Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/06/2020 | Actualizada ás 18:53
Tras un mes de abril bastante chuvioso, maio trouxo a primavera definitivamente a Santiago, con máis de 230 horas de sol e temperaturas máximas nos seus últimos días por encima dos 33 graos.
Segundo os datos da estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, durante o quinto mes de 2020 medíronse 236 horas e media de insolación, "en consonancia coa normalidade desta estación", explican os seus responsables.
A temperatura máxima absoluta chegou aos 33,2 graos medidos o día 28, preto dos 32,4 graos do día 29 e os 32,1 do día 27. Tamén o día 30 os termómetros pasaron lixeiramente dos 30 graos.
"Esta situación, aínda que non é habitual, tampouco conforma unha rareza a finais dos meses de maio, polo menos na contorna de Compostela", apuntou o profesor da USC José Ángel Docobo, responsable do Observatorio.
Así, por exemplo, o 29 de maio de 2001 chegouse aos 34,9 graos, e o 24 de maio de 2017, aos 34. Así mesmo, a máxima do 31 de maio do ano pasado (33,7 graos), resultou ser a máis calorosa de 2019.
Con todo, para atopar un mes de maio en Santiago con máis de catro días por encima dos 30 graos, hai que remontarse ao ano 1991. Naquel momento foron seis as xornadas, a finais daquel mes, nas que sucedeu, cun pico de 33,5 graos o día 23.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.