O eclecticismo xoga a prol do cianuro

O eclecticismo (do verbo grego “eklegein”, escoller) é unha escola da filosofía (en grego, amor á sabiduría) cuxo método de estudo consiste en coller distintas visións da realidade máis diferentes ideas e criterios doutras escolas filosóficas e de todo tipo de disciplinas, e mesturar todo coa finalidade de construír unha tese uniformadora ou universal na procura da inasequible verdade… Os resultados aos que chega quen practica o eclecticismo sempre son persoais, pois filosofar de xeito ecléctico permite conclusións ao gusto do pensador ou de quen consumirá a súa tese, xa que logo é posible xustificar unha cousa e a contraria.

Por Félix Soria | A Coruña | 16/01/2013

Comparte esta noticia
Estes días ven de quedar demostrado unha vez máis que na Galicia hai moitos eclécticos. Por riba, prácticase unha variante do eclecticismo moi perigosa: a de facer comparacións entre feitos, entidades, decisións, persoas, obxectos, ideoloxías e cousas que son de calidade, composición e significados diferentes. 
 
Desde hai uns días, os eclécticos tentan convertir o debate sobre o proxecto mineiro de Corcoesto nunha torre de Babel.
 
Non e a primera vez que o eclecticismo trunfa en Galicia e destrúe debates socio-políticos e económicos. 
 
Confundir escenarios 
 
Vexamos os feitos que mesturan os eclécticos no caso da mina: unha multinacional canadense presenta un proxecto para obter ouro das rochas mediante a separación do metal con cianuro; a iniciativa xera rexeitamento social; o Goberno galego decide apoiar á empresa; os grupos de oposición no Parlamento de Galicia se posicionan na contra; a empresa de comunicación máis importante do país (Grupo Voz) é favorable á iniciativa mineira; faise público que a responsable de comunicación de Edgewater é a muller do executivo número un dese grupo de comunicación; AGE (Xosé Manuel Beiras) lidera a introdución do asunto na Cámara autonómica; un membro da Real Academia Galega (Franco Grande) se pronuncia a prol da mina e critica a Beiras por rexeitar a inversión de Edgewater; faise público que Franco Grande e o pai da responsable de comunicación da multinacional na Galicia; ao mesmo tempo un xuíz acepta abrir procedemento xudicial contra o ex-presidente da Deputación de Ourense, o que reaviva o debate sobre a corrupción…
 
Marxinar o substancial 
 
Os eclécticos aproveitan o debate para falar de todo eso e máis, para o que prescinden de cuestións fundamentais:
Un, esquecen que o máis importante do debate é o feito de que o Goberno galego apoie un negocio de forte impacto ecolóxico na contra dos cidadáns que residen no territorio no que se desenvolverá a actividade;
Dous, esquecen que La Voz de Galicia SA é unha empresa privada é, xa que logo, a súa posición é lexítima, tamén criticable, pero á marxe da mina;
Tres, esquecen que a intervención do deputado Beiras no conflito é allea ás liortas que remataron co abandono do BNG polos irmandiños;
Catro, esquecen que a opinión de Franco Grande é persoal, non como académico, ben sexa porque pensa ca mina é boa para Galicia ou por interese persoal;
Cinco, esquecen que a Real Academia Galega e o seu presidente, Méndez Ferrín, permanecen ao marxe do debate; e
Seis, esquecen que a tramitación do proxecto mineiro segue os pasos que marca a lexislación (o único feito irregular comprobado ata o de agora é que Edgewater utiliza un inmóbel sen ter obtida a licenza de actividade. E sen ánimo de xustificar ese feito, é obrigado subliñar que cada ano se rexistran ducias de situacións semellantes, pois o problema non son as empresas, senón que Administración pecha os ollos de xeito cotiá coas grandes empresas, con Edgewater e tamén cas pequeñas e con Manoliño, Paco, Xosé, etc. etc. etc…)
 
Mesturar debates 
 
Pois ben, algúns eclécticos optan por aproveitar o debate da mina para satanizar de xeito xeralizado aos xornalistas de La Voz porque a empresa editora (¡non eles!) se pon ao servizo dun negocio privado; outros introducen a Baltar para acusar a Ferrín de corrupción aproveitando que Franco Grande é membro da Academia e que o Anllóns pasa por Corcoesto e, por riba, prescinden de que a Deputación é un ente do Estado, coa equiparan á RAG, que non e unha institución pública. E xa postos, os eclécticos meten no debate os pleitos que provocaron a marcha dos irmandiños do BNG porque, ao parecer, veñen de descubrir que en Corcoesto o deputado Beiras pactou con Ferrín, con Franco Grande e con La Voz unha estrena alianza na contra dunha non se sabe que e dunha Galicia que non existe…
 
Os eclécticos mesturan ata matar a racionalidade, cando o que correspondería é abrir outros debates; por exemplo, sobre a ética informativa de La Voz (ou a falla dela); ou para determinar se a RAG e outras entidades civís ou culturais teñen a obriga de respectar criterios de xestión e de contratación públicos que non respecta quen debe facelo (a Administración); ou reabrir o debate sobre a marcha dos irmandiños do Bloque (¡este asunto é unha mina moi produtiva!)
 
O eclecticismo naceu en Grecia, pero na Galicia hai eclécticos para dar traballo a outro Platón, que revalorizou aos socráticos (os escépticos) para avanzar en ética, antrololoxía, cosmogonía, epistomoloxía, metafísica e outros coñecementos e demostrou que mesturar os problemas limita a intelixencia e a comprensión da realidade.
 
No debate do ouro e do cianuro todo inflúe, certo, pero convén non agochar o substancial nin aos protagonistas: Edgewater, o Goberno galego e os veciños.
 
Benvidos sexan os “invitados” a Corcoesto, pero urxe calar aos eclécticos que utilizan a mina como altofalante doutras teimas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Félix Soria Félix Soria (Lugo, 1953) é xornalista e reside na Coruña desde o 2001. Estudou Filosofía e Letras e Dereito en Barcelona, onde viviu 28 anos, e tamén en Andalucia, Bélxica, Castela e Francia. Traballou ou colaborou con medios cataláns, andaluces, galegos e unha axencia francesa. Como xornalista, especializouse en información local, económica, xeopolítica e da Unión Europea, como correspondente en Bruxelas durante 6 anos. É o administrador do blogue http://im-pulso.blogspot.com.es/