O Sergas afirma que está preparado para a desescalada e que vai "coidar dos profesionais"

O Sergas empeza o estudo epidemiolóxico para coñecer a incidencia da COVID en Galicia. Cos datos pretende "planificar o desescalado" e "ter preparados os recursos sanitarios para previr unha segunda onda" do virus. Ademais, asegura que avaliou "a inmensa maioría" das persoas que usaron as máscaras retiradas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/04/2020 | Actualizada ás 13:30

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde asegura que o sistema sanitario de Galicia está preparado para a desescalada no marco da crise do COVID-19 coa "maior rede de alerta epidemiolóxica" con todos os seus recursos.

Así o asegurou, en declaracións a Europa Press, o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, quen destacou que o Sergas conta cun "protocolo único consensuado" de "seguimento con test para os profesionais" e que, matizou, se pode consultar actualizado na súa web. "Está colgado para que todo o mundo vexa o que imos facer de forma clara e transparente", abundou.

Nesta liña, Aboal incidiu, tras as peticións dos colexios médicos e de Enfemería para que se lles realicen test de COVID-19 aos sanitarios de forma regular, que van "coidar dos profesionais".

"Imos estar monotorizando, controlando e seguindo o seu estado de saúde en relación ao contacto co COVID en Atención Primaria, como Hospitalaria, tanto en Enfermaría como médicos", subliñou o director xeral. "A todo o persoal sanitario temos que coidalo porque son os que nos coidan a nós", sentenciou.

"POR SUPOSTO" QUE ESTÁ PREPARADA

Preguntado sobre se a Atención Primaria está preparada en Galicia para a desescalada Aboal subliñou que "por suposto que si", con "magníficos profesionais" e unha "rede con 465 centros de saúde e 90 Puntos de Atención Continuada".

"Temos magníficos profesionais que van xogar un papel fundamental, ademais de na desescalada, na detección de novos casos, illamento de novos casos, identificación de novos brotes, para estar moi alerta", subliñou Aboal para engadir que "se vai constituír a maior rede de alerta epidemiolóxica con todos os recursos que temos en Atención Primaria".

Un infectado de coronavirus sendo trasladado en ambulancia ao hospital por persoal sanitario
Un infectado de coronavirus sendo trasladado en ambulancia ao hospital por persoal sanitario | Fonte: © Miguel Núñez

ESTUDO EPIDEMIOLÓXICO A PARTIR DO XOVES

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) empezará este xoves o estudo epidemiolóxico para coñecer a incidencia da COVID-19 na poboación de Galicia e espera ter os primeiros resultados nunhas dúas semanas, para realizar unha segunda fase a partir, previsiblemente, do "23 de maio".

Así o asegurou, en declaracións a Europa Press, o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, quen explicou que a mostra será de 50.925 persoas e este xoves se empezará a chamar á xente --seleccionada a partir de indicacións do Instituto Galego de Estatística--, que terá que acudir, en caso de aceptar participar, ao seu centro de saúde "para que lles sexa máis fácil" facer o test.

Será con cita previa, puntualizou, polo que se empezará a chamar desde este xoves e, "como a mostra nos 465 centros de saúde está repartida de forma diferente", comentou Aboal, haberá algúns que o "propio xoves poderán empezar a facer os test" e haberá outros que citarán desde o venres aos participantes.

"Calculo que nunha semana ou en 10 días, porque non todas as mostras son iguais para unha alta precisión, teñamos toda a mostra realizada", afirmou. Ademais, Aboal explicou que o IGE sinalou as mostras a realizar por centro de saúde, comarca e área sanitaria, para a que hai "suplentes" se non aceptan os incluídos na mostraxe.

Deste xeito, o Sergas espera concluír nunha semana ou dez días as mostras e contar en "dúas ou tres días" os "primeiros" datos "preliminares", o que se enmarca na primeira fase do estudo. Na segunda fase, puntualizou Aboal, vaise "repetir unha mostra do mesmo tamaño catro semanas máis tarde". A última semana do mes, previsiblemente desde "o 23 de maio" faranse outro 50.925 test e outros tantos cidadáns será chamados porque "a mostra é aleatoria simple".

"O azar fai que o Servizo Galego de Saúde se comunique contigo e che de unha cita para achegarche polo centro, unha picada no dedo e dicirche se tiveches contacto ou non tiveches contacto co virus", subliñou Aboal.

A mostra de participantes, que o IGE instou a separar por homes e mulleres, fixéronse tres subgrupos por diferenzas de idade: menores de 19 anos, entre 19 e 64 e maiores de 64 anos. "Así teremos os resultados da circulación na poboación infanto-xuvenil, na adulta e na terceira idade", matizou.

