Feijóo contesta a Adif: "Non imos pedir permiso en Galicia para falar do AVE"

O delegado do Goberno pídelle que deixe de "sementar desconfianza" ao redor dunha infraestrutura que se executará "en tempo e forma".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2019 | Actualizada ás 15:38

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, rexeitou "entrar nun xogo" con Adif e asegurou: "Non imos pedir permiso para falar do AVE". Respondeu así ás manifestacións de Adif tras as súas declaracións sobre os atrasos da alta velocidade a Galicia.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Xunta.

A compañía dependente do Ministerio de Fomento afirmou que "non pode máis que mostrar o seu estupor ante unha información absolutamente enganosa e tendenciosa".

"É bastante ilustrativo que en lugar de dar datas de finalización con Galicia se mostren contrariados. Sería sorprendente que o Goberno de Galicia tivese que pedir permiso a Adif para falar do AVE a Galicia", dixo o presidente da Xunta.

Núñez Feijóo indicou que ten "unha obriga": "Informar os galegos das infraestruturas de Galicia". "Non só son o presidente da Xunta, senón que son o representante ordinario do Estado en Galicia e para falar das infraestruturas en Galicia non lle imos pedir permiso nin ao delegado do Goberno nin a calquera outro subsecretario de calquera departamento", engadiu.

NOVO CRUZAMENTO DE REPROCHES

Pola súa banda, o delegado do Goberno, Javier Losada, quen tamén acudía a este mesmo acto, lamentou que o presidente da Xunta "utilice o altofalante da Xunta de Galicia para facer un mitin electoral do PP".

"O AVE é un compromiso de todos os galegos e todas as institucións, e este Goberno puxo en marcha todas as obras paralizadas polo anterior Goberno para que se conclúa en tempo e forma, e se faga con total seguridade", dixo Losada, quen avanzou que no próximo mes as obras avanzarán "día e noite".

Losada pediulle ao presidente da Xunta que se "tranquilice" e "non entre nunha campaña electoral" porque "o AVE é de todos os galegos e un compromiso do Goberno que está disposto a cumprir en tempo e forma".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta