O audiovisual despreza o subtítulo en galego mentres os afeccionados enchen o oco de profesionais e autoridades

Os subtítulos en galego non lle interesan á maioría da produción audiovisual, ben por non consideralos rendibles ou por cuestións alleas á creación. Os profesionais deste terreo son moi poucos e case que invisibles, de aí que as retribucións polo seu traballo sexan tamén descoñecidas. E se aínda fora pouco, as entidades que si subtitulan filmes ao galego a maioría fano de maneira voluntarista, sen remuneración e querendo compartir o seu traballo gratuitamente.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 26/12/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A noticia de que Movistar + incorporaría subtítulos en galego dentro dos seus filmes foi un paso que a compañía deu logo de numerosas queixas segundo a Mesa pola Normalización. Mais é que o mercado audiovisual en xeral segue sen querer ter en conta unha das linguas cooficiais do Estado. Sexa por mercado, sexa por cuestións macro ou microeconómicas, o número de cadeas que ofrecen producións estranxeiras subtituladas en galego son poucas. Motivo de preocupación? Para moitos e moitas si. E mesmo a calidade das traducións ao galego nalgúns subtítulos carecen da calidade necesaria.

Fotograma con subtítulos en galego
Fotograma con subtítulos en galego | Fonte: Cineclube de Compostela

A LEI XA O DI

Segundo a lei de creación da Corporación Radio e Televisión de Galicia, a corporación pública para a difusión, impulso e promoción do galego  “promoverá activamente o desenvolvemento da sociedade da información, participando no progreso tecnolóxico, utilizando todas as formas e medios de distribución, expresión e linguaxe”.

A cuestión de se os subtítulos son útiles ou non é outro tema. Se nos centramos na elaboración dos mesmos estamos diante dun investimento de tempo e recursos elevados. Aquí non se fala só dunha tradución simple, trátase de crear textos adaptados tamén á idiosincrasia da lingua en que se subtitula. “Ás veces hai expresións que se notan moi artificiosas ou forzadas, un título foi “Whisky galore”, un filme de 1946, que en castelán foi “Whisky a go-go” mais nós traducimos como “Whisky a esgalla”” din desde o Cineclube de Compostela.

A dobraxe en galego tivo a súa repercusión ofrecendo títulos e personaxes recoñecidos falando a nosa lingua. Isto facilitou en parte a normalización da lingua. Os subtítulos mentres, quedaban como unha expresión máis cinéfila, máis intelectual se se quere ver así. Mesmo existía o dito de subtitular permitía aprender mellor unha lingua estranxeira. En tal caso, esta parte é das máis discutidas.

O acceso ao cinema en galego non é o suficiente que debera ser” di o presidente do Cineclube de Compostela, Cibrán Tenreiro. Desde o seu punto de vista como afeccionado ao cinema, considera que existe unha certa discriminación de base de cara persoas que desexan acceder á creacción audiovisual en galego. “Podo contar cos dedos dunha man os filmes que vin dobrados ou subtitulados en galego”.

SUBTITULAR

“Subtitular en galego pode ser o 20% do traballo que fago” sinala Samuel Solleiro, traductor e artista. A creación e incrustación de subtítulos faino mediante programas que existen en plataformas dixitais. O feito de que a porcentaxe que fai en galego sexa relativamente baixa, Solleiro explícao pola escasa presenza deste idioma en plataformas dixitais. “O meu traballo en galego vai maioritariamente para Numax por decisión deles, todas as que distribúen tamén e logo algún caso puntual como son os festivais e algúns museos”.

“Normalmente as produtoras e plataformas non piden un apartado en galego” afirma Solleiro, que fai traducións para empresas ligadas aos recentes desembarcos dixitais en España. Tampouco o traballo é sempre igual porque cada empresa ten unhas pautas marcadas e ás veces hai que adaptar os textos ás marcas ou espazos que terían as frases, por exemplo, en inglés.

Volvendo á adaptación de textos en inglés ou castelán “a fraseoloxía en galego moitas veces é obviada quer pola présa en facer os textos quer por non ter referencias para substituír expresións” di Manuel do Cineclube de Compostela. “Se encontras fraseoloxía para expresións semellantes en castelán, ás veces tes a sensación que a xente non entende algo como “Unha e non máis, señor Brais” en vez de “Una y no más, Santo Tomás””.

CREACIÓN Á MARXE

Unha das vías de creación de subtítulos é por iniciativa de asociacións culturais, festivais ou entidades que desta maneira suplen a falta de máis profesionais ou empresas que se adiquen á creación deste tipo de arquivos. Tamén se dá o caso de filmes cuxos subtítulos ao galego son feitos en empresas de fóra de Galicia. “Moitas veces son como a versión castelán en galego, non hai unha elaboración a conciencia” sinala Solleiro.

Unha das asociacións que traballa na elaboración de subtítulos é o Cineclube de Compostela. “A cousa é por vontade nosa, por querer ver os filmes en versión orixinal  e subtitulados” di Cibrán Tenreiro. “Para nós é unha forma de achegarnos ao público e ao galego”. Todos eses documentos están arquivados no blog da asociación.  “Compartimos a creación para que poda ser usada como ten ocorrido en ocasións como festivais de cinema, ou baixadas por usuarios particulares” di Tenreiro. Desta maneira facilítase, segundo esta asociación cultural, a circulación de filmes e traducións para o público.

A creación ou tradución destes textos faise baixando as versións que existan en castelán e ás veces na lingua orixinal, normalmente francés, inglés ou portugués no caso do Cineclube. Tamén se recorre ao inglés ou outro idioma coñecido en caso de filmes cuxa lingua non sexa coñecida polos tradutores. “Existen webs onde están subidos os filmes e diferentes textos en diferentes linguas, así podes baixar a versión que mellor se adapte ás túas posibilidades” di Manuel. “O problema está ás veces en que texto e imaxe vaian sincronizados, ou que non todos os diálogos estean traducidos”.

Doutra banda está o custe tempo-esforzo que leva a creación destes textos. No caso do Cineclube o traballo é voluntarista, con espazos de tempo que varían segundo a dispoñibilidade das persoas que asuman a tarefa. Sobre os profesionais que se podan dedicar a este traballo, non existen tarifas fixas, porque no caso dos autónomos vai en función das condicións de cada quen. Uns prezos aproximados poden ser 300 euros por 600 subtítulos e de 600 a 800 euros máis de mil frases. Non existe unha táboa fixa.

Subtitular en galego é unha acción minoritaria á parte de voluntariosa desde colectivos que consideran necesario encher un espazo que non se está tratando como debera. Desde as autoridades autonómicas si se teñen dado pasos, aínda que se consideran insuficientes e case que testimoniais. A produción por tanto está en mínimos tanto por falta de interese da industria audiovisual como a falta dunha política que incentive esta actividade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 uu1

Pois eu acho que o galego é galego-português, e pelo tanto considero as variedades brasileiras e portuguesas como variedades da nossa língua, e por isso, reclamo poder aproveitar todos estes recursos. Só conseguindo que o galego seja língua habitual na Galiza poderá sobreviver, aproveitar o disponível noutras variedades é um bom começo. Quando o galego seja língua comum na Galiza haverá demanda para fazer dobragens e subtítulos na variedade galega, se o galego continua com a tendência que leva, a nossa língua desparerá e já não falaremos deste tema. Bi normativa e aproveitar todos os contidos disponíveis nas variedades da nossa língua.

1 anonimo

Interés e necesidade dous conceptos básicos na aprendizaxe e uso dunha língua. Precisamente o que non se precisa no caso do galego. Se non fose pola regulación lexislativa (a todas luces artificiosa) que obriga a demostrar o seu coñecemento , pasaría o mesmo que o que acontece cos subtítulos: nin interesa nin se necesita. Qué cousas precisan ser traducidas? As que non se entenden. E que eu saiba, calquera cidadán galego que escoite ou lea en español, non necesita que ninguén lle faga unha traducción. Pero claro, hai que lle dar corda ao asunto da identidade, a cultura propia, a nación galega e bla, bla, bla…

1 uu1

Interesse e necessidade? Matizemos um pouco, interesse, pois eu tenho o interesse de falar minha língua, a língua dos meus pais, dos meus avos, a língua que de cativo falava habitualmente, a língua com a qual no Brasil ciciam-me “você fala muito bem o português”. Necessidade, pois eu estivem no Brasil, Chile, França, Italia, Noruega, Holanda, Singapore, China e a única língua que precisei foi o “inglês”, mas no Brasil falei galego e em Chile falei castelhano, e sinto muito não poder falar francês, holandês ou chinês, e eu sempre pedia desculpas por não falar essas línguas. Quando estava no 6 da EGB véu uma pessoa ao colégio a dar uma charla sobre meio ambiente, e o primeiro que fixo foi ... desculpar-se por não falar a língua da Galiza...