O marisqueo en perigo: Os profesionais acusan á Xunta de ter o sector desatendido

Os mariscadores denuncian os baixos prezos que cobran en comparación cos prezos no mercado, que mesmo poden dobrar ou triplicar o que reciben. Os biólogos mariños coinciden con eles nas críticas sobre a depuración das augas, que se está a facer lentamente e sen garantías de eficacia. Ademais, as obras portuarias están danando de maneira irreversible o ecosistema natural das especies marisqueiras.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 16/01/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A actividade marisqueira ten varias frontes abertas. O mantemento dos bancos de traballo, a chegada de especies e parasitos  foráneos e limpeza de augas nas rías. Por outra parte, esta actividade podería vincularse tamén aos parámetros de economía sustentable sempre e cando, non incidise de maneira negativa no hábitat ou se actuase con criterios racionais para a súa preservación. Mariscadores falan de abandono das autoridades competentes na materia, expertos en falta de persoal público para atender as necesidades do sector.

Marisqueo en Cambados
Marisqueo en Cambados | Fonte: Pinterest

ACTIVIDADE E RENDIBILIDADE

As posibilidades do marisqueo como actividade sustentable virían apoiadas en que se está explotando un recurso renovable. Sempre que se cultive o recurso, sempre se poderá recoller, non é unha extracción como a pesca comercial. Se se sementa ao longo do tempo, a actividade pode seguir continuamente.

“Nos últimos anos detectamos un descenso nas capturas e no valor económico do marisqueo, un descenso no número de mariscadores que se reduciu á metade” así como no número de embarcacións, declara o biólogo mariño Pablo Pita. Unha das principais causas sería o cultivo de determinadas especies. “Introduciuse a ameixa xapónica que se desenvolve ben nas nosas augas, mais non ten o valor económico das especies que había aquí”. A introdución da xapónica permitiu entrar nun mercado máis global, o que fai que se estea competindo nun mercado moi saturado coa mesma especie.

Un caso moi salientable é o do berberecho, unha especie moi abundante ata a chegada do parasito Marteilia cochillia, que eliminou boa parte da poboación deste bivalvo. “O berberecho case desaparece, esa é a especie que fai posible que as ameixas e outros bivalvos se instalen na mesma área” di Juan Miguel, mariscador da Pobra do Caramiñal e antigo Patrón Maior na confraría pobrense. Sobre a explotación da ameixa xapónica, Juan Miguel ten claro que a día de hoxe “se desaparece, moitas confrarías e mariscadores quedarían sen traballo”.

Marisqueo no Grove
Marisqueo no Grove | Fonte: Wikipedia

A oscilación de prezos fai que segundo a época do ano sexa máis rendible ou non a actividade marisqueira. As mellores épocas son o Nadal, Semana Santa e verán. Entre estas dúas últimas épocas están os chamados meses malos, xaneiro e febreiro. Logo a partir de marzo pecha a actividade ata o verán. Sobre os prezos pagados aos mariscadores Juan Miguel apunta que por exemplo “a ameixa roxa pode ser 25 euros kg prezo medio lonxa, e se vas a establecementos de venda ves que o quilogramo pode estar a 42 euros e 45 euros en establecementos”. A rendibilidade final vai parar aos centros de venda.

REPOBOACIÓN E APOIO DA ADMINISTRACIÓN

Sería posible a ampliación das áreas marisqueiras mediante algún tipo de intervención? “É dificil porque o espazo está xa copado, isto é porque os produtos marisqueiros son dun alto valor engadido” sinala o biólogo mariño Xandro García. Un cambio tecnolóxico podería favorecer a ampliación das áreas de marisqueo. “Cabe a posibilidade de que os mariscadores se adiquen a outras especies como a ostra xigante que é unha especie invasora pero que se estivo explotando durante uns anos”.

“Teño a sensación de que se está producindo unha perda de áreas de marisqueo, porque hai menos xente mariscando e se non traballas o terreo acaba perdéndose” di Pablo Pita. “O traballo nestes bancos mariqueiros permite manter o ritmo natural do cultivo, mais o que puidemos ver foi o abandono e con el a perda de tradicións e tamén potencialidades socioeconómicas”. Juan Miguel declara que desde o sector se demanda a aplicación de area en lugares con lodos. Non obstante, tamén sinala que “botar un árido no mar é moi complicado, tes que pedir moitos permisos e logo pasan entre 6 e 8 meses ata que os tes, por iso digo que podería haber un permiso único”.

Os recheos con area, sobre todo de sedimentos depositados por augas fluviais para a ampliación de áreas de cultivo, tampouco son unha solución segura. Este sistema pode ser agresivo se altera o substrato. “A ameixa non crece ben na lama e nalgúns bancos marisqueiros teñen botado cascallo ou area que crea un substrato máis groso, para que críe” di Xandro García. “Iso sería unha alteración do substrato para que críe unha especie comercial como é a ameixa” remata.

“A Xunta tería que moverse xa, porque se se mira o organigrama, parece que son moi poucas as persoas en marisqueo, poucos biólogos de zona” sinala Pita. “A administración tamén ten que caer na conta que non pode levalo todo ela, desde arriba cara abaixo” di Pita en referencia á concesión de máis autonomía para as organizacións de mariscadores. Noutras áreas do Estado creáronse xa departamentos de coxestión entre administracións públicas e entes privados.

COIDADO DO LITORAL E LIMPEZA DE AUGAS

“Imaxina que estas rías as tiveran noruegos ou xaponeses, pensas que permitirían clubes, portos deportivos ou paseos marítimos?” pregunta Juan Miguel. “Colle fotos de calquera vila mariñeira, compara como eran hai 50 anos e como son agora, todas esas obras cambian as correntes e alteran o banco marisqueiro”. Unha posible solución sería a creación de áreas portuarias a base de pilotes e en lugares afastados das áreas marisqueiras.

“Concordo co que din moitos mariscadores” sinala Pablo Pita. “A destrución de hábitats, desviación de correntes e a contaminación levaron ás rías a que se perderan completamente, como as de Ferrol e a do Burgo”. Isto entra en relación coa instalación de depuradoras  que tampouco está resolto a día de hoxe, sobre todo pensando en cuestións de seguridade alimentaria. “Está máis ou menos organizado o tema dos polígonos segundo zonas”. Con todo, os niveis de contaminación nalgunhas áreas son tan elevados que non permite a comercialización do marisco.

“Levamos 30 anos con subvencións da UE para a depuración das augas, os centos de millóns de euros onde están?” pregunta Juan Miguel. “Ribeira ten as depuradoras desde o ano 18 ou 19 e non funcionan todas, como é posible que 30 anos despois non estean depuradas as augas?”. Desde o sector consideran que o aumento das sancións económicas “de vinte mil ou trinta mil a un millón de euros” suporía un revulsivo que frearía de súpeto as verteduras ás augas.

Actualmente, como se apuntou, as rías máis contaminadas en Galicia son a ría de Ferrol e do Burgo, esta contaminada por metais pesados e xofre, debido á antiga presenza dunha industria de fertilizantes na zona. “Na ría de Ferrol hai contaminación por fecais porque o saneamento entrou en funcionamento hai poucos anos” aclara Xandro García. O caso de Ferrol “é unha ría pechada e ten o record de zonas de exclusión de marisqueo por contaminación fecal de toda España”.

FUTURO DO SECTOR

Ante a perspectiva descrita, o papel do marisqueo como industria e modo de vida, parece que está en situación complicada. “Penso que estamos diante dunha industria relativamente grande, hai un interese de moita xente para poder comer del” di García. Este biólogo considera que a xestión do marisqueo podería facerse poñendo énfase en valorizar o produto, “certo que son produtos caros, mais o diñeiro que gañan os mariscadores non é elevado, non ten sentido que sexa un produto de prezo elevado e os que cultivan non  cheguen a fin de mes”.

“Creo que a Xunta si que é consciente do valor que ten o marisqueo, mais non entendo ese abandono” pregunta Pablo Pita. Un exemplo foi a Extensión Pesqueira, “un corpo que estivo traballando hai uns anos, mais parece que agora non existe”.  Era un corpo habilitado para axudar coas capacitacións dos pescadores e desenvolver modelos de xestión. “Tamén Asistencias Técnicas, outro corpo de funcionarios, hai un ano case desaparecen, aínda hoxe teñen problemas para funcionar”.

A Xunta, con todo o que presumen, non inviste nun sector primario como o marisqueo e a pesca en xeral” di Juan Miguel. “Se se investise potenciaríase o marisco autóctono fronte o foráneo, poríase un prezo xusto, sacaríase xente doutras artes e teríamos beneficios todos”. Para este mariscador, as solucións pasan por unha maior depuración e crear zonas porturarias mediante pilotaxe e non por recheo.

Mariscador na Ría da Coruña
Mariscador na Ría da Coruña
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta