A produción industrial galega cae un 4,3% mentres crece a media estatal

Galicia presentou unha baixada da produción industrial todos os meses deste ano, salvo en xullo.

Por E.P. | VIGO | 05/12/2019 | Actualizada ás 10:51

Comparte esta noticia

A produción industrial galega descendeu un 4,3 por cento en outubro en comparación co mesmo mes do ano anterior, fronte á media no Estado, que ascendeu un 1,1 por cento, segundo os datos que publica este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Deste xeito, Galicia presentou unha baixada da produción industrial todos os meses deste ano, salvo en xullo, cando tivo lugar un lixeiro repunte cun crecemento do 0,2 por cento.

En concreto, Galicia foi a terceira autonomía que rexistrou un maior descenso na produción industrial en outubro respecto dese mes de 2018, só superada por Asturias, onde baixou un 11,9 por cento, e Estremadura; que acumulou unha caída do 17,9 por cento respecto de outubro de 2018.

Mentres, Navarra, A Rioxa e Murcia presentaron un crecemento do 26,4, o 13,8 e o 6,9 por cento, respectivamente, o que levou que fosen as rexións que mellores resultados acumularon de acordo coa taxa anual do Índice de Produción Industrial (IPI).

En cambio, tras a corrección dos efectos estacionais e de calendario, a media estatal do Índice de Produción Industrial presentou en outubro unha variación do -1,3 por cento respecto dese mes do ano anterior. Deste xeito, a media española de outubro corrixida representa un descenso dun 1,9 por cento respecto da acumulada en setembro.

PRODUCIÓN EN GALICIA

Así mesmo, no que vai de ano, a produción industrial galega rexistrou un descenso do 5,5 por cento, unha caída só superada pola das Illas Baleares, que acumularon un descenso do 6,9 por cento. En contraposición, Murcia e Navarra cultivaron os mellores resultados. Adicionalmente, a variación media entre setembro e outubro supuxo, tras a eliminación dos efectos estacionais e de calendario, un 0,4 por cento.

VARIACIÓN POR SECTORES

Por sectores, Bens de equipo (1,2 por cento) e Bens de consumo non duradeiro (0,3 por cento) presentaron taxas mensuais positivas. En cambio, os correspondentes a Enerxía (-3,9 por cento) e Bens de consumo duradeiro (-0,4 por cento) mostraron taxas mensuais negativas.

De acordo cos índices corrixidos de efectos estacionais e de calendario, Bens de equipo e Bens de consumo non duradeiro acumularon taxas anuais positivas (0,8 por cento), mentres que Enerxía (-4,4 por cento), Bens de consumo duradeiro (-2,3 por cento) e Bens intermedios (-2,0 por cento) rexistraron taxas anuais negativas.

O Índice de Produción Industrial presenta resultados mensuais obtidos a partir dunha mostra de 11.500 establecementos industriais e máis de 1.100 produtos de todo o territorio nacional. Así, avalía a evolución da actividade produtiva das ramas industriais, fóra da construción.

A produción industrial galega descendeu un 4,3 por cento en outubro en comparación co mesmo mes do ano anterior, segundo datos do INE. EPDATA
A produción industrial galega descendeu un 4,3 por cento en outubro en comparación co mesmo mes do ano anterior, segundo datos do INE. EPDATA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta