Diletancia por Galicia

Sorprende como unha forza política como Compromiso por Galicia, con bases e dirixentes experimentados, pola súa propia torpeza queda relegada á irrelevancia política

Por Horacio Vixande | Vigo | 10/09/2012

Comparte esta noticia

De non coñecermos a traxectoria das bases e dos dirixentes de Compromiso por Galicia, pensaríamos que se trata dunha forza política composta por aficionados. É a única conclusión posible despois de ver o proceso preelectoral que a deixou fóra de xogo.

Todos sabemos –e os de Compromiso tanto coma os demais– que en política hai que saber reaxir a tempo en circunstancias como unha nova e precipitada convocatoria electoral. Iso implica ter preparada unha lista con opcións ou embarcarse nunha aventura da que hai que saír ben parados. Isto último foi o que fixo Anova, con independencia do que pensemos dunha alianza cunha forza española. É máis, os Irmandiños e a FPG manobraron tan ben que conseguiron que Beiras encabece a lista da Coruña.

Que fixo, en troques, Compromiso por Galicia? Cagala. Nin organizou unha alianza electoral do centro esquerda galeguista, nin atopou un oco na Alternativa Galega de Anova e EU. Aínda peor, Esquerda Unida deixou a Compromiso co cu ao aire. Señores e señoras de Compromiso: non culpen a Esquerda Unida de darlle un par de piñas cos cóbados porque en política iso non é un pecado.

Xa que as urxencias non lle permitían a Compromiso consolidar unha candidatura galeguista, esta forza xa podía ter un pouco de vista política e ser quen de anticiparse a calquera inconveniente. Era Compromiso a organización que tiña que ter pactado con Anova unha coalición, permitindo se acaso, a suma posterior de EU como convidado, pero deixou pasar a oportunidade e rematou pagándoa cando EU primeiro a deixou subir ao tren de polisón e horas despois obrigouna a baixar por non pagar o billete.

Agora enténdese por que parte de Máis Galiza marchou do BNG cando ía camiño de converterse na forza hexemónica –algo que non se consegue nun só congreso. Porque os seus dirixentes acusan unha cegueira política inaudita nestes tempos. Hai que remontarse á época da transición para atopar un exemplo de semellante torpeza na abortada coalición de Compromiso con Anova. E cando unha forza actúa deste xeito, non pode presentarse ante a cidadanía como garantía de nada.

Tras o fracaso, a presentación ás eleccións en solitario de Compromiso só pode implicar un desgaste político, económico e persoal desta forza e a súa militancia que non alcanzará ningunha recompensa nas urnas. A súa afiliación e os seus dirixentes deberían repensar o seu futuro político e, no plano máis inmediato, considerar a posibilidade de non presentarse ás autonómicas do 21 de outubro.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Horacio Vixande Horácio Vixande, xornalista, traballou na correspondencia da TVG en Vigo nos 90, foi xefe de prensa do Real Club Náutico de Vigo e e durante máis dunha ducia de anos redactor d'A Nosa Terra. Na actualidade dirixe O Cartafol, a primeira revista en galego para Ipads e outras tabletas.