Denuncian a utilización de máscaras rotas e bolsas de plástico en residencias de anciáns ante a falta de material

Sindicatos cualifican de "desastre" a xestión que se está levando a cabo nestes centros, tanto de titularidade pública como privada.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/03/2020 | Actualizada ás 10:38

Comparte esta noticia

O persoal das residencias de maiores nas que aínda non se rexistraron casos positivos de coronavirus está a traballar con "máscaras reutilizadas" e mesmo emprega materiais alternativos para protexerse --como bolsas de lixo-- ante a falta de Equipos de Protección Individual e outros elementos.

Aínda que as residencias de maiores son un dos puntos de Galicia nos que cada día crece o número de contaxiados, aquelas que aínda non contan con casos positivos "están a reservar material" por se aparece algún diagnóstico de coronavirus. Esta decisión forza a xerocultoras, enfermeiras, limpadoras e a todo o persoal dalgunhas residencias galegas a traballar reutilizando máscaras "ata que rompen" ou vestindo un só EPI para toda unha quenda.

Así o denunciaron a presidenta do comité de empresa da residencia de Volta do Castro (Santiago), Mar Peteira e fontes laborais doutros centros de Ferrolterra consultadas por Europa Press. Ambas cualifican de "desastre" a xestión que se está levando a cabo nestes centros, tanto de titularidade pública como privada, que "pon en risco" a vida dos traballadores ao non realizar o test para comprobar o estado dos usuarios e do persoal.

Neste sentido, a responsable autonómica da CIG, Zeltia Burgos, apunta a que "non se está traballando sobre o risco de contraer o virus, senón para cando o virus xa estea na residencia". Algo que, a xuízo de Peteira "é un erro", porque se se realizasen as probas "e algún fose positivo poderíase actuar en consecuencia".

Con todo, as fontes consultadas sinalan que "os resultados das PCR están a se demorar" na zona de Ferrol e que algúns usuarios levan "dous días" esperando por unha proba da que habitualmente se coñece o resultado en 24 horas.

COMPLICACIÓNS E MEDO

O uso de bolsas de lixo e máscaras rotas ou reutilizadas tenta suplir a función dos EPIs que se gardan para "ter en stock", pero os traballadores aseguran sentir "medo" porque algúns estiveron "a traballar sen ningunha protección" cando xa había casos en Galicia, engade Mar Peteira.

Neste sentido, Zeltia Burgos puxo de manifesto que "tan importante é a seguridade dunha limpadora nunha residencia onde non hai casos de coronavirus ,como o é unha persoa que está a entrar nun quirófano", por iso os sindicatos esixen ás diferentes entidades unha "actitude preventiva".

No caso concreto das limpadoras, Burgos explica que "antes contaban con luvas e máscaras" para desempeñar o seu labor habitual, xa que ao manexar certas pezas de cama poden arriscarse a estar en contacto con determinados patógenos. Con todo agora "prohíbeselles" o seu uso para reservalos para afrontar o virus.

As fontes consultadas explican que usan "bolsas de lixo porque son impermeables", ao contrario que as batas, e só as poñen para intervir en habitacións nas que hai casos sospeitosos pero que aínda non están confirmados e inmediatamente despois tíranas.

A organización neste tipo de centros tamén cambiou. Os seus xerentes traballan por minimizar os contactos entre os usuarios que viven alí, pero isto tamén dificulta o labor dos seus empregados. "Non é o mesmo darlle para comer aos residentes nun comedor todos xuntos que ir planta por planta", aclaran a Europa Press.

INSTALACIÓNS QUE NON SON VÁLIDAS

Por outra banda, sindicatos como a Confederación Intersindical Galega (CIG) critican que se habilitaron residencias como a de Porta do Camiño, en Santiago, para atender aos usuarios de residencias de maiores que desen positivo en coronavirus.

Ao seu xuízo esta instalación "non é válida", xa que os baños son "compartidos" e "estruturalmente non reúne os requisitos" necesarios para albergar a poboación de risco infectada por esta enfermidade.

Voces do sector como Peteira reclaman "a utilización de espazos hospitalarios" como o Novoa Santos (Ferrol) ou outros que teñen zonas en desuso para atender aos pacientes cos medios e recursos humanos sanitarios necesarios.

RISCO PARA Os TRABALLADORES

Ante este escenario, a CIG non só censura o establecemento que se elixiu para habilitar este tipo de atención extraordinaria, senón que tamén denuncia "que se poña en grave risco a saúde dos traballadores" establecendo "quendas de ata 24 horas".

Entenden que o estado de alarma e a expansión da pandemia son circunstancias excepcionais, pero non toleran que "se vulneren os dereitos dos traballadores" e que a Xunta tome decisións de forma "unilateral".

Un operario con traxe de desinfeccion na Residencia de anciáns San Carlos de Celanova en Ourense -foco principal de contagios do Covid-19 ata agora na provincia galega- en Celanova (Ourense, Galicia, España), a 24 de marzo de 2020.. Rosa Veiga - Europa Press
Un operario con traxe de desinfeccion na Residencia de anciáns San Carlos de Celanova en Ourense -foco principal de contagios do Covid-19 ata agora na provincia galega- en Celanova (Ourense, Galicia, España), a 24 de marzo de 2020.. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

DETIDO POR SALTAR DÚAS VECES O CONFINAMENTO NA CORUÑA


A Policía Nacional detivo na Coruña a un home por incumprir en dúas ocasións as medidas establecidas de illamento social do estado de alarma e ignorar as indicacións dos axentes. Segundo informou a Policía Nacional, o primeiro arresto produciuse o pasado 18 de marzo cando unha dotación policial viu a un home sentado nun banco preto da praia de Riazor, polo que se achegaron a el e preguntáronlle o motivo polo que non se atopaba no seu domicilio.

O home respondeulles que estaba a tomar o sol e que "non cría no estado de alarma". Por iso, os policías procederon a identificarlle para proporlle para sanción administrativa por incumprimento do establecido no Real Decreto 463/2020. Despois de tomarlle os datos, indicáronlle que regresase ao seu domicilio para cumprir co confinamento decretado, ao que o home "opúxose en numerosas ocasións", destacaron as mesmas fontes policiais.

Os policías advertíronlle que, de seguir nesa situación, veríanse obrigados a detelo, ante o que o home respondeu nos mesmos termos e negouse a irse á súa casa. Por iso, os policías detiveron ao home por un delito de desobediencia.

Mentres, o pasado 24 de marzo, sobre as 17,00 horas, o mesmo home foi localizado por unha dotación policial cando camiñaba por un parque da cidade, polo que axentes procederon á súa identificación e proposta de sanción por incumprimento do establecido no Real Decreto 463/2020. Ademais, indicáronlle que debía volver inmediatamente ao seu domicilio.

Esa mesma tarde, ao redor das 18,00 horas, outra dotación policial localizouno noutro parque da cidade. Os policías achegáronse a el polo camiño no que paseaba e déronlle o alto en dúas ocasións, pero o individuo fixo caso omiso en ambas, destacaron as mesmas fontes, "mirando á dotación e continuando co seu paseo".

Por iso, os policías procederon a interceptalo e a solicitarlle a súa documentación. Ante a pregunta dos policías do motivo da súa presenza no lugar, o home respondeulles que se atopaba paseando, que non entendía a situación do estado de alarma e que non a acataba. A iso engadiu "que ninguén lle podía impedir saír a pasear", asegurou a Policía.

SANIDADE PIDE SUSPENDER VELORIOS

O Ministerio de Sanidade recomendou suspender os velorios para evitar a expansión do coronavirus e cerimonias fúnebres en toda España, segundo a última actualización do documento 'Pocedimiento para o manexo de cadáveres de casos de COVID-19', cuxa última versión é deste xoves 26 de marzo.

En concreto, o documento sinala que, "no contexto das medidas de distanciamento social adoptadas a nivel nacional para evitar a expansión do virus, deberíanse suspender os velorios e as cerimonias fúnebres". Ademais, precísase que "o destino final do cadáver pode ser o enterro ou a incineración".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta