Galicia roza os 500 mortos por COVID-19 despois do falecemento de tres persoas en hospitais

En residencias de maiores houbo nove mortos. Unha cifra que eleva os falecidos a case medio milleiro.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 23/04/2020 | Actualizada ás 13:05

Comparte esta noticia

A morte de 3 persoas en hospitais nas últimas horas elevou a 495 o número de falecidos con coronavirus en Galicia, nunha xornada na que a Consellería de Sanidade tamén notificou un repunte no falecemento de usuarios de residencias, ao informar de 16 novos casos (9 falecidos nos propios centros xeriátricos e outros 7 en hospitais e residencias integradas).

Así, nas últimas horas, morreu un home de 66 anos de idade que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), e outro home, de 83 anos de idade, ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), ambos con patoloxías previas. A eles súmase a morte dunha muller de 88 anos de idade, sen patoloxías previas, e que tamén estaba ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

Con esta actualización, o número de falecidos en hospitais galegos debido á pandemia é de 378, aos que hai que sumar unha muller que recibía atención hospitalaria a domicilio e que faleceu hai uns días.

Por áreas, rexistráronse 109 mortes na área sanitaria da Coruña, 74 na área de Vigo, 74 na área sanitaria de Ourense, 59 mortes na área sanitaria de Santiago, 23 na área de Ferrol, 25 na área de Lugo e 15 na área sanitaria de Pontevedra.

Evolución de casos de coronavirus en Galicia ata o 23 de abril de 2020, segundo datos do Ministerio de Sanidade.. EP DATA
Evolución de casos de coronavirus en Galicia ata o 23 de abril de 2020, segundo datos do Ministerio de Sanidade.. EP DATA | Fonte: Europa Press

MORTES EN RESIDENCIAS

O número de usuarios de residencias de maiores falecidos con coronavirus subiu  este xoves, no que se comunicou a morte de 16 persoas vinculadas a estes centros residenciais en Galicia (9 falecidos nos propios centros xeriátricos e outros 7 en hospitais ou residencias integradas).

Así, fontes sanitarias informaron do falecemento, nas últimas horas, de 4 usuarios na residencia Claudina-Somoza da Coruña, outro na residencia O Portazgo (A Coruña), un na Fundación José Otero (Santiago), outro na residencia A nosa Señora da Esperanza (Ourense), outro na residencia San José (Ourense) e outro máis no centro de maiores San Pedro (Crecente).

Coa última actualización de datos, o número de maiores falecidos dentro das propias residencias elévase a 116. Ademais, Sanidade confirmou que, ata o momento, morreron outras 110 persoas vinculadas con centros residenciais (que faleceron en hospitais ou en residencias integradas), sete delas nas últimas 24 horas.

Atendendo a estes datos, o número de persoas falecidas vinculadas con centros residenciais ascende a 226, un 45,6 % do total de vítimas mortais da COVID en Galicia.

O nove falecidos comunicados este xoves (que se corresponden con datos solicitados do día anterior) supoñen o maior número de mortes diarias en residencias desde que se empezou a informar deste dato, a principios de abril, e reflicten un incremento notable con respecto a días pasados.

Na última semana, as cifras de falecidos cada día en residencias oscilaron entre 1 e 5, e mesmo se comunicou o pasado 17 de abril que, nas horas previas, non falecera ningún usuario nos centros xeriátricos.

BALANCE POR RESIDENCIAS

Desde que empezou a pandemia morreron 22 maiores dentro do centro DomusVi de San Lázaro, 19 no DomusVi de Cangas, outros 20 na residencia A nosa Señora da Esperanza, 11 na DomusVi do barrio vigués de Barreiro, e 5 na residencia Moledo (Vigo).

Tamén se produciron 8 no Portazgo (A Coruña), un no Fogar Bellolar, outro na residencia de Castro Caldelas, 7 en Remanso Claudina-Somoza (A Coruña), 4 na DomusVi Matogrande (A Coruña), tres na Santa Teresa de Jornet (A Coruña), un na Caser A Zapateira (Culleredo), un en San Carlos de Celanova, dous na residencia Divino Mestre (Ourense), 3 na residencia San Pedro de Crecente, dúas nas Fragas de Pontedeume.

Finalmente, faleceu tamén un usuario na residencia de Bande, un na de Foz, outro na nosa Señora de Fátima (Barco de Valdeorras), un na residencia DomusVi Concepción Areal da Coruña, un residente no centro San José de Ourense, e outro na Fundación José Otero de Santiago.

Ás mortes rexistradas en residencias, deben sumarse os falecidos en hospitais --que este xoves se elevaron ata 378 persoas--, e unha persoa máis, que faleceu no seu domicilio, onde recibía atención hospitalaria. Así, o total de falecidos con COVID en Galicia ascende a 495 persoas.

ALTAS EN RESIDENCIAS

As persoas curadas en residencias de maiores segue aumentando cada día e este xoves chegou ás 35 altas entre usuarios e 24 entre traballadores destes centros, o maior número de recuperados en 24 horas.

Desta maneira, os casos activos en residencias de maiores baixan ata os 812 casos entre residentes e os 302 entre empregados, segundo informou este xoves a Consellería de Sanidade. A mesma institución tamén rexistrou a morte de 16 persoas procedentes deste tipo de instalacións durante a pasada xornada.

A maior parte das altas entre usuarios recibíronas os maiores da residencia Divino Mestre (12) e tamén seis persoas curáronse na Fundación José Otero, cinco na nosa Señora de Fátima (O Barco de Valdeorras), catro en Concepción Arenal, tres en Remanso Claudina-Somoza, dous en Fogar Bellolar, unha en DomusVi Matogrande, unha en Castro Caldelas e outra na DomusVi de Pereiro de Aguiar, en Ourense.

Pola súa banda, recuperáronse nove traballadores de Remanso Claudina-Somoza, tres de DomusVi Monforte, dous de Concepción Arenal, dúas de Fundación José Otero, dúas de Fogar Bellolar, dúas de Foz, unha de Castro Caldelas, un da nosa Señora de Fátima, un de Melide e outro do Portazgo.

CENTROS MÁIS AFECTADOS

Mentres tanto, os casos activos permanecen maioritariamente na DomusVi de Cangas con 89 afectados, na residencia A nosa Señora da Esperanza de Ourense, con 72; en DomusVi Barreiro con 70; DomusVi San Lázaro con 64 e A nosa Señora de Fátima con 48.

Outras instalacións con alto número de contaxiados son Santa Teresa Jornet da Coruña (57), Remanso Claudina-Somoza da Coruña (42), DomusVi Matogrande (41), O Portazgo (38) e Fundación San José Hermanitas de Ourense (38).

Os traballadores destas residencias que padecen o virus descenden tamén a 302 e A nosa Señora da Esperanza de Ourense aínda é o maior foco de infectados, cun total de 34. Mentres tanto, tamén contan cunha gran porcentaxe de infectados os persoais de Divino Mestre de Ourense (18), DomusVi San Lázaro (20), A nosa Señora de Fátima (17) e DomusVi Cangas (17).

DESECENSO DE INGRESOS NA UCI

O número de casos activos de coronavirus COVID-19 en Galicia ascende este xoves a 6.647, o que supón 113 máis que a xornada anterior --un 1,7% máis--, mentres as altas de pacientes aumentan en 51 ata as 1.676.

Os pacientes con coronavirus COVID-19 ingresados en UCI en hospitais de Galicia volveron a descender, catro menos que o mércores, e sitúanse en 92, nunha xornada na que tamén se rexistra unha baixada das persoas hospitalizadas noutras unidades, de 585 a 568, nas últimas 24 horas.

Segundo os datos facilitados polas áreas sanitarias, na da Coruña e Cee hai 150 pacientes ingresados, deles 23 en UCI e 110 en planta do Chuac. A eles súmanse outro en planta no Hospital de Cee; outro no Quirón; 12 no Modelo e tres no San Rafael. E engádense outro oito altas.

Na área de Ferrol, polo seu lado, hai 382 casos activos, dos cales 355 corresponden a pacientes en domicilio e 27 ingresados en hospital, cinco deles en UCI e 22 noutras unidades de hospitalización). Ata a data tramitáronse 78 altas hospitalarias.

Na área de Vigo os pacientes activos con COVID-19 sitúanse en 1.164, dos que 77 atópanse hospitalizados, deles 19 en UCI --12 no Hospital Álvaro Cunqueiro, cinco en Povisa e dous en Fátima--. A día de hoxe rexistrou 370 altas.

Pola súa banda, na área de Ourense, Verín e O Barco, dos 1.311 casos activos, 1.126 corresponden a pacientes en seguimento domiciliario, 169 ingresados en planta e 16 en UCI. Estes últimos con "prognóstico grave", segundo puntualizan fontes sanitarias. Nesta área sanitaria, segundo os datos facilitados, as altas ascenden a 275 e rexistráronse 99 falecementos. As PCR realizadas ata a data foron 12.067.

Na provincia de Lugo este xoves os casos activos sitúanse en 627, o que supón 13 máis que a xornada pasada, dos cales sete son pacientes en UCI --igual que o mércores--, 26 noutras unidades de hospitalización --dúas menos-- e 594 en seguimento domiciliario --15 máis--.

Ata o momento na área de Lugo, A Mariña e Monforte contabilizáronse 126 altas e 26 falecementos, o que eleva os casos totais de COVID-19 na provincia a 779. Na área de Pontevedra e O Salnés, pola súa banda, hai 25 pacientes con COVID-19 hospitalizados en planta e cinco en UCI, mentres 505 están no seu domicilio, o que sitúa en 535 os casos activos.

Desde o inicio do plan de continxencia do COVID-19 faleceron nesta área sanitaria 15 pacientes e prescribíronse 153 altas hospitalarias desde o comezo da pandemia, catro máis que este mércores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta