Quen pode votar ao Partido Popular?

Para alguén que procura aplicar o método cartesiano ás súas reflexións, os datos das sondaxes electorais que se están a publicar resultan bastante incomprensibles. Segundo a maioría delas, o PP obterá unha maioría folgada o 21O. Tento identificar as fontes de tan caudalosa corrente e non as dou atopado.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 18/10/2012

Comparte esta noticia
O 20% da poboación activa en paro. Que parados galegos poden votar ao Partido Popular, causante directo da funesta evolución do desemprego en Galicia e en España? 
 
Os pensionistas verán reducidas as súas pensións en cuestións de semanas. Que xubilado pode votar ao Partido Popular sabendo que a política desta organización se basea no recorte sistemático dos beneficios sociais? 
 
Máis da metade dos mozos galegos carecen de traballo. Que mozo galego pode votar ao Partido Popular cuxo goberno non é quen de ofrecerlle a mínima oportunidade para desenvolver a súa vida en Galicia? 
 
Os pais de familia han pagar pola educación dos seus fillos. Que pai de familia pode votar ao Partido Popular que reduce profesorado e encarece o acceso ao ben máis transcendente para o progreso dunha sociedade: a formación? 
 
O empresario está en shock (tomo prestada a frase da xerente dunha importante asociación galega). Que empresario galego pode votar ao Partido Popular que multiplica a recesión económica coa súa enfermiza política contractiva? 
 
A cultura e lingua galegas esmorecen. Que persoa da cultura, o activo que máis valoriza unha sociedade, pode votar ao Partido Popular sabendo que dedicou estes anos a desartellar o tecido cultural do País? 
 
O medio ambiente á cola de España e Europa. Que cidadán preocupado polo medio, pola ecoloxía, pola paisaxe, ese don natural do que foi favorecida a nosa terra, pode votar ao Partido Popular, causante directo do abandono e a desprotección que sofren as nosas costas, bosques, ríos, fauna e flora? 
 
Penso, matino, cavilo, rabuño nas esforzadas neuronas e non dou atopado esa maioría absoluta que predican as sondaxes. Penso, matino, cavilo, e non termino de albiscar os motivos do meu escandaloso erro de cálculo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego