Temas: FRASEOLOXíA

“Non lle marcar a corredeira # a cremalleira”, equivalentes, entre outras, ao castelán “no llegarle la camisa al cuello”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 27/10/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Naquelas situacións en que unha persoa se atopa angustiada ou chea de medo, de temor ou de nerviosismo ante a posibilidade de que aconteza algo que non desexa, non é a primeira vez que escoitamos iso de que non lle chega a camisa ó corpo, probablemente calcando a correspondente expresión castelá. Pero non debemos esquecer que en galego contamos con expresións que fornecen exactamente o mesmo contido. Vexamos, xa que logo, algunhas delas:

Mangas de camisa
Mangas de camisa | Fonte: El Confidencial

No llegarle a alguien la camisa al cuerpo

{= Estar alguén cheo de medo, temor, nerviosismo, preocupación ou inquietude, sobre todo ante a posibilidade de que aconteza algo que non desexa.}

Non lle marcar a corredeira

Non lle marcar a cremalleira

Non lle correr a cremalleira

[E MAIS]:

Andar co credo na boca

Ex.: Al principio se puso muy gallito, pero cuando la policía le enseñó la orden para registrar su casa ya no le llegaba la camisa al cuerpo.

Ó primeiro púxose moi farruco, pero cando a policía lle amosou a orde para rexistrar a súa casa xa non lle marcaba a corredeira xa non lle marcaba a cremalleira xa non lle corría a cremalleira # xa andaba co credo na boca.

Ex.: Estoy que no me llega la camisa al cuello ante la posibilidad de que hagan un ere en la empresa.

Estou que non me marca a corredeira que non me marca a cremalleira que non me corre a cremalleira # que ando co credo na boca ante a posibilidade de que fagan un ere na empresa.

● Tamén:

Ter # Entrarlle o/un tortullo no corpo && Tremerlle a espiñela && Non lle correr a engrada

Ex.: Ó primeiro púxose moi farruco, pero cando a policía lle amosou a orde para rexistrar a súa casa xa lle entrou o tortullo no corpo xa lle tremía a espiñela xa non lle corría a engrada.

Ex.: Estou que teño un tortullo no corpo que me treme a espiñela que non me corre a engrada ante a posibilidade de que fagan un ere na empresa.

● Tamén, asociadas a rexistros moi informais e ámbitos de uso coloquiais e populares, e mesmo vulgares:

No caberle un piñón por el culo # en el culo && Encogérsele el culo && Estar # Andar con el culo apretado

Ter # Poñérselle o cu en cichas && Ter # Poñérselle o cu en chapuzos && Mexar en pingas && Cheirarlle o cu a chamusco && Facerlle o cu luís-luís && Facerlle o cu lucas-lucas && Papexarlle o cu coma un figo maduro && [E MESMO, SE CADRA POR INFLUENCIA CASTELÁ]: Estar # Andar co cu apertado

Ex.: Ó primeiro púxose moi farruco, pero cando a policía lle amosou a orde para rexistrar a súa casa xa se lle puxo o cu en cichas xa tiña o cu en chapuzos xa mexaba en pingas xa lle cheiraba o cu a chamusco xa lle fixo o cu luís-luís xa lle papexaba o cu coma un figo maduro.

Ex.: Teño o cu en cichas Teño o cu en chapuzos Xa mexo en pingas Xa me cheira o cu a chamusco Xa me fai o cu luís-luís Xa me papexa o cu coma un figo maduro ante a posibilidade de que fagan un ere na empresa.

● E mesmo, como calco para o galego das expresións do castelán:

Tener # Ponérsele los huevos de corbata && Tenerlos # Ponérsele de corbata

Ter # Poñérselle os collóns de gravata/garavata && Telos # Poñérselle de gravata/garavata && Ter # Poñérselle as bólas de gravata/garavata && Ter # Poñérselle as pelotas de gravata/garavata

NOTAS:

1. Tal e como podemos observar no primeiro exemplo, o acontecemento ou situación que se desexa que non ocorra ou aconteza non é necesario que apareza reflectido de xeito expreso no enunciado. Así, no dito exemplo sobreenténdese que ó individuo en cuestión non lle marca a corredeira porque ten algo que agochar e teme que a policía dea con el.

2. Estreitamente relacionada coa expresión non lle marcar a corredeira (expresión que neste caso, ó igual ca outras varias do presente artigo, coma as de ter o cu en cichas ou ter o cu en chapuzos, quen isto escribe ten de seu) tamén existe, a xeito de “advertencia, ameaza ou manifestación de forza, normalmente en clave humorística”, a de non che vai marcar a corredeira, tal e como se recolle no artigo de Salvador Castro Otero e outros “Botando unhas liñas no mar do Morrazo” (Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, ano 2017), no que ademais se nos ofrece un exemplo concreto: Mira, rapaz, quítateme xa do medio, que non che vai marcar a corredeira.

Neste mesmo artigo dise que “a corredeira mide a velocidade dos barcos en nós, millas percorridas nunha hora”, mais, por outra banda, é unha voz que tamén se emprega como voz sinónima de cremalleira, tal e como rexistra o profesor Constantino García no seu Glosario de voces galegas de hoxe, publicado en 1985 (e consultado no Dicionario de Dicionarios da Lingua Galega).

3. A voz tortullo vén recolleita no DRAG como o cogomelo Tricholoma portentosum, mais supomos que o significado vinculado á expresión reflectida no presente artigo non é este, senón que é máis probable que teña que ver cos que, para a variante turtullo, rexistran Aníbal Otero (“haz de paja apretujada que se utiliza para poner debajo de la carga de una caballería o para mechar el culo del cerdo antes de abrirlo”, o profesor Constantino García (“paja atada que se colocaba a la entrada del horno cuando se introducía el lino”) ou outros autores que o definen como un fachuzo ou mollo de palla que se puña en contacto coa moa do muíño.

Así, supomos que a relación metafórica se establece no sentido de que unha persoa que ten palla polo corpo non é quen de estar en acougo ou tranquilidade, xa que a palla prodúcelle, en contacto coa pel, comechón, proído ou molestia, polo que terá que intentar sacala de enriba facendo movementos que poden lembrar os dunha persoa que se atopa nerviosa ou intranquila. E precisamente de aí –intuímos– podería vir a orixe da expresión.

4. As expresións de ter ou poñérselle o cu en cichas ou o cu en chapuzos dan a entender que cando alguén está con moito medo, angustia ou preocupación, o corpo pódelle reaccionar de tal xeito que lle entra unha cagarría ou diarrea. Así, e dispensando a descrición escatolóxica, as cichas non fan senón referencia á defecación líquida, e os chapuzos ó efecto que provoca esta cando entra en contacto coa superficie de destino.

Gardando certa relación temos a expresión mexar en pingas, que, nun sentido semellante, nos trae a imaxe de que cando alguén está nervioso é posible que non sexa quen de ouriñar de xeito fluído e o faga, precisamente, en pingas.

Pola súa banda, e en relación ca expresión papexarlle o cu coma un figo maduro (rexistrada coa variante verbal papear no canto de papexar), temos que lembrar que nunha das súas acepcións o verbo papexar é sinónimo de tremer, tal e como se recolle no propio DRAG:

Papexar (DRAG): verbo intransitivo 1. [Alimento] ferver a cachón. Saca do lume as papas, que xa papexan. 2. figurado Axitarse fisicamente ao sentir un gran medo, por unha emoción etc. Papexa co medo. Sinóns.: tremelar, tremer.

5. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Franco Grande, Xosé Luís: Diccionario galego castelán e vocabulario castelán-galego (2ª edición). Publicado en 1972. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- García González, Constantino: Glosario de voces galegas (1985). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Otero Álvarez, Aníbal: “Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugés”, CEG XXVI/80, pp. 287-306. Ano 1971.

- VV.AA.: Unha maré de palabras (Contribución ao léxico do Morrazo). Xunta de Galicia–Museo Massó, 2005.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta