Un estudo da USC revela que só o 6% dos pais saben que os seus fillos sufriron ciberacoso

"Ademais de incidir na alfabetización dixital dos proxenitores, fai falta dotar as familias de competencias que lles permitan regular o uso das tecnoloxías da información e a comunicación que realizan os seus fillos", explica a investigadora Leticia López-Castro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2020 | Actualizada ás 17:17

Comparte esta noticia

Un estudo realizado pola investigadora do grupo Esculca da USC Leticia López-Castro, determina que só un 6% dos pais sabe que os seus fillos foron vítimas de ciberacoso. Así o determina tras estudar este tipo de comportamentos en 1.169 familias con fillos en Educación primaria dun total de 26 centros educativos de Galicia.

Aínda que, maioritariamente, as investigacións previas se centraron na incidencia do fenómeno en educación secundaria, esta tese permite achegar datos que reflicten a existencia de situacións de ciberacoso desde idades temperás.

En concreto, as análises realizadas revelan que, no fogar, o 72% dos nenos emprega de maneira cotiá a tablet para conectarse a Internet, e unha porcentaxe superior ao 50% accede á rede co computador portátil ou usando o teléfono móbil.

Así mesmo, o 41% dos proxenitores informa de que os menores se conectan diariamente e unha porcentaxe similar faino dúas ou tres veces por semana. Estas crianzas adoitan conectarse durante menos dunha hora, tal e como sucede nalgo máis da metade dos casos analizados, ou entre unha hora e dúas, no 40% dos casos. O 5% das familias informa dun acceso diario a Internet que supera as tres horas.

ALFABETIZACIÓN DIXITAL

As achegas do traballo, destaca a USC, "permiten trazar os eixos clave que deben orientar os programas de educación parental que traten de contribuír á prevención do ciberacoso desde idades temperás".

"Ademais de incidir na alfabetización dixital dos proxenitores, fai falta dotar as familias de competencias que lles permitan regular o uso das tecnoloxías da información e a comunicación que realizan os seus fillos", explica a investigadora. O establecemento de relacións máis estreitas co centro escolar e os seus profesionais constitúe outro dos elementos que a investigación destaca como esencial.

O emprego de teléfonos móbiles ocupa boa parte do día da rapazada. JCCM - Archivo
O emprego de teléfonos móbiles ocupa boa parte do día da rapazada. JCCM - Archivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta