O PP mantén que é "precipitado" falar de eleccións en Galicia, pero non pecha ningunha porta

Lembra que o decreto electoral establece como condicións que pase o estado de alarma e que se desactive tamén o de emerxencia sanitaria.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/04/2020 | Actualizada ás 16:38

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, reafirmouse este luns en que é "precipitado" falar das eleccións galegas, que estaban previstas inicialmente para o 5 de abril e que quedaron suspendidas por mor da crise sanitaria do coronavirus. En todo caso, tampouco pechou a porta a ningunha data pola que poida optar o presidente, Alberto Núñez Feijóo.

Papeletas no Colexio CEIP Cruceiro de Canido de Ferrol
Papeletas no Colexio CEIP Cruceiro de Canido de Ferrol | Fonte: Europa Press.

Puy lembrou que o decreto electoral establece como condicións que pase o estado de alarma e que se desactive tamén o de emerxencia sanitaria. "Aínda estamos a iniciar unha prórroga máis (do primeiro)", apuntou, para engadir que é "precipitado falar destas cuestións". "O primeiro é o primeiro, que a situación permita levantar o estado de alarma e despois o de emerxencia sanitaria", engadiu.

Baixo o seu punto de vista, mentres isto non suceda a data electoral non debería "estar nin na axenda", xa que "só introduce confusión". Non en balde, mostrouse convencido de que tamén a formulación que o lehendakari vasco, Iñigo Urkullu, puxo sobre a mesa a finais da semana pasada —situou o foco en xullo— é "precipitada".

"As eleccións serán cando se poida, o contexto cambiou, agora mesmo ninguén está a pensar nas eleccións", remarcou. Con todo, preguntado acerca de se dentro dun mes podería ser xa o momento de introducir o debate electoral na axenda (aínda daría marxe para celebrar a cita coas urnas a finais de xullo), non o descartou.

Para Puy, "oxalá" sexa posible expor este debate dentro dun mes, porque iso "quererá dicir que as cousas van mellor". "Pero depende da evolución da pandemia", insistiu, convencido de que "non está na axenda diaria" de Feijóo, quen "xestiona" unha crise na que se están perdendo vidas. Chegado o momento, lembrou que, conforme determina o decreto, Feijóo terá que ouvir á oposición.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

O estado de alarma non se vai levantar ata que o goberno central consiga arrabuñar o seu famoso Pacto de Reconstrucción (?) é dicir, ata que teña unha maioría suficiente para aprobar os orzamentos de 2021 ! Así que Feijoo seguirá instalado en Monte Pío do mesmo xeito que Pedrito seguirá paseándose polos xardíns da Moncloa (?)