"Para gañar ao PP toda a esquerda debe unirse"

GC volve a entrevistar a Carlos Neira, o especialista que advertiu que, malias as enquisas, non se daban as condicións sociolóxicas para un cambio de goberno. Como AGE pode conservar o seu electorado, a onde foron os votos do PSOE e as causas da caída do BNG son algúns dos temas desta conversa.

Por Walter Burns | Santiago | 23/10/2012 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

É certo que o analista de enquisas Carlos Neira Cortizas tampouco acertou de todo coa súa previsión (PP 39-41 PSOE 18-21 BNG 8-11 AGE 6).  Iso, este consultor acertou moito máis que a maioría das enquisas, que situaban ao PP moito máis preto da barreira dos 38.

Carlos Neira Cortizas
Carlos Neira Cortizas

Neira si deu de pleno cando, unha entrevista no GC, advertiu que os barómetros soen dar menos representación aos 'populares' da que logo logran os conservadores finalmente, e máis do que finalmente logra o BNG.

Para deitar algo luz sobre os resultados, sorprendentes polo menos a nivel do que prevían os barómetros, volvemos a charlar co especialista:

Na campaña vostede preveu que, malia o axustado de moitas enquisas, non se daban as condicións necesarias para un cambio de goberno.

As enqusisas non estaban tan axustadas como uns e outros, en razón dos seus intereses, preferiron divulgar.

Acertou e o PP subiu en escanos malia perder votos. Gañou o PP as eleccións ou perdeunas a oposición?

As dúas cousas que di son certas. Gañounas a dereita e perdeunas a esquerda. Non vou entrar a facer un reparto de méritos ou deméritos, ambas por igual. Para o PP non era doado planificar unha campaña e trazar un bo relato sen ningunha bagaxe real que vender. Nin a solvencia e a xestión económica e financeiras son como os pregoou, á vista dos informes do Consello de Contas, nin os precontratos para presentarse a un concurso aínda non convocado da PEMEX, nin a errada e tardía fusión de concellos son ideas que teñan credibilidade.

En que acertou?

Tivo acertos notables. O primeiro foi o propio adianto electoral, perfectamente calibrado unha vez constatada a tempo a paulatina perda de apoios desde ese teito dos 43 escanos virtuais que chegou a ter durante a finada lexislatura. A diferenza de Touriño en 2009 o PP amosou estar ben asesorado en materia demoscópica, amosando a súa capacidade de análise, reacción, medios e execución dos que carecera o bipartito e no presente toda a esquerda galega.

O segundo foi o ataque medido e desmedido a un tempo a todo o que supón a nacionalidade histórica en Galicia, á cultura e á lingua galegas, ao feito diferencial, á Autonomía en definitiva. Con esa política logrou mobilizar en 2009 un electorado urbano e de identidade máis española que galega, e conseguiuno manter até hoxe sen ceder electorado pola dereita ou polo nacionalismo español nin a SCD nin a UPyD. Ademais este obxectivo político está máis en liña co proceso de fondo de recentralización do Estado e de simplificación da Administración que trala crise demanda a cidadanía, sen que en fronte a esquerda fose quen de artellar, até hoxe, un discurso alternativo que permita pór en valor o grao de descentralización e autonomía política que ten Galicia na actualidade.

Logo está a cuestión da operación Pokémon. A menos que queiramos crer que a súa explosión na precampaña foi casualidade, claro.

E que lle pasou á oposición?

A oposición pola súa banda non existiu. Estaba KO desde 2009 e tanto PSOE como BNG preferiron pechar as súas crises en falso. O PSOE coma sempre, dependendo de Madrid, esperou a recibir nas xerais a constatación do fracaso, derivado do seu abandono total do ideario socialdemocrata e federalista. O BNG, nomeadamente os sectores críticos que hoxe están fóra, apostaron por non abordara a grave crise do proxecto político do nacionalismo naquela esperpéntica Asemblea Nacional de 2009. De terse producido antes a ruptura do BNG e clarificarse a oferta política da esquerda galega quizá hoxe poderíamos estar falando dunha derrota do PP.

En plena crise, despois de caer en Asturias e Andalucía, co rescate sobre as cabezas dos cidadáns ... vai Feijóo e sube cinco deputados. Que factores sociolóxicos cre que explican que o PP galego aguantase tan ben nunha situación tan crítica? A crise levouse por diante a case todos os gobernantes  ...

Antes que factores sociolóxicos, dos que me nego a falar para non caer nos mesmos discursos derrotistas e exculpatorios que certa esquerda fai despois de todas e cada unha das súas derrotas, eu destacaría os factores sociopolíticos. Fundamentalmente que non había alternativa ao PP de Feijóo, e que, a pesar do gran resultado de Alternativa, segue sen habela.

Para derrotar á dereita en Galicia fai falta ou unha fronte popular con toda a esquerda unida fronte ao PP, aceptando uns, outros e aqueloutros que o seu centro de gravidade está -e os resultados de onte así o demostran- nunha marca galega de centroesquerda e autonomista, ou ben, e con máis dificultades, que a segunda forza política e primeira da esquerda estea en plena forma, contando con apoios en Madrid e gobernos na maioría dos principais concellos. Non era este último evidentemente o caso do PSOE. E de momento AGE segue sendo terceira forza en Galicia, aínda que acadara xa a segunda posición en varias cidades.

A onde foron tantos sufraxios que se deixou o PSdeG? A AGE ou quedaron na casa?

A falta de profundar na análise dos resultados entendo que a AGE recibiu a maior parte dos seus votos de entre os descontentos coa falta de alternativas na esquerda, e entre os antigos votantes do PSOE en particular. Tamén recibiu obviamente votos do BNG, pero a análise municipal dos resultados amosa que as maiores caídas do PSOE coinciden coas porcentaxes da AGE en maior medida que coas do BNG, que tamén. Non se pode ocultar que o proceso é en boa medida análogo ao das subas de IU a custa do PSOE en España. Eses votos proceden do terzo máis esquerdista e galeguista do electorado do PSOE. Ademais a participación caeu menos onde a AGE obtivo mellores resultados, nomeadamente na Galicia máis urbana e na circunscrición coruñesa, polo que en calquera caso a relación de AGE coa abstención é que tendeu a reducila e non a aumentala.

Na esquerda o gran vencedor é Alternativa Galega de Esquerdas. Como é socioloxicamente o electorado de AGE?

Non podemos adiantar as características sociolóxicas do electorado da AGE até que se fagan estudos postelectorais. Só temos indicios derivados da distribución territorial do seu voto, concentrado na Galicia máis urbana e menos envellecida.

E que debe facer AGE para manter estes sufraxios?

En canto ás súas características sociopolíticas as transferencias de voto que recibiu AGE permiten pór en dúbida que sexa quen de fidelizar o electorado gañado ao PSOE ou de sumar máis se manteñen o discurso antisistema e de aspiracións soberanistas. Non dubido que o horizonte socioeconómico reforzará aínda máis os sentimentos de cabreo da poboación e de voto á contra, pero non creo que iso sexa sostible no medio e longo prazo. A poboación pode querer unha transformación do sistema pero esta debe ser gradual para poder ser asimilada pola maioría.

Se a AGE continúa como proxecto unitario, tal e como prometeron os seus integrantes, debaterase entre optar a seguir crecendo polo centroesquerda ou polo nacionalismo á deriva do BNG. Se aposta por ambas cousas a un tempo, esa estratexia tan fructífera para irromper no panorama político e no Parlamento nun momento de horas baixas dos seus rivais, probablemente sexa contraproducente para medrar máis no futuro e cando os demais collan folgos, porque hai fortes incompatibilidades de ideas e proxecto político a un lado e a outro de onde están agora.

Algunha alternativa a este nudo gordiano?

A idea da fronte ampla que propuxeron nun inicio pode servir para seguir avanzando na construción dunha fronte popular contra o PP, segurando o programa de mínimos que asinaron e evitándolles clarificarse ideoloxicamente sobre as cuestións do sistema e do federalismo. Pero terían que propoñerlla a PSOE e BNG desde xa.

Beiras pasou de iniciar a campaña a rentes de quedarse fóra do Parlamento, o CIS dáballe 0 ou 1, a lograr 9 e pasar ao Bloque. Logrouno sen presenza nos espazos minutados dos medios públicos. Que peso tivo neste avance a campaña de Beiras nas redes sociais e na internet?

O CIS nin preguntou por Anova e Beiras e só o fixo por IU porque aínda non estaban formalizadas as candidaturas. Eu estimo que a 2 meses das eleccións IU tiña garantido o escano de Yolanda Díaz pola Coruña. Todo o demais devén da coalición e da campaña electoral.

E como influíu Internet?

En canto á importancia das redes sociais, para min tivo moita menos da que se lle acostuma dar desde o ámbito dos medios de comunicación e por suposto da propia Internet. As redes sociais alcanzan aos círculos máis próximos da xente xa convencida, aos máis próximos aos focos de emisión das mensaxes. E no caso de IU e de Anova estes círculos eran, e seguen a ser se falamos de afiliados en relación ao resultado electoral, bastante reducidos.

A valoración tan diferente dos debates televisivos que se observou nas enquisas profesionais e nas non profesionais feitas na internet, amosan a discordancia entre ambos mundos. Se ademais diso recoñecemos o éxito de V televisión coa súa entrevista a Beiras, o que se demostra é que aínda pesan máis os medios de comunicación tradicionais que os dixitais.

A campaña de AGE nas redes sociais, Twitter e Facebook, foi efectiva, sen dúbida ningunha, pero o éxito débese máis ao liderado de Beiras fronte á carencia de liderado no PSOE e no BNG, e á retroalimentación da internet cos medios tradicionais. Na miña opinión a comunicación realizada en Twitter por @xmBEIRAS seguiu sendo unidireccional, con escasa interacción cos e cas cibernautas, que tampouco buscaban precisamente interpelar e debater, senón ánimo e adhesión incondicional. Tamén houbo demasiada profusión de publicacións para o que dictan as normas dun bo plan de comunicación en internet. Pero como se tratou de remexer emocións, sentimentos e ilusións, e de compensar o silenciamento nos medios tradicionais, o traballo logrou o seu obxectivo.

O pobre resultado de Compromiso x Galicia, demostra que non hai espazo significativo para un galeguismo que non sexa moi marcadamente de esquerda?

Non é só o fracaso de CxG. Foi tamén o de todas as forzas que sendo de centrodreita ou dereita, ou que lle fixeron descaradamente as beiras ao poder caciquil local, fracasaron coma eles antes que eles, tanto cun PP forte como cun PP feble. CxG non apostou nunca por situarse no centroesquerda galeguista, recollendo a mellor tradición dun PSG-EG por exemplo, onde poderían ter optado a recibir o electorado descontento do PSOE. Pero erraron de plano na súa estratexia, e careceron dun liderado claro. Foi un fracaso das persoas que planificaron e lideraron esta organización. O facer as beiras a todo canto centrodereita -ou dereita pura e dura- había en Galicia fóra do PP acabou por desdebuxar o baixo perfil ideolóxico que xa posuía a heteroxénea Máis Galliza. Contra o que se opinou onte, dubido que teñan percorrido se non se desfán dos seus ideólogos e de todo o que haxa do centro para alén.

GC apunta a que a suma de PSOE, AGE e BNG vence ao PP nas sete cidades. É isto un cambio respecto ao pasado?

Coa crise económica aumentaron as diferenzas sociais e económicas, pero tamén as políticas. As cidades son o escenario onde sempre e sen excepción se produciron as innovacións políticas en Galicia, onde arrancan os cambios electorais nun ou noutro sentido que logo se estenden ao resto do páis, desde as circunscricións occidentais ás orientais.

O PP segue tendo nas cidades un electorado fiel e vinculado ao seu discurso e sobre todo á súa práctica ideolóxica máis dura, pero é evidente que entre as clases populares urbanas, onde a crise se deixa notar máis, foi onde retrocedeu en maior medida.

A suma que cómpre facer é a de PSOE+AGE+BNG. O reto é que estas tres forzas queiran efectivamente gañar ao PP para poder levar a cabo outras políticas diferentes. Pero non as que proclaman cada un, senón a que mellor representaría ao conxunto. Para iso teríamos que ver ao PSOE  galeguizarse, á AGE sendo quen de consolidar un proxecto novo e transformador nas beiras do sistema, e ao BNG facendo por fin autocrítica e abandonando as nubes para pór os pés na terra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 57 comentarios

18 karl

Análise moi madura, tanto que segue contemplando como fracaso o non crecer. É evidente que unha formulación anti-sistema é necesario. Mais, considero que o testemuñal, que evidentemente non vai unido á eficacia de "exercer" o poder, eficacia que tamén unha e outra vez descubrimos relativa, xa que alcanzar o poder leva a un "incumprimento sistemático" dos programas. o testemuñal é tan necesario como o aire que respiramos. Engrasar UN PARTIDO para exercer o poder? Que poder? Sempre nos morderemos a cola de ser administradores de devandito poder. Penso que vendo moi razoable o que expondes, ALTERNATIVA GALEGA ten un papel importante a xogar agora, e ese papel pasa por esa chamada á unidade, Á fronte CONTRA A DEREITA no que insistides unha e outra vez, e que me parece o mais relevante. De todos os modos, grazas por pór as vosas observacións nas nosas mans, observacións para ter en conta. Grazas

17 Coiro

Galicia necesita un partido galeguista nacionalista que teña en conta nosa historia alén da II república e Castelao. Que non fale de castrexos senón de celtas, ou gaeles, que lembre que Galicia foi o primeiro reino cristián de europa occidental, aló polo século V, cando Galicia era priscilianista. Que non desbote a Pondal por católico, celtista ou a Cunqueiro por non exilarse, que non agoche embaixo dunha estrela vermella, tan resesa, o símbolo que distingue aos galegos dende fai mil anos, o Santo Grial. Un partido galeguista nacionalista que non necesite ser anti nada porque no noso país temos historia abondo para fachendear sen ter que nos comparar con ninguén.

1 Costadamorte

Coiro, tanto me ten que fai 2000 anos os meus antepasados adiveran en taparrabos facendo o bestia ou foran refinados patricios romanos, a memoria da miña familia e do seu patrimonio non vai moito mais aló de cinco ou seis xeracións...

2 muro

Para falares tanto do passado glorioso, exprimes-te com umha ortografia bem recente e castelhana.

16 anonimo

Gañou a dereita perdendo 150.000 votos? Gañou o descrédito no sistema burgués de eleccións censitarias, que coa suma da abstención e votos en branco chega ao 40%, i en previsión de ir medrando según vaian vindo os recurtes. Afogouse o SOE (fundamental para o bipartidismo do circo electoral) que ao igual que o seu homologo PSOK vai en caida libre. Pao para os socialdemócratas do Bloque e AGE Syrizos que por toda oferta era limitarse a pactar co SOE. AGE disimilou os resultados cun trasvase electoral de votos socialdemócratas e apoio mediatico dos medios do réxime. Pero amosouse incapaz de motivar a abstencionistas e votantes da clase obreira. Gañou o descrédito do capitalismo e as suas eleccións burguesas.

1 Perico Pallotti

Pensar que o 40% de abstención é un (non)-voto antisistémico, anticapitalista e antiburgués é, desgraciadamente, unha xeneralización pouco rigurosa. Por outra banda, semella claro que a AGE acadou moito voto de orixe obrerira e tamén entre mozos que, sen esa alternativa, non terían votado.

2 anónima

anónimo: Vai rañala

3 anonimo

Perico, non digo que sexa os antis que ti dis, senon que é un voto de descrédito ao sistema. Anónima, controla as tuas feroMONAS que che están afectando as neuronas.

4 Perico Pallotti

Haberá quen non votou como protesta contra o sistema e tamén quen non votou sen siquera terse plantexado que el poida vivir baixo un sistema e, moito menos, que non votar supoña un descrédito para ese sistema baixo o cal non sabe que vive. É absurdo botar nun mesmo saco a vontade de tanta xente diversa.

5 anonimo

Perico houbo un fraude estadístico por parte da Xunta. En realidade o PP perde un 17.8% dos votos e o SOE un perde un 44% dos votos. O total das forzas parlamentarias representa un 47.8% dos votos. Decide ti se están lexitimados. O fraude está en que por primeira vez non se compativilizan como abstención a abstención do exterior.

15 antonino

Medo me da a próxima encíclica de Pacorro no Berra a Tempo. Pode ser xa a escinificación definitiva do fin da unión do nacionalismo.

1 PPdeG

Cómo que unión, para iso está a UPG. A nosa garantia de non sair nunca da Xunta non nos defraudará. Desunión do povo galego sempre, por suposto. Grazas UPG

14 Resposta

¿ Para gañar, a esquerda debe unirse ?. A respota a tal interrogante está a ser elaborada, desde o punto de vista antropolóxico, por Pilar García Negro, co asesoramento do experto comunicador Mexuto e o especialista en valoración nocturna apresurada de desastres electorais, Paco Jorquera. E, unha vez elaborada, será sometida a consulta previa do sumun sacerdote, Paco Rodriguez, quen , ben sabido é, externalizará as causas da desfeita do BNG, repartindo a culpa, a partes iguais, a Beiras e ao seu contubernio coa Coz de Galicia. ¿ Responsabilidades nos dirixentes da UPG/BNG ?. Só responden diante da historia.