"Isto é moi importante para o desescalado, para ver que persoas son máis vulnerables, que zonas son máis vulnerables e dar as recomendacións para a volta á vida normal", subliñou Aboal, que matizou que, ao seu xuízo, "vida normal" non haberá "ata que a vacina estea estendida".

CIRCULACIÓN

O "importante" desta enquisa epidemiolóxica, destacou o director xeral de Asistencia Sanitaria, "é coñecer con exactitude a circulación que tivo o virus na comunidade autónoma" para "dous obxectivos". Deste xeito, Aboal apuntou, por unha banda, "planificar o desescalado, a volta á normalidade" e, por outra, "ter preparados os recursos sanitarios tanto en Atención Primaria, como en Hospitalaria, Urxencias, plantas de hospitalización e UCIs para previr unha segunda onda".

REFERENCIA

Aboal explicou que o Goberno de España fará, pola súa banda, un estudo epidemiolóxico global para todas as comunidades no que Galicia "participa". Para esta sondaxe na autonomía galega "a mostra son unhas 4.000 mostras que hai que facer". O seu obxectivo é o "coñecemento a nivel global da circulación do virus por toda España", apostilou.

"A nosa sondaxe é máis particular, máis detallado. En Galicia temos peculiaridades de dispersión e lonxevidade", comentou Aboal, que estimou que "as catro provincias galegas non van ter o mesmo comportamento seguro". "É moi importante para o desescalado e para previr e estar atentos cos recursos asistenciais o saber en detalle en Galicia como foi a circulación", sentenciou.

Por iso, insistiu en que este estudo epidemiolóxico "será compartido" co resto das comunidades. "Mandaranse os resultados e as conclusións tamén a Madrid para que saiban en Galicia en concreto e detalle como circulou o virus e terá acceso a iso todo o mundo", asegurou.

"Un estudo cunha mostra tan grande, de 102.000 persoas, é un estudo do que se poden sacar moitas conclusións", sentenciou, para abundar que "non só para o territorio español, senón internacionalmente este será un estudo de referencia para outras comunidades que se poidan parecer a Galicia en Italia, Grecia... cunha poboación parecida".

"TAXA DE ATAQUE"

"A enquisa epidemiolóxica vainos dar a porcentaxe de taxa de ataque do virus na nosa comunidade, que creo que vai ser moi baixo por todas as medidas anticipadas que fixemos desde o Goberno e a Xunta, de forma preventiva, pois conseguiron que a curva en Galicia tivese un impacto que os recursos asistenciais puideron cubrir a súa asistencia sanitaria e que isto significou a taxa de ataque do virus en Galicia foi moi baixa", concluíu Aboal.

"A cara B é que hai un gran número de persoas susceptibles, estamos moi expostos a unha segunda onda ou á terceira, temos que estar moi pendentes destas ondas e temos que actuar como con esta, con previsión, con medidas", insistiu. "Unha taxa de ataque superior ao 35% bloquea os servizos sanitarios, como vimos con horror o que sucedeu en Madrid e Cataluña, que quedan colapsados". "Iso é o que non pode suceder en Galicia", concluíu.

SOBRE AS MÁSCARAS DEFECTUOSAS

O Servizo Galego de Saúde asegurou que avaliou "a inmensa maioría" do persoal que usou as máscaras retiradas do fabricante Garry Galaxy porque presentaban un defecto e incidiu en que "quen ten que estar illado neste momento o sabe".

Respecto do sucedido con estas máscaras, os colexios profesionais de Enfermaría recomendan a quen as utilizaron "e que non fosen identificados ou requiridos para o efecto", o poñan en coñecemento da "correspondente unidade de saúde laboral a fin de que se poida avaliar o eventual risco derivado do emprego deste material defectuoso".

"A pesar da inmediata retirada do material defectuoso polo Sergas, os colexios provinciais de Galicia reivindican a importancia de que todo o persoal sanitario sexa dotado co material adecuado para afrontar as súas intervencións profesionais, algo que xa remarcaran na reunión mantida o pasado 7 de abril co conselleiro de Sanidade e que a estas alturas debese de estar liquidado", destacaron nun comunicado.

Naquela reunión, da que este martes, destacaron as entidades colexiais, remitiron os colexios a Sanidade unha listaxe de reivindicacións entón trasladadas, "expúxose a palpable necesidade de material para as enfermeiras, o colectivo profesional máis exposto á infección, como un dos principais puntos de esixencia entre os que tamén se incluíron a importancia da Atención Primaria, a contratación efectiva de enfermeiras, a necesidade dun plan de actuación para a fase de desescalado, así como homoxeneizar protocolos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta