Revelan que Talgo mandou borrar evidencias de avarías do Alvia media hora despois do sinistro e a empresa négao

Segundo unha declaración xurada, o mesmo día do sinistro, "transcorrida unha media hora do accidente, aproximadamente sobre as 21:15, varios directivos de Talgo que se personaron e que non coñecía (...) deron a orde taxativa de borrar todas as avarías que tiña o tren da base de datos do sistema de xestión de avarías". Talgo asegura que "é imposible eliminar" datos de avarías e querelarase contra o técnico, que foi despedido.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/10/2019 | Actualizada ás 18:13

Comparte esta noticia

Directivos de Talgo ordenaron borrar da base de datos "todas as avarías" detectadas no tren accidentado o 24 de xullo de 2013 en Angrois transcorrida unha media hora do sinistro no que morreron 80 persoas, segundo revelou á asociación de vítimas un técnico que por entón traballaba na empresa ferroviaria.

Este técnico, Pablo Andrés Jara Torres, "mecánico oficial de Talgo" naquel momento, conta agora (seis anos despois da traxedia e coa Audiencia pendente de pronunciarse sobre os recursos ao peche da instrución) que o 24 de xullo daquel ano e os días anteriores encargouse da revisión do convoi que descarrilou na curva da Grandeira.

Segundo indica nunha declaración xurada achegada ás vítimas, o mesmo día do sinistro, "transcorrida unha media hora do accidente, aproximadamente sobre as 21:15, varios directivos de Talgo que se personaron e que non coñecía (...) deron a orde taxativa de borrar todas as avarías que tiña o tren da base de datos do sistema de xestión de avarías".

Así, o mecánico Pablo Andrés Jara Torres sinala que chegaron ao taller de Fuencarral (no que se revisou o tren) directivos de Talgo aos que non coñecía xunto co xefe do taller, José Luís Bayona, e o director de mantemento, Luís Alfonso Henar. A orde déronlla a outro empregado de Talgo, Juan Carlos García Arribas, "administrador de sistemas informáticos", segundo Jara Torres.

"RELEVANTE PARA A INVESTIGACIÓN"

Nun escrito remitido ao xulgado que investiga a causa, o de instrución número 3 de Santiago, o avogado da plataforma de vítimas, Manuel Alonso Ferrezuelo, solicita ao seu titular, Andrés Lago Louro, que cite como testemuñas aos catro, tanto a este técnico que agora facilita a información como ao xefe do taller, o director de mantemento e o administrador de sistemas informáticos.

Faino ás portas da reunión na que a Audiencia Provincial da Coruña ten previsto dirimir (a partir deste venres 11) sobre os recursos presentados polas partes ao peche da instrución. De feito, o letrado que representa aos afectados por unha das traxedias ferroviarias máis graves na historia de España puxo esta declaración xurada en coñecemento tanto do xuíz como dos maxistrados da Audiencia.

"O contido da devandita declaración xurada entende esta representación que ten relación e é relevante para a investigación do accidente investigado nas presentes dilixencias", destaca Alonso Ferrezuelo.

ANOTOU AVARÍAS "CRÍTICAS"

Na súa declaración xurada, o técnico advirte de que durante a revisión do tren accidentado anotou "diferentes avarías" e que algunhas delas clasificounas, "dada a súa gravidade, como críticas". O rexistro fíxoo nun software corporativo que, segundo explica, recolle "toda a información relativa ás avarías, tipos, tempos reparación e información sobre os equipos reparados e substituídos". Entre as incidencias "críticas" que anotou, asegura que había "valonas rozadas, enganches con folgura, rótulas gretadas, etcétera".

Pero unha media hora despois do accidente, de acordo co seu relato, trasladáronse ata o taller de Fuencarral "varios directivos de Talgo" que deron "a orde taxativa de borrar todas as avarías que tiña o tren da base de datos". E engade na súa declaración xurada que "mesmo lles deron o parabén por conseguir borrar toda esa información".

Accidente do Alvia en Angrois. EUROPA PRESS - Arquivo
Accidente do Alvia en Angrois. EUROPA PRESS - Arquivo

RESPOSTA DE TALGO

Talgo asegura que "é tecnicamente imposible eliminar" os datos sobre avarías, despois de que o técnico que traballaba na empresa ferroviaria revelase á asociación de vítimas de Angrois que directivos da compañía ordenaron borrar da base de datos "todas as avarías" detectadas no tren accidentado o 24 de xullo de 2013 en Santiago.

Segundo afirma Talgo, a declaración deste extraballador, que foi despedido o 28 de maio de 2018, "é falsa" e nega "absolutamente" que ocorrese o relatado por el.

Talgo defende que, tanto a compañía como os directivos mencionados, "están a iniciar accións legais por calumnias contra o citado exempleado".

"Os directivos de Talgo aos que alude este extraballador nunca pisaron as instalacións de Fuencarral, como falsamente se indica, posto que, inmediatamente en canto tiveron coñecemento, trasladáronse ata o lugar onde ocorreu o terrible suceso", explica a empresa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Aquí todos sabían moito sobre seguridade, e logo do accidente padecen de AMNESIA ? Pepe Blanco en directo SABE TODO da catástrofe de Angrois! https://youtu.be/pAt39plgwoc?t=53s Na Comisión de Investigación NON SABE NADA dos Sistemas de Seguridade! https://youtu.be/1qSxOTdJfno?t=57m4... As vítimas reclaman xustiza! https://youtu.be/y9Hdo9RfdFw