O Goberno poñerá en marcha un ingreso mínimo vital

Os sindicatos valoran que El Corte Inglés asegure o emprego e os salarios tras presentar un ERTE. A CIG pide o cese das actividades na construción. O SLG pide flexibilizar os 500 metros de desprazamento para autoconsumo e UU.AA. chama a aprazar esas tarefas. Meliá, con tres hoteis en Galicia, tamén presenta un ERTE para 8.382 empregados en toda España

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 25/03/2020 | Actualizada ás 18:56

Comparte esta noticia

O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luís Escrivá, afirmou este mércores que o Goberno "está comprometido" coa posta en marcha dun ingreso mínimo vital, desde antes mesmo da crise sanitaria, económica e social que orixinou o coronavirus.

"Estamos a estudar o deseño da medida e en canto estea preparada nos seus detalles comunicarase e implementarase", sinalou Escrivá nunha rolda de prensa celebrada no Palacio da Moncloa xunto ao ministro de Sanidade, Salvador Illa.

Escrivá confirmou ademais que o Goberno traballa en medidas adicionais para protexer as empregadas de fogar dos efectos da crise derivada do Covid-19.

Preguntado pola prestación para pais que non poidan teletraballar e que teñan que coidar dos seus fillos, que se anunciou cando se pecharon os colexios, o ministro sinalou que esa prestación se pensou para unha situación moi concreta que se viu "amplamente superada", polo que o Goberno está a traballar en medidas "de maior amplitude".

Edificio de El Corte Inglés na Coruña
Edificio de El Corte Inglés na Coruña | Fonte: CIG

A Seguridade Social habilitou un teléfono de atención ao cidadán, que poderá solicitar todo tipo de información respecto ao Ingreso Mínimo Vital, desde os requisitos aos prazos. Este teléfono pasará a ser o 900 20 22 22 e terá un horario de 9:00h a 14:30h

ERTE EN EL CORTE INGLÉS

Os sindicatos máis representativos de El Corte Inglés, CC.OO., Fasga, Fetico e UGT, valoraron que o xigante da distribución asegurase o emprego e o mantemento do 100% dos salarios dos empregados afectados polo Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) que presentou este mércores por causa de forza maior derivado do Coronavirus.

A parte sindical valora "moi positivamente" as melloras aplicadas pola compañía sobre os mínimos que establece o Real Decreto para ERTE na situación actual "pois, ademais de asegurar o emprego, mantén o 100% dos salarios do persoal", sinalan nun comunicado conxunto.

En concreto, os sindicatos sinalaron que o expediente afecta a 22.000 traballadores de grandes almacéns, o que supón o 33% do persoal desta división, e que entra en vigor desde o pasado 14 de marzo e finaliza o 29 de marzo, prazo que pode ser prorrogable no caso de que se amplíe, xa que se está tramitando a ampliación do estado de alarma actualmente no Congreso dos Deputados.

CONSTRUCIÓN

Por outra banda, a Federación de Construción e Madeira da CIG solicitou á Xunta e ao Goberno central a inmediata paralización de toda a actividade no sector da construción e das actividades complementarias por tratarse dun persoal "especialmente vulnerable á sinistralidade laboral".

Nun comunicado remitido aos medios, a central nacionalista, que destaca a "forte incidencia" de enfermidades crónicas que afectan o aparello respiratorio como a silicose, asegurou que o persoal se ve "indefenso" ante a pandemia do coronavirus.

FRANXA DE 500 METROS

A orde da Xunta que facilita a mobilidade dos agricultores profesionais galegos tamén inclúe un punto relativo ao autoconsumo, polo cal están prohibidos os desprazamentos máis aló de 500 metros da vivenda habitual durante o estado de alarma.

Ante esta situación, en conversación con Europa Press, a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba, reclama "flexibilizar" esa distancia, aínda que apela á "racionalidade" dos produtores pola ameaza do coronavirus. Mentres, o líder de Unións Agrarias, Roberto García, admite que esta orde "non resolve o problema de fondo", pero fai un chamamento a aprazar esas tarefas no caso do autoconsumo, que "poden esperar perfectamente".

ERTE EN HOTEIS MELIÁ

Meliá Hotels International presentou este mércores un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) que afectará a 8.382 empregados dos seus hoteis, oficinas corporativas e rexionais situadas en España ante o peche dos seus hoteis pola crise sanitaria do coronavirus.
En Galicia, conta con tres hoteis nas cidades de: A Coruña (Meliá María Pita), Vigo (TRYP Os Galeóns) e Santiago de Compostela (TRYP, á beira do Corte Inglés).

En concreto, o ERTE afectaría a 1.050 traballadores das oficinas corporativas e 7.332 nos hoteis. No 90% dos casos, ao non poder desenvolverse as funcións, o expediente solicita regulacións temporais do 100%, e o 10% restante refírese a reducións de xornada do 50% para os traballadores cuxas funcións continúan sendo necesarias no marco do Plan de Continxencia.

No entanto, a compañía complementará a prestación por desemprego percibida polo traballador ata o 50% do seu salario bruto. Esta medida exclúe unicamente ao máximo órgano de dirección, aos vicepresidentes, directores de Operacións e directores de hotel, que manterán as súas funcións cunha redución do 50% nos seus salarios.

POSTA EN MARCHA DE ALOXAMENTOS TURÍSTICOS

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantivo na tarde deste mércores un encontro por videoconferencia cos diferentes representantes das diferentes organizacións provinciais do sector turístico para analizar a posta en marcha dos aloxamentos de garda en Galicia durante a crise do coronavirus.

O responsable de Turismo da Xunta abordou a situación co presidente da Asociación de Hostalería da Coruña, Héctor Cañete; da Asociación Provincial de Empresarios de Hospedaxe de Pontevedra, Cesar Ballesteros; da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo, José Francisco Real, e da Confederación de Hostalaría de Ourense, Ovidio Fernández. Ademais, no encontro tamén participou o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal.

Na cita, da que informou a Xunta nun comunicado, o conselleiro agradeceu aos representantes do sector a súa colaboración e lembrou que Galicia conta con 157 aloxamentos turísticos a disposición de persoas afectadas pola crise do Covid-19 como traballadores desprazados que presten servizos esenciais, colectivos de especial vulnerabilidade social, como persoas sen fogar, en exclusión social e vítimas de violencia de xénero, ou cidadáns en tránsito.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta