Denuncian outro "colapso" nas urxencias do CHUS con pacientes ciscados nos corredores, entre os que había un "terminal"

A Asociación de Pacientes e Usuarios critica que "a xerencia segue mantendo pechadas as 40 camas de medicina interna do Gil Casares e o anexo a ese edificio".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/01/2020 | Actualizada ás 13:37

Comparte esta noticia

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago) vén de facer unha nova denuncia do colapso que se vive no servizo de urxencias deste centro.

Pacientes nos corredores das Urxencias do CHUS.
Pacientes nos corredores das Urxencias do CHUS.

O aviso chega logo de que un usuario enviase unha foto da situación que se vivía ás 14:20 horas deste xoves pasado, cando "oito pacientes estaban agardando nos corredores de acceso a ser atendidos en cadeiras de rodas e padiolas". Un deles, segundo os denunciantes, "era un paciente terminal que permaneceu mais dunha hora no corredor ata pasar a sala de observación".

"Ás 16:58 horas a situación foi a peor e eran 10 os pacientes amontoados no corredor", indican.

Mentres tanto, "como consecuencia da demora nos ingresos hospitalarios, 11 pacientes estaban ocupando as zonas de traballo en espera de ser trasladados a planta", engaden.

Desde a asociación critican que "a xerencia segue mantendo pechadas as 40 camas de medicina interna do Gil Casares e o anexo a ese edificio" e falan de "maltrato asistencial" porque "non se poñen os medios necesarios para que as camas hospitalarias estean dispoñibles no momento en que os facultativos do servizo as demandan".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta