21-O, medios e ignorancia

Os cidadáns están na urna e na furna. Xa que logo, evitarei escribir de cuestións que podan beneficiar ou prexudicar ás candidaturas porque me daría vergoña que a xunta electoral me sancionara por faltar ao respecto das normas que regulan o exercizo da democracia.

Por Félix Soria | A Coruña | 19/10/2012

Comparte esta noticia
Escribirei da ignorancia, asunto que moitas noites quita o sono aos que só sabemos que non sabemos nada.
 
Escribo da ignorancia, pero non da ignorancia das persoas aculturizadas, esas que foron condenadas a saber pouco ou nada debido á consustancial inxustiza social do sistema económico (en Galicia, por exemplo, a ignorancia que sofren as vítimas da tradicional escaseza de colexios rurais nun país cuxa demografía é o paradigma da diseminación). 
 
Non me refiro tampouco á ignorancia de quen foi á escola e mesmo ao instituto pero foi adoutrinado polo “exército dos bos”, adicado a traballar mentes aínda tenras para cravar nas súas conciencias a crenza de que pensar e facer cousas naturais é pouco menos que caer nas gadoupas da confusión… E do diaño.
 
Tampouco escribo da ignorancia de quen foi condenado a basear a súa felicidade persoal na esixencia de non saber, polo que corre o risco de que se derrube a súa vida cada vez que tenta saír da zona de confort que lle asignaron (a expresión zona de confort é un gran invento semántico, pois permite referirse ao ámbito do individual sen entrar en cuestións psicolóxicas que case sempre xeran prevención no doente…).
 
Xa o sei, vostede comenza a estar canso dos rodeos…
 
Refírome á ignorancia política, esa que é sementada, abonada, frorece na sociedade e que dá froitos con tanta naturalidade que o “transxénico” non é detectado por quen o engole e asimila.
Estes días, co gallo da campaña do 21-O, os que só sabemos que non sabemos nada e tentamos ser o menos ignorantes que sexa posible, temos desfrutado doutra oportunidade de asistir a distintos xeitos de sementar ignorancia e identificar aos seus autores.
 
Irei máis aló, de xeito que compensarei a paciencia do letor.
 
Estes días foi relativamente fácil comprobar -unha vez máis- que o labor de investigación de quen produce as sementes da ignorancia política é menos influente na sociedade que a de quen colle o “transxénico”, o empaqueta, adórnao e sementao.
 
Estes días, co gallo da campaña do 21-O, outros compañeiros de profesión e mais eu alimentamos a esperanza de que numerosos xornalistas se preguntan o mesmo que nós: Por que hai empresas propietarias de xornais ou emisoras e xornalistas que fomentan a ignorancia política e o engano?, por que dan por bo un criterio que sempre acaba destruíndo o mercado dos medios, a súa viabilidade como negocio, os empregos e a profesión?.
 
Só sei que non sei nada, pero hai tempo que dexei de ser inxenuo: a ignorancia política que sementan algúns medios e xornalistas non é froito dunha incapacidade interpretativa, nin dunha ignorancia maior e sobrevinda. 
 
Só sei que non sei nada, mais para saber algunhas cousas sen sombra de dúbida non é preciso ter grandes coñecementos nin tampouco un elevado cociente de intelixencia, só fai falla ler, escoitar e mirar sen prexuízos as escenas e os xestos.
 
Que futuro teñen os medios que apostan pola ignorancia política e o engano? O mesmo que a súa crediblidade, que se perde a modiño e sempre se esgota cun sorriso nos beizos do desangrado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Félix Soria Félix Soria (Lugo, 1953) é xornalista e reside na Coruña desde o 2001. Estudou Filosofía e Letras e Dereito en Barcelona, onde viviu 28 anos, e tamén en Andalucia, Bélxica, Castela e Francia. Traballou ou colaborou con medios cataláns, andaluces, galegos e unha axencia francesa. Como xornalista, especializouse en información local, económica, xeopolítica e da Unión Europea, como correspondente en Bruxelas durante 6 anos. É o administrador do blogue http://im-pulso.blogspot.com.es/