A Xunta reforzará o equipo de Seaga para a retirada de niños de velutina

Os efectivos atenden máis de 2.000 avisos desde a posta en marcha do plan de loita hai catro meses.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2020 | Actualizada ás 15:27

Comparte esta noticia

A Xunta reforzará a partir da próxima semana o equipo de intervención da empresa pública Seaga —que actúa desde principios de ano— para a retirada e destrución de niños de avespa velutina ata completar o número de efectivos previsto.

Avespa velutina
Avespa velutina | Fonte: Charles J. Sharp.

O persoal recibirá formación para unirse ao equipo de intervención e contará con novos equipos para ser máis eficientes como marcadoras de aire comprimido de gran alcance, pértegas máis lixeiras e bombas de batería para a impulsión de biocida.

Este anuncio chega despois de que o pasado domingo falecese un home de 54 anos por unha picadura de avespa velutina en Santiago de Compostela. Ademais, a Xunta subliñou que mantén a atención a avisos durante o estado de alarma a través do teléfono 012, aínda que explica que as alertas baixaron debido ao confinamento.

Este martes, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou as instalacións en Pontevedra de Seaga, encargada desta encomenda, no marco do plan de loita contra a velutina posto en marcha pola Fegamp e ao que están adheridos 278 concellos, o 90% do total.

A este respecto, Alfonso Rueda instou aos cidadáns a informar ao 012 cando detecten a presenza dun niño desta especie debido ao seu aumento nesta época deste ano. Remarca que o Goberno galego ofrece "unha atención profesional con equipos ben preparados que contan cos medios necesarios" ante esta problemática.

MÁIS DE 2.000 AVISOS

Nos catro meses de funcionamento do plan —desde o 20 de xaneiro— os efectivos de Seaga atenderon máis de 2.100 avisos —uns 17 de media por xornada—. Dous terzos deles nas provincias da Coruña (840) e Pontevedra (652).

Ademais, desde febreiro infórmase por SMS do estado dos avisos ás persoas que comunican a súa presenza.

O plan de loita contra a velutina está dotado con 2,3 millóns de euros de fondos propios da Xunta e o Fondo de Cooperación Local.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta