Agadic considera que os cambios nos centros dramáticos e coreográficos galegos non afectan o seu funcionamento

O BNG recrimina a redución de "recursos, fondos e competencias" para os centros.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 13/12/2019 | Actualizada ás 15:08

Comparte esta noticia

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, está convencido de que os cambios que se introduciron no estatuto que regula o Centro Dramático Galego e o Centro Coreográfico Galego non afectan o funcionamento destas entidades.

O director de Agadic, Jacobo Sutil, e a presidenta de Escena Galega, Belén Pichel. XUNTA
O director de Agadic, Jacobo Sutil, e a presidenta de Escena Galega, Belén Pichel. XUNTA

Unicamente busca "mellorar o traballo e ser eficiente nos obxectivos e funcións" que desenvolven estes dous organismos, pero asegura que todos son "cambios técnicos" que resultan "irrelevantes" para a produción cultural que se leva a cabo neles.

Así respondeu o director de Agadic á crítica da deputada Olalla Rodil (BNG) este venres na comisión cuarta de Educación e Cultura, na que a nacionalista reprochou ao Goberno galego "os recortes nos orzamentos de 2020" para estas dúas unidades de produción cultural e a "perda brutal de autonomía" que sufrirán coa reforma.

Rodil puxo sobre a mesa a partida orzamentaria que recibirá o Centro Dramático Galego, 350 mil euros o próximo ano, 250 mil euros menos que en 2019. Pola súa banda, o Centro Coreográfico Galego reduce o seu orzamento preto de 100 mil euros.

Para a deputada, á diminución de recursos engádese o menor número de competencias e a maior externalización e privatización da produción. "O único que vemos é que están a deseñar as condicións idóneas para desmantelar" estes dous centros, recriminou.

Ademais, non consente que a tomen por "imbécil", porque as modificacións que se contemplan si restan autonomía á dirección dos centros. Detallou que onde antes se recollía que os directores deciden sobre a produción da entidade, agora plásmase que propoñen.

Pola súa banda, Jacobo Sutil sostén que nada do que contempla o novo estatuto "significa privatizar ou quitar autonomía", son meros cambios administrativos na estrutura interna que "buscan o mellor servizo para os cidadáns", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta