Pokemon: Das xeralizacións á satanización do sistema democrático

Si, xa sei que a Operación Pokemon saiu do teatro da actualidade é, por riba, é unha teima “podre” que serve para facer interpretacións de parte. Pero a instrutora da investigación decidiu libremente poñer en marcha a máquina da Xustiza nun momento e nun escenario socio-político concretos, o que converteu Pokemon nunha referencia.

Por Félix Soria | A Coruña | 04/10/2012

Comparte esta noticia
Na miña opinión, o máis salientable desa referencia e das coincidencias que as caracterizan (a detención de xestores públicos, a convocatoria das eleccións autonómicas e a instrumentalización mediática dos feitos ) radica en que están a contribuir á satanización da actividade política e da Administración pública. O que abunda nun fenómeno perigoso, pois desde hai un tempo no Reino de España hai entidades e xentes interesadas en desprestixiar a actividade política.
 
A finalidade destas liñas non é sinalar as responsabilidades dese fenómeno, pois están moi repartidas é hainas de diferente profundidade, mesmo involuntarias. Coido que o maís urxente é advertir que moitas das persoas que imputan á actividade política todos os problemas da sociedade teñen intencións concretas, excluídos os que o fan por desinformados ou por ignorancia. 
 
Entre outras parvadas fáciles d ecrer, os satanizadores afirman que a perda de valores éticos ou morais é froito das liberdades civís. E xusto agora, ¡outra “coincidencia”!, coas eleccións xa convocadas hai quen critica a existencia de “demasiadas alternativas” políticas, ou insisten en que a crise económica é culpa dos cidadáns porque estivemos a vivir por riba das nosas posibilidades… 
 
Na contra das xeralizacións, compre subliñar que por cada dirixente político que resulta acusado ou imputado nunha investigación xudicial relacionada coa vida económica hai ducias, ¡ás veces centos!, de persoas alleas á actividade política organizada que están implicadas no episodio, sexa directamente ou por pechar os ollos.
 
Pois pechar os ollos (“eu paso da política”, acostuman a dicir os ingenuos e tamén os que se disfrazan de inocentes) é un dos pilares fundamentais para desprestixiar o sistema democrático, que é imperfecto, certo, pero imprescindíbel para facer posible a convivencia.
 
Convocadas as eleccións do 21-O, na miña opinión compre relativizar o valor da Operación Pokemon e lembrar de cotío que satanizar de xeito xeralizado a actividade política, aos políticos é aos funcionarios públicos é unha das ferramentas máis e mellor utilizadas polos inimigos da democracia e polos partidarios de que gobernen “os mellores”, que sempre son os que eles din…

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Félix Soria Félix Soria (Lugo, 1953) é xornalista e reside na Coruña desde o 2001. Estudou Filosofía e Letras e Dereito en Barcelona, onde viviu 28 anos, e tamén en Andalucia, Bélxica, Castela e Francia. Traballou ou colaborou con medios cataláns, andaluces, galegos e unha axencia francesa. Como xornalista, especializouse en información local, económica, xeopolítica e da Unión Europea, como correspondente en Bruxelas durante 6 anos. É o administrador do blogue http://im-pulso.blogspot.com.es/