O número de traballadores afectados por ERE dispárase un 70% en Galicia

Hai 3.873 empregados nesta situación, quinta maior cifra entre autonomías.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/01/2020 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

O número de traballadores afectados por expedientes de regulación de emprego (ERE) --autorizados polas autoridades laborais ou comunicados ás mesmas-- disparouse un 70% nos primeiros dez meses de 2019, ata un total de 3.873 empregados.

Segundo datos do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social, en Galicia hai 1.596 traballadores máis afectados por un ERE que os que había no mesmo período de 2018.

Este incremento galego sitúase por encima do aumento medio en España (+56,4%), só por detrás de comunidades como Comunidade Valenciana (+437,9%), Cantabria (+116,6%) e Castela e León (+101,2%).

Galicia é a quinta autonomía con maior cifra de afectados por ERE (3.873), con Comunidade Valenciana á cabeza (24.846). En España os traballadores nesta situación son un total de 71.079 --51.556 homes e 19.523 mulleres--.

Do total de afectados en Galicia entre xaneiro e outubro, hai 1.668 traballadores inmersos nun despedimento colectivo, mentres 2.065 se atopan en suspensión de contrato. Hai 5,04 afectados por un ERE en Galicia por cada 1.000 afiliados á Seguridade Social, por encima da media española (4,59). Comunidade Valenciana ten o peor cociente (16,44) e A Rioxa, a mellor (1,19).

MAIORES ERE EN ESPAÑA

No primeiros dez meses do ano pasado destacaron os ERE de extinción postos en marcha por Banco Santander, Caixabank e Vodafone, que en conxunto afectaron a máis de 6.000 empregados, e as suspensións de contrato na factoría de Ford na localidade valenciana de Almussafes.

Segundo Traballo, as empresas inmersas nun procedemento de regulación de emprego aumentaron un 3,6% entre xaneiro e outubro, ata un total de 1.735, en tanto que os expedientes se reduciron un 1,5%, ata 2.477 procedementos. Por tipo de procedemento, o número de traballadores afectados por despedimentos colectivos disparouse un 49,1% en taxa interanual, ata sumar 24.437 traballadores.

As suspensións de contrato afectaron a 44.697 traballadores, un 71,4% máis, mentres que os afectados por expedientes de redución de xornada baixaron un 34,5%, ata os 1.945 traballadores. Do total de procedementos rexistrados ata outubro, o 89,3% contaban con acordo entre as partes, segundo os datos do Ministerio de Traballo.

Por sectores, industria e servizos concentraron o maior número de afectados por ERE nos dez primeiros meses do ano pasado, con 42.454 e 26.062 traballadores, respectivamente, cun repunte do 78,2% no primeiro caso e do 32,8% no caso dos servizos.

A construción, pola súa banda, rexistrou 1.894 traballadores afectados por regulacións de emprego, un 46,6% máis, en tanto que na agricultura se viron inmersos nun ERE un total de 669 traballadores, un 5,1% menos que ata outubro do ano 2018.

Traballador. MINISTERIO DE TRABALLO - Arquivo
Traballador. MINISTERIO DE TRABALLO - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta