O rei si sabe viaxar!, eu non

O xefe do Estado ven de recibir unha boa dose de realidade durante a súa estancia na India, pois, segundo dixo, os estranxeiros teñen unha imaxe de España máis boa ca dos propios cidadáns españois.

Por Félix Soria | A Coruña | 30/10/2012

Comparte esta noticia
Nada como viaxar para abrir os ollos.
 
O pasado día 22, unha vez confirmada a vitoria do PP nas eleccións autonómicas galegas, eu tamén marchei de viaxe e hoxe (domingo 28) reincorpórome á realidade, na Coruña.
 
Juan Carlos de Borbón afastouse máis de 20.000 quilómetros, eu só 1.000. O que explicaría a súa boa fortuna e a miña desgracia, pois as persoas coas que eu tiven ocasión de falar en Burgos, Barcelona e Zaragoza transmitíronme unha visión de Galicia ben distinta da que teñen a maioría dos galegos, a dun país que a pesar das dificultades “naturais” é o exemplo a seguir polos cidadáns do resto das nacións e rexións do reino.
 
É imposible resumir os datos e as análises dos forasteiros cos que tiven a oportunidade de falar (un economista, tres profesionais da comunicación, dous xornalistas, un historiador e dous empresarios, ao marxe de familiares e amigos cuxas visións de Galicia xa coñecía e que están contaminadas co agarimo que me profesan).
Aterrando na economía, hai dúas referencias que me impediron regresar a casa satisfeito como un rei.
 
Primeira, desde que España ingresou na Unión Europea, sumados todos os conceptos (desde as partidas orzamentarias destinadas a manter servizos de sanidade ou educación até os investimentos en infraestruturas, pasando polas pensións, as subvencións a empresas e achegas de todo tipo), 1,30 de cada 2 euros públicos gastados en Galicia procedían do exterior (Madrid ou Bruxelas); e
 
Segunda, se persiste a emigración de galegos xóvenes e activos rexistrada durante o decenio 2000-2009 (cada ano abandonaron Galicia un mínimo de 6.500 menores de 35 anos ben formados ou con experiencia laboral. Houbo anos que máis de 10.000!), a dependencia de Galicia dos orzamentos do Estado e da UE será maior, a burbulla rebentará e… (amable letor ou letora, poña vostede a conclusión).
 
Hoxe, xa na casa, catro amigos botáronme en cara que marchara de viaxe o día 22 e insistiron en que temos pendente un encontro para falar dos resultados do día 21.
Por que revalidou a maioría absoluta o PP?
 
De entrada, estarei obrigado a lembrar a viaxe do rei e subliñar que nos resultados do 21-O influíu o feito de que os galegos temos unha visión pouco axeitada do noso país. Xa que logo, defenderei unha tese moi sinxela: para coñecer Galicia fai falla viaxar. Pero, coidadiño!, falade só cos que previamente sexan escollidos para falar con vós, pois eu falei con xente pouco axeitada e agora teño que facer un esforzo para voltar á realidade…

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Félix Soria Félix Soria (Lugo, 1953) é xornalista e reside na Coruña desde o 2001. Estudou Filosofía e Letras e Dereito en Barcelona, onde viviu 28 anos, e tamén en Andalucia, Bélxica, Castela e Francia. Traballou ou colaborou con medios cataláns, andaluces, galegos e unha axencia francesa. Como xornalista, especializouse en información local, económica, xeopolítica e da Unión Europea, como correspondente en Bruxelas durante 6 anos. É o administrador do blogue http://im-pulso.blogspot.com.es/