Mareas locais de todo o país defenden que o municipalismo "é moito máis que A Coruña e Santiago" e piden a unión do soberanismo

Subscriben un manifesto que pide, desde "a Galicia baleirada", unha coalición do soberanismo galego.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/02/2020 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

Unha trintena de proxectos políticos locais adscritos na súa maioría á formación En Marea que encabeza Luís Villares realizaron un chamamento para a configuración dunha coalición electoral unitaria do soberanismo galego para as eleccións autonómicas do 5 de abril.

Mareas municipais afíns a En Marea presentan un manifesto por unha candidatura unitaria do soberanismo galego
Mareas municipais afíns a En Marea presentan un manifesto por unha candidatura unitaria do soberanismo galego | Fonte: Europa Press

Este martes tivo lugar nun hotel de Santiago a presentación dun manifesto subscrito, polo momento, por unha trintena de proxectos locais que reivindican que o municipalismo "é moito máis" que as mareas da Coruña (Marea Atlántica) e Santiago (Compostela Aberta), situadas con Anova nas negociacións para a configuración de candidaturas para as autonómicas no espazo político da esquerda rupturista.

Coa súa adscrición ao manifesto, estes proxectos municipalistas que na súa maioría subscribiron acordos nas pasadas eleccións locais con En Marea, ofrecen a súa "cooperación leal" e achegar o seu "traballo a pé de rúa" para a creación dunha lista unitaria da esquerda soberanista galega para estas eleccións, nas que o espazo antes agrupado ao redor de En Marea podería estar representado ata por tres papeletas diferentes.

MANIFESTO

O chamamento vai dirixido a persoas e organizacións que defendan o "carácter nacional" de Galicia e o seu dereito á "libre determinación dentro dunha forma de goberno republicana".

Dentro deste marco, apelan á unidade "para sacar do Goberno galego á dereita", "pór as institucións ao servizo das maiorías sociais", "conseguir as máximas competencias" que marca o Estatuto de Autonomía e "defender o pleno recoñecemento da plurinacionalidade" do Estado Español.

Sobre estas liñas pivota a mensaxe de unidade destes proxectos municipalistas que aglutinan a "máis de 50 concelleiros" e "35.000 votos" nas últimas eleccións locais, din non estar vinculadas a ningunha organización superior e reivindican representar a "totalidade" do territorio galego "desde Ribadeo a Tui e desde Cabanas a Verín".

"En votos e concelleiros representamos máis que Marea Atlántica e Compostela Aberta. Pero sobre todo temos máis territorialidade", aseverou Antonio Araúxo de Manifesto Miñor Gondomar, que asegurou que a mensaxe vai dirixida exclusivamente a forzas políticas "galegas", nomenclatura da que exclúe a Podemos e Esquerda Unida.

Así, lamentou que Anova e as mareas de Santiago e A Coruña limiten o municipalismo ao ámbito "urbano" e "exclúan os concellos máis pequenos" que "representan á Galicia baleirada", sobre a que "se enchen a boca" aqueles que "despois a esquecen", segundo Araúxo.

Na rolda de prensa tamén participou Cristina Pérez Herráez, membro de Lugonovo e cabeza de lista ao Congreso por En Marea nas eleccións xerais de abril de 2019; e Enrique Oubiña, de Somos Ribadumia, quen apelaron a "impedir a división do voto".

Segundo Oubiña, "o continuo proceso electoral" levou a "a división" dun espazo político "que debería representar a todos", polo que apela á reunificiación. "O que se fixo en 2016 non se entendería que non se fixese agora", apostilou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

No Museo Carlos Maside existe unha lámpara no oco da escaleira feita con tubos de neón que é unha verdadeira obra de arte e agora que poden ser sustituidos por tubos leds é unha obra inmortal na súa SIMPLICIDADE ! Lástima que a xente no teña case acceso a este museo por estar pechado. Digo eu que non custaría moito para a Consellería de Cultura pagar un salario para que alguén poda dar a benvida e comentar o Museo Maside no Castro ?