Asociación Defensa da Sanidade pídelle a Feijóo que non busque "réditos electorais" coa crise

Pídelle que non poña escusas para non recuperar a actividade hospitalaria e unha "urxente avaliación" no "terreo sociosanitario".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/04/2020 | Actualizada ás 10:17

Comparte esta noticia

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública reclama á Xunta que reforce a Atención Primaria ante a desescalada no marco da crise sanitaria polo coronavirus COVID-19 e urxe a recuperar a "plena actividade dos hospitais" con operacións e consultas. Este martes, Feijóo anunciaba que incrementará a "teleasistencia" a pesar do gran número de poboación envellecida que hai en Galicia.

Así o manifestou esta asociación nun comunicado de prensa no que admite a "complexidade e magnitude desta pandemia" na que "xurdiron moitas dificultades, novas, ás que non era fácil darlle unha resposta rápida e adecuada".

Pero esta asociación incide en que outras situacións "nas que se viviron momentos moi críticos e de risco non tiñan que ver coa situación provocada pola aparición da COVID-19" senón que, ao seu xuízo, "foron "mal xestionadas e moi graves que teñen explicación nos déficits, recortes e privatizacións que levan feito ao longo destes anos polo señor Feijóo e as políticas neoliberais do PP", apostilou.

Por iso, pídenlle ao Goberno autonómico que "teña unha actitude autocrítica" e recoñeza que "o defendido por eles e as políticas que implementaron son a causa de moito sufrimento e das incertezas que levan ocorrido durante estas últimas semanas". Tras afirmar que "é moi pronto" para facer avaliacións de conxunto desta pandemia, a asociación matiza que "os éxitos ou fracasos non veñen dado só polo dato cuantitativo do número de contaxiados ou de falecidos".

Deste xeito, denunciou unha "constante de recortes na epidemioloxía e loita contra as infeccións que só reciben o 0,9% do orzamento sanitario, a maioría para organizacións privadas", lamentou, para criticar as "perdas de camas do sistema público".

Así mesmo, lamentou que a xestión dos equipos de protección e outras medidas de prevención de riscos laborais "foron moi erráticas e con constantes desabastecementos de material e medios" tanto en xeriátricos como en dispositivos sanitarios "a pesar de ter total capacidade de xestión neste terreo", matizou.

PRIMARIA

"A Atención Primaria, a pesar dos recortes, tivo un importante papel na asistencia á poboación confinada", reivindicou e esixiu que ante o "previsible descenso da epidemia e a desescalada do confinamento, hai que reforzala para que leva a cabo a actividade de vixilancia, diagnóstico precoz de novos casos, atención domiciliaria das persoas afectadas que non necesitan hospitalización", entre outras tarefas.

Tamén considera "moi urxente" esta asociación "recuperar a plena actividade dos hospitais que aprazaron consultas, probas, intervencións cirúrxicas..." pola epidemia. "As enfermidades seguen afectando á poboación e é necesario recobrar o funcionamento normal para evitar sufrimentos, complicacións ou mortes innecesarias", sentenciou.

Ademais, tras lembrar que o gran foco da mortalidade pola COVID-19 concentrouse nas persoas maiores con patoloxías previas, especialmente as que están en residencias, esta asociación reclamou unha "urxente avaliación" da "realidade das políticas da Xunta no terreo sociosanitario".

"Pedimos tanto ao Goberno galego como ao resto de organizacións políticas que somen esforzos, que mostren propostas, que sexan críticos construtivos e autocríticos, pero, sobre todo, que non perdan de vista que este non é un momento para buscar a rendibilidade electoral", concluíu esta asociación.

Manifestación en Santiago de Compostela  dos médicos de Atención Primaria de Galicia para solicitar maior tempo de atención aos seus pacientes. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Manifestación en Santiago de Compostela dos médicos de Atención Primaria de Galicia para solicitar maior tempo de atención aos seus pacientes. Álvaro Ballesteros - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta