Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2020 | Actualizada ás 16:02
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que prefire "un mal ministro galego e coñecido" que "un mal ministro doutra comunidade e descoñecido". "Así xa sabemos que cousas podemos facer e que non", esgrimiu, tras ser preguntado pola designación da galega Yolanda Díaz (Esquerda Unida) como ministra de Traballo.
Ao termo do Consello, preguntado respecto diso, Feijóo sinalou que "non pode valorar" un Goberno que "probablemente aínda non coñece" o propio Pedro Sánchez, "que aínda o está pensando", aínda que si se coñecen "os ministros do vicepresidente Pablo Iglesias". "Imaxino que Sánchez estará a esperar para encaixar aos seus ministros", engadiu.
Neste punto, apuntou que "as cousas non poderían empezar peor" no Executivo estatal. "Son dous gobernos e dous gobernos non suman un goberno, suman cero gobernos", reflexionou e lembrou a experiencia do bipartito de PSdeG e BNG que estivo á fronte da Xunta entre os anos 2005 e 2009.
En todo caso, apuntou que lle parece "moi ben" que "unha ministra nomeada por Iglesias" teña "un ministerio de relacións co traballo e sexa galega". "Prefiro un mal ministro galego e coñecido que un mal ministro doutra comunidade descoñecido. Así sabemos que cousas podemos facer e que non", apuntou.
"SECRETARIA DE ESTADO CON RANGO DE MINISTRA
Finalmente, asegurou ter a sensación de que haberá "moitos ministerios" que en anteriores etapas eran "secretarías de Estado" e suxeriu que, cun departamento que non inclúe as competencias de Seguridade Social, Díaz será en realidade "secretaria de Estado con rango de ministra".
En todo caso, asegurou que non lle queda "máis que felicitala" e "recoñecer que Iglesias tiña claro cal ía ser o seu Goberno", tendo en conta que xa se coñecen "non só os ministros, senón tamén secretarios de Estado e ata o xefe de gabinete".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.