As matronas en contra do peche do paritorio de Verín defenden "o dereito da muller a parir onde desexe"

Ánxeles Cuña ve na denominada "lexislatura do rural" un agravio ao mesmo co peche desta unidade

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2019 | Actualizada ás 18:04

Comparte esta noticia

A Asociación Galega de Matronas mostrou este venres nunha concentración o seu rexeitamento ao peche do paritorio de Verín. "Estamos aquí para defender o dereito das mulleres a parir onde desexen", manifestou Elena Rodríguez, unha das matronas de Verín.

As matronas protestan contra do peche do paritorio de Verín.
As matronas protestan contra do peche do paritorio de Verín. | Fonte: Europa Press

Decenas de persoas responderon este venres á chamada da Marcha Mundial das Mulleres e Arrolos de Teta e sumáronse á concentración ás portas do materno do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense para mostrar o seu rexeitamento á decisión de pechar o paritorio de Verín.

"As matronas sempre estamos coas mulleres e queremos reivindicar que non se perda algo que gañamos xuntas", sinalou Elena Rodríguez.

Esta matrona do Hospital de Verín mostrouse "máis a favor de mobilizar ao persoal e facelo rotar que ás mulleres con contraccións", se realmente a xerencia do CHUO cre que non dan "os coidados necesarios"

A súa compañeira Sara Campo reprobou a decisión da Consellería de Sanidade baseada nun documento de estándares e recomendacións do ano 2009 no que, segundo as súas palabras, "obvian puntos" como que "se quere a rexionalización dos partos". "Iso é xustamente o que facemos nós en Verín, dar asistencia 100% a cada muller", engadiu.

Ademais, as matronas sinalaron que "os nenos que chegaban a Urxencias unha vez pasado o proceso de triaje eran finalmente vistos por un pediatra".

"RECORTAR OS DEREITOS É VIOLENCIA"

Entre berros e caceroladas e consignas como "nós parimos, nós decidimos" ou "Verín non se pecha", as convocantes procederon á lectura do manifesto que expresa "o profundo rexeitamento" ante a medida tomada pola Xerencia da área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorrras de pechar o paritorio e o servizo de Atención de Urxencias Pediátricas do Hospital Comarcal de Verín.

Os colectivos profesionais e feministas aludiron a que "os argumentos esgrimidos polo xerente e os xefes de servizos do CHUO refírense unicamente a criterios económicos e a unha mala xestión dos recursos".

Neste sentido instaron ao Goberno galego a "asumir o compromiso de garantir os servizos e a calidade asistencial sanitaria, sen prexuízo do xénero ou lugar de residencia". Nas súas propias palabras, "recortar os dereitos das nais tamén é violencia".

Ademais, centráronse na "evidencia científica" para denunciar as prácticas prexudiciais para a saúde que se realizan nos centros como "a realización de cesáreas por ser véspera de festivo ou final da liga" ou "a separación da díada nai-bebé para observalo sen criterio médico de atención urxente", entre outras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta