Oliver Laxe, tras os nomeamentos aos Goya: "Xa non nos poden dicir que o noso cinema non o ve ninguén"

O filme 'O que arde' opta aos galardóns de mellor película, director, actriz revelación e mellor son. Por outra banda, "Quien a hierro mata", da produtora Vaca Films, conta con tres nomeamentos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2019 | Actualizada ás 12:31

Comparte esta noticia

A longametraxe 'O que arde' foi nomeado a catro Premios Goya 2019, mentres que o intérprete lucense Luís Tosar competirá polo galardón de mellor actor protagonista por 'Quien a hierro mata'. En concreto, 'O que arde' está nomeada aos galardóns de mellor película, director (Oliver Laxe), actriz revelación (Benedicta Sánchez) e fotografía (Mauro Herce).

Fotograma do filme 'O que arde' (Oliver Laxe, 2019)
Fotograma do filme 'O que arde' (Oliver Laxe, 2019)

O pasado mes de maio, o fillo de galegos, Oliver Laxe xa fixo historia ao converterse no primeiro cineasta español, xunto a Víctor Erice, en ser seleccionado en Cannes co seu tres primeiras obras e o único en ser premiado en todas as súas participacións. No certame, 'O que arde' fíxose co Premio do Xurado da Sección Oficial 'Un Certain Regard' e o Premio á Mellor Creación Sonora da sección.

O propio Oliver Laxe trasladou a súa "alegría" pola noticia, xa non só porque a cinta opte aos premiosi, senón pola conexión alcanzada entre os espectadores e ese espello da Galicia rural.

"É un pequeno milagre", recoñeceu Laxe, que, tras considerar que a súa obra non entende de galardóns, mostrouse "contento" dun recoñecemento que "lexitima unha maneira de facer cinema" e que sitúa unha película "moi fráxil e moi pequena" á beira de nomes "tan grandes" e cineastas "tan hexemónicos".

Lexitimada pola crítica, "polo festival máis importante do mundo (Cannes)", e por todos os sitios polos que pasou, a obra de Oliver Laxe consagrouse como "unha película de audiencia". "Xa non nos poden dicir que o noso cinema non o ve ninguén e creo que isto (o nomeamento aos Goya) o lexitima aínda máis".

E é que 'O que arde' está ás portas de pasar á historia do cinema galego e en lingua galega, posto que opta tanto á mellor película como ao recoñecemento ao mellor director, algo do que "non houbo precedentes" ata agora.

A pesar diso, para Laxe o "grande éxito" do filme non pasa nin por Cannes nin polos Goya, senón que "o importante é sentir a resposta do público e que a xente fixese súa" a obra.

"Sentimos que era unha película necesaria para o espectador e precisamente o seu éxito de despacho de billetes é moi esperanzador", sinalou, ademais de valorar que o seu relato sobre a Galicia rural foi visto "por xente non cinéfila" e que, con todo, mostrouse "moi madura e sensible" coa historia de Benedicta e Amador.

Neste sentido, o cineasta referiuse expresamente ao nomeamento de Benedicta Sánchez a 'Mellor actriz revelación', algo que considerou "moi poético" ao tratarse "dunha muller anónima, campesiña, emigrante". "É un premio á xente normal, á xente anónima", destacou.

OUTROS NOMEAMENTOS GALEGOS

Pola súa banda 'Quien a hierro mata', película da produtora galega Vaca Films, conta con tres nomeamentos. A de Tosar como mellor actor, así como nas categorías de actor revelación (Enric Auquer) e mellor son.

Así mesmo, o actor vigués Santi Prego competirá a mellor actor revelación polo seu papel de Francisco Franco en 'Mentres dure a guerra', de Amenabar. Ademais, o lucense David Fidalgo Omil está nomeado a mellor curtametraxe de animación por 'Homomaquia', nunha denuncia aos malos tratos animais.

AS PELÍCULAS CON MÁIS NOMEAMENTOS

'Mientres dure la guerra'
, de Alejandro Amenábar, é a película favorita da 34 edición dos Premios Goya cun total de 17 nomeamentos, seguida por 'Dolor y gloria', de Pedro Almodóvar, que conta con 16 candidaturas e 'La trinchera infinita', de Aitor Aguirre, Jon Garaño e Jose Mari Goneaga, con 15 nomeamentos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta