Foro Liceo de Ourense reivindica "un plan específico" para "sacar proveito" ao monte

Un extenso informe, no que participaron enxeñeiros de montes e agrarios, recolle as conclusións sobre o sector forestal na provincia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/10/2019 | Actualizada ás 14:37

Comparte esta noticia

O Foro Liceo, que engloba unha ducia de entidades profesionais e empresariais de Ourense, reivindicou este martes "un plan específico" das distintas administracións para "sacar proveito" ao campo cultivable da provincia. Así o recolleron nun extenso informe que contou coa colaboración de enxeñeiros de montes e agrarios.

As conclusións sobre o sector forestal na provincia de Ourense foron presentadas este martes no Liceo. "Ourense ten que sacar máis proveito ao seu campo cultivable" foi a máxima sobre a que vira o documento, ademais da necesidade de "multiplicar e rendibilizar" a silvicultura.

Un dos portavoces do Foro Liceo, Juan Carlos Moreiras, incidiu en que "un monte produtivo contribúe a incrementar o PIB provincial, a fixar poboación, a evitar incendios e a mobilizar o resto dos sectores económicos".

Segundo identificaron os investigadores no seu estudo, na problemática do sector forestal en Ourense identifícanse tres eixos principais: "a dificultade para conseguir rendibilidade; a abafadora burocracia que esmaga o desenvolvemento das empresas e o abandono do rural".

Os integrantes do Foro Liceo fixeron especial fincapé no argumento de que "nos territorios nos que o monte é produtivo, este non arde" e como exemplos puxeron a Asturias, País Vasco, Cantabria ou Navarra. En contraposición, Juan Carlos Moreiras sinalou que "en gran parte de Galicia o monte non é produtivo, o cal se traduce en incendios e investimento de recursos na súa extinción".

Do informe extráese o feito de que "a capacidade de bosque aproveitable en Ourense é de 320.000 hectáreas". "Se estes montes improductivos se aproveitasen, iso podería supor a creación duns 16.000 empregos e de 731 millóns de euros anuais de produción, sen contabilizar a biomasa", sinalou Juan Carlos Moreiras.

Estes datos, segundo o estudo, traduciríanse nun "incremento do PIB de Ourense nun 12.62%". Outros beneficios da explotación dos terreos baldíos serían "contribuír á fixación de CO2 da atmosfera; evitar a erosión e desertificación e contribuír á diminución de incendios e o seu custo en todos os aspectos".

Á luz do informe, os seus autores concluíron que, entre outras, "Ourense necesita recuperar para a silvicultura os terreos que están a matogueira e aproveitar a biomasa con fábricas de pellets ou achas".

Foro Liceo de Ourense.
Foro Liceo de Ourense. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta