Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 22/10/2012 | Actualizada ás 08:00
As sete principais cidades galegas votaron este domingo maioritariamente opcións de esquerda. O PP non conseguiu gañar máis votos que PSdeG, AGE e BNG xuntos en ningunha das grandes urbes do país e sustentou a súa maioría absoluta no voto do rural galego.
PP, PSdeG e BNG perden apoios respecto ás eleccións de 2009 pola alta pocentaxe de abstención e a irrupción de AGE.
Datos co 100% dos votos escrutados agás en Ourense, co 97,96%.
Vigo, bastión da esquerda
A maior cidade de Galicia é principal bastión da esquerda no país. Na cidade olívica, PSdeG (35.789), AGE (28.441) e BNG (14.169) sumaron 78.399 votos, fronte aos 49.952 do PP.
Os populares e socialistas perderon, cada un, preto de 17.000 votos respecto ás eleccións do ano 2009; mentres que a caída do BNG foi de preto de 14.000 sufraxios.
A coalición liderada por Beiras acadou na cidade olívica o 14% do total de votos que recibiu nestas eleccións.
AGE, segunda forza en Compostela e A Coruña
Alternativa Galega de Esquerda converteuse na segunda forza política na capital de Galicia, onde obtivo 11.151 votos, a metade que o PP, 2.738 máis que o PSdeG e 6.815 máis que o BNG.
As tres forzas de esquerda suman 1.126 votos máis que o PP.
Na Coruña, AGE tamén superou a PSdeG e BNG, partidos cos que suma máis de 10.000 votos dos que acadou o PP.
O BNG mantense forte en Pontevedra
A única cidade na que o BNG non perdeu votos foi Pontevedra, feudo dos nacionalistas, onde gañaron 89 votos, mentres que o PP perdeu 4.715. Grazas a isto e á caída estrepitosa do PSdeG (-6.400 votos) prodúcese un empate técnico entre nacionalistas e socialistas, só separados por 58 votos.
A suma de PSdeG, BNG e AGE supera en 5.071 votos ao PP.
PSdeG e AGE empatan en Ferrol e suman os mesmos votos que o PP
En Ferrol, PP, PSdeG e BNG tamén perderon apoios. Os socialistas (7.014 votos) só gañaron por un a AGE (7.013) e ambas as dúas forzas suman practicamente o mesmo número de votos que o PP (14.419).
O BNG só puido acadar 2.793 apoios, fronte aos 4.398 do ano 2009.
Empate en Lugo e voto de esquerdas en Ourense
Nas cidades de Lugo e Ourense as alternativas de esquerda tamén superaron en votos totais ao PP.
Na cidade lucense hai un empate técnico, se ben a nova oposición parlamentaria de esquerdas suma só 302 votos máis que o PP.
En Ourense as tres forzas progresistas con representación parlamentaria suman 24.383 votos, 3.225 máis que o PP.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.