallo con data do 20 de setembro cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.

"Tentei apalagalo cos pés e cunha galla, pero fuxiume", asegurou nunha entrevista no GC na que lembrou que ardeu unha hectárea da súa finca. A Fiscalía solicitaba para o acusado cinco anos e medio de cárcere e mantivo que "actuou de maneira completamente dolosa e intencionada". Pola súa banda, a defensa alegou que foi "un descoido" polo que considera dita medida como "absolutamente desproporcionada". "Resulta absurdo pretender facer crer que se trata dun incendio a posta, cando a máis afectada é a súa leira con 500 castiñeiros que o acusado atendía e coidaba", sinalou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta