Imaxes e vídeo | Acción pola emerxencia climática en Compostela: "O noso fogar está ardendo"

O colectivo Extinction Rebellion Galicia desenvolveu este xoves, 3 de outubro, unha acción performática e non violenta co obxectivo de concienciar a cidadanía sobre os efectos do colapso ecolóxico.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2019 | Actualizada ás 23:54

Comparte esta noticia

Urxe tomar medidas para reducir os efectos da emerxencia climática sobre o planeta. Co gallo de visibilizar o problema e concienciar a cidadanía, o colectivo ecoloxista Extinction Rebellion Galicia vén de desenvolver este xoves unha acción performática e non violenta nas rúas de Compostela.

Acción polo clima en Santiago de Compostela
Acción polo clima en Santiago de Compostela

Un grupo de persoas vestidas de branco ocuparon o espazo de porta Faxeira mentres portaba pancartas con lemas como "O noso fogar está ardendo" ou "Non é rentable respirar?".Todas elas viñan presididas por unha representación da bóla do mundo atabiada con botellas de plástico ou teléfonos móbiles. Esta acción está encadrada dentro da escalada de accións polo clima convocadas polo movemento internacional "By2020 we rise up", que engloba unha morea de asociacións e que promove estratexias de protesta innovadoras. 

Dende Extinction Rebellion Galicia fan tres demandas claras: "que se comece a dicir xa a verdade dende os gobernos e os medios de comunicación, que se comece a divulgar a eminencia da emerxencia climática e do colapso ecolóxico e as consecuencias catastróficas que terá e que se comece a actuar xa dende os gobernos", explica un dos organizadores. Entenden que non só ten que asumir a carga a sociedade civil, senón que o principal cambio debe provir das medidas que se tomen a nivel político. 

Visibilizar a causa e poñerse a actuar de maneira urxente é a única vía para salvar o planeta. Accións coma esta, que se repetirán ao longo dos próximos meses polo mundo adiante, teñen esa importante finalidade. Eis algunhas imaxes e vídeos da protesta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta