A Xunta Electoral Central ratifica que a Xunta vulnerou a imparcialidade con datos "electoralistas" nunha revista

Non se ampliará o prazo de solicitude do voto para os electores que viven no estranxeiro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2020 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

A Xunta Electoral Central (JEC) ratificou a decisión da súa homóloga galega sobre a vulneración do deber de imparcialidade que cometeu a Xunta de Galicia en relación coa publicación dunha revista de turismo co lema 'Galicia Elixe Galicia' tras convocar as eleccións.

Este organismo explicou que o Goberno galego vulnerou o deber de imparcialidade que recolle o artigo 50.2 da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral (Loreg), aínda que a Xunta Electoral da Comunidade Autónoma de Galicia non o "declare de forma explícita" na resolución da denuncia que interpuxo o PSdeG contra a publicación dunha revista sobre turismo que se distribuíu en diferentes medios de comunicación galegos.

En concreto, a revista 'Galicia elixe Galicia' distribuíuse "en período electoral" e recolle un programa de turismo cofinanciado pola Xunta de Galicia que explica as condicións para acollerse a este plan, así como os lugares e prezos. "Nel tamén se fai constar a cantidade subvencionada pola Xunta en cada viaxe", un "aspecto" que para a Xunta Electoral Central non é imprescindible.

Neste sentido, a Loreg "prohibe as campañas de logros realizados ou financiados, directa ou indirectamente, polos poderes públicos durante o período electoral" e sostén que esta actuación da Xunta --realizada despois de convocar as eleccións para o 5 de abril-- se entende "como un logro implícito do Goberno autonómico".

SENTENZA FIRME

Por outra banda, a Xunta Electoral Central tamén explica que non resultarían contrarias ao deber de imparcialidade "aquelas campañas que fosen imprescindibles para salvagardar o interese público", pero sempre que "non teñan connotacións electoralistas ou alusións aos logros obtidos".

O caso do folleto da Xunta de Galicia, coa inclusión da achega realizada pola Administración autonómica a cada unha das viaxes que se ofertan, "poden ser considerados como unha forma indirecta de traspasar os límites do disposto no artigo 50.2 da Loreg.

Por todo isto, a decisión da Xunta Electoral xa é firme por vía administrativa, polo que o Goberno de Alberto Núñez Feijóo só podería recorrer ante a Sala Terceira do Tribunal Supremo.

NON SE AMPLÍA O PRAZO DE SOLICITUDE DO VOTO

A Xunta Electoral Central tamén ratificou a decisión de non ampliar o período de tempo hábil para que os electores que viven no estranxeiro (inscritos na CERA e ERTA) soliciten o voto para estes comicios autonómicos.

Esta institución cre que é posible acceder a estas peticións cando de producen problemas técnicos que impiden a tramitación do voto dos electores residentes fose de España, pero actualmente non se deron estas circunstancias como para que se abra un novo prazo de solicitude do voto para estes electores, que xa se pechou o 7 de marzo.

Ademais, desestiman a posibilidade de solicitar o voto por correo electrónico porque "non está previsto na normativa vixente" xa que "non cumpre as esixencias legais de seguridade, protección de datos e acreditación de personalidade do solicitante".

Esta decisión tamén é firme en vía administrativa e os partidos denunciantes -- Partido Popular e Bloque Nacionalista Galego -- poderán recorrer na Sala Terceira da Tribuna Supremo, igual que na anterior.

O presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijóo. PPDEG
O presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijóo. PPDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta