Feijóo pide a Madrid un protocolo para actuar no caso de contaxios de residencias de anciáns

Con todo, a Xunta ten xa o seu protocolo. Recoñece, tras os últimos casos en Galicia, que “pode haber falta de información”.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2020 | Actualizada ás 19:01

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expuxo na videoconferencia de dirixentes autonómicos co xefe do Executivo central, Pedro Sánchez, a importancia das residencias de maiores e pediu que se impulse un protocolo de coordinación único e válido para todo o Estado entre as autoridades sanitarias e as sociais.

Unha persoa maior nunha residencia
Unha persoa maior nunha residencia

Ao mesmo tempo, destacou o protocolo posto en marcha pola Xunta que “está sendo mellorado coa experiencia que estamos vivindo estes días”, dixo en alusión ao crecemento de casos en catro residencias de Vigo, Santiago, Celanova e Caldas que suman case medio cento de contaxios entre usuarios e traballadores. “Trátase de que cada xerencia tutele as residencias de maiores na súa área territorial”, dixo.

Preguntado polas críticas de familiares que din non poder falar coa súa xente, Feijóo recoñeceu que “pode haber situacións de falta de información por incapacidade de contestar a todas as consultas en tempo real”. “Pero se traballa para mellorar a atención dos usuarios porque a maior parte deles teñen dificultade de movemento e nunca se deran tantas chamadas”, explicou.

FALTA DE MATERIAL

Nunha rolda de prensa posterior, o presidente galego subliñou que nas residencias de maiores e nos centros nos que viven discapacitados tamén falta material, á vez que esgrimiu que, mentres non chega este protocolo estatal único que considera "imprescindible", a Xunta avanza en "mellorar" os seus propios.

"Hai protocolos que imos mellorando e espero que mañá, con achegas clínicas e de experiencia, podámolo facer aínda máis", dixo o presidente, quen lembrou que en Galicia se deu a instrución de que cada xerencia sanitaria ten que tutelar as residencias e centros de maiores da súa área territorial.

"As autoridades sanitarias estarán atentas aos brotes de infección que se produzan nas residencias e tutelarán as instrucións a dar, a través dos médicos de Atención Primaria ou a través dos especialistas en medicina preventiva", avanzou, antes de lembrar que en Galicia son máis de 20.000 os cidadáns que viven neste tipo de centros, entre prazas públicas, concertadas, privadas ou de iniciativa social. "Todos os presidentes económicos e o propio Sánchez coincidimos en que, desde o punto de vista de prevención, as residencias son o foco máis importante que ten España", dixo.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reúnese por videoconferencia co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o resto de titulares autonómicos. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reúnese por videoconferencia co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o resto de titulares autonómicos. XUNTA | Fonte: Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta