A “España de siempre” e a “Catalunya espoliada”

Para polémicas absurdas, a que manteñen o goberno central de España e o autonómico de Cataluña, máis algúns membros da Comisión Europea. A hipotética independencia de Cataluña é pouco máis que un desexo e, nembargantes, algúns xa están a pegar tiros dialécticos e, por riba, difundir parvadas.

Por Félix Soria | A Coruña | 06/11/2012

Comparte esta noticia
Aínda que hoxe ese debate teña a mesma utilidade que falar do sexo dos anxos, as posicións xa están polarizadas. Os voceiros da “España de siempre” e da “Catalunya espoliada” plantexan alternativas tan infantís como irreconciliables con relación á Unión Europea (UE): uns defenden o dereito do hipotético Estado catalán a manter aos seus cidadáns dentro dela e os outros, o dereito do Estado español a esixir que os ex-españois sexan automáticamente expulsados da UE.
 
O certo é que o Tratado da Unión non prevé iengún procedimento para facer fronte á segregación de parte do territorio dun Estado membro. [O único precedente que xerou debate na Unión non afectou a un Estado membro, co gallo da segregación da provincia serbia de Kosovo. Sete países socios se manifestaron reacios á declaración unilateral de independenci de Pristina e hoxe, só cinco dos vintesete socios seguen sen recoñecer ao novo Estado].
 
Ese baleiro legal tamén ten provocado un debate en Gran Bretaña, onde, mesmo desde o Partido Conservador (irmán ideolóxico do PP español), os xuristas, politólogos e responsables públicos que se teñen pronunciado sobre a posible segregación de Escocia coinciden en que se os independentistas gañaran o referéndum (o Goberno do Reino Unido aceptou a convocatoria dunha consulta), Bruxelas e Londres farían o que fose necesario para que o novo Estado poidera manter a calidade de socio da Unión de xeito case que automático. Compre non esquecer que as institucions da UE son as máis interesadas en conservar o seu espazo: os seus mercados! 
 
En España o maniqueísmo fai que o debate sexa máis sinxelo e tamén máis irracional. A “España de siempre” necesita ter inimigos, aos que lles subministra vitaminas cando perden forza, pois se morren desaparecería unha das esencias da patria… E pola súa banda e por motivos de longa explicación, os dirixentes da “Catalunya espoliada” decidiron que neste intre convén ter un só problema: Madrid.
 
A polémica non é xurídica, senón políticamente oportuna.
 
Cando sexa necesario, as segregacións terán solución no ámbito da UE, que ninguén o dubide. Mais aquí e agora, no Reino de España, ese debate só serve para que o medo a un xogo de guerra reduza a desesperación que xera a realidade cotiá.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Félix Soria Félix Soria (Lugo, 1953) é xornalista e reside na Coruña desde o 2001. Estudou Filosofía e Letras e Dereito en Barcelona, onde viviu 28 anos, e tamén en Andalucia, Bélxica, Castela e Francia. Traballou ou colaborou con medios cataláns, andaluces, galegos e unha axencia francesa. Como xornalista, especializouse en información local, económica, xeopolítica e da Unión Europea, como correspondente en Bruxelas durante 6 anos. É o administrador do blogue http://im-pulso.blogspot.com.es